En informática, un proceso é a instancia dun programa informático que se executa mediante un ou varios fíos. Existen moitos modelos de procesos diferentes, algúns dos cales son lixeiros, pero case todos os procesos (mesmo máquinas virtuais enteiras) baséanse nun proceso do sistema operativo (SO) que comprende o código do programa, os recursos do sistema asignados, os permisos de acceso físicos e lóxicos e as estruturas de datos para iniciar, controlar e coordinar a actividade de execución. Dependendo do SO, un proceso pode estar composto por varios fíos de execución que executan instrucións simultaneamente.

Mentres que un programa informático é unha colección pasiva de instrucións que normalmente se almacenan nun ficheiro no disco, un proceso é a execución desas instrucións despois de seren cargadas desde o disco na memoria. Varios procesos poden estar asociados ao mesmo programa; por exemplo, abrir varias instancias do mesmo programa adoita resultar na execución de máis dun proceso.

A multitarefa é un método que permite que varios procesos compartan procesadores (CPU) e outros recursos do sistema. Cada CPU (núcleo) executa un só proceso á vez. Non obstante, a multitarefa permite que cada procesador cambie entre as tarefas que se están a executar sen ter que esperar a que remate cada tarefa (preempción). Dependendo da implementación do sistema operativo, os cambios poderían realizarse cando as tarefas se inician e esperan a finalización das operacións de entrada/saída, cando unha tarefa cede voluntariamente a CPU, en interrupcións de hardware e cando o planificador do sistema operativo decide que un proceso expirou a súa parte xusta de tempo de CPU (por exemplo, polo Completely Fair Scheduler ou «Planificador Completamente Xusto» do kernel de Linux).

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Categoría:Tecnoloxía de sistemas operativos Categoría:Computación concorrente