David Lawrence Ganz, nado en Nova York o 28 de xullo de 1951 e finado en Fair Lawn, Nova Jersey, o 20 de maio de 2025, foi un avogado e numismático estadounidense, que presidiu a American Numismatic Association de 1993 a 1995.
Traxectoria
Primeiros anos e formación David L. Ganz, nado en Nova York en 1951, cursou estudos superiores de Ciencias Políticas e Relacións Internacionais na Universidade de Georgetown, Washington, onde se licenciou en 1973. Logo doutorouse en Dereito na Universidade St. John, de Queens, en 1976, e realizou estudos de posgrao na Universidade de Nova York.
Logo da súa etapa formativa, a carreira profesional de Ganz transcorreu entre o dereito e a numismática, cunha incursión na política local.
Avogado e numismático En 1977 ingresou no Colexio de Avogados de Nova York, e logo no de Washington, en 1980, e no de Nova Jersey, en 1985.Smith, P. (2025). Páxinas 167-168.
En 1981 integrouse como socio no despacho de avogados Ganz, Hollinger & Towe, que máis tarde pasou a denominarse Ganz & Hollinger, e a partir de 1985 formou parte tamén da compañía Ganz & Sivin, en Fair Lawn, Nova Jersey, onde fixou a súa residencia a partir dese ano.
Como avogado, Ganz especializouse no dereito relacionado coa numismática, e foi asesor xurídico dalgunhas das compañías comerciais do sector máis prominentes nos Estados Unidos, como Bowers & Ruddy Galleries, Numismatic Fine Arts ou Stacks. Igualmente, exerceu como asesor xurídico de diversas asociacións e gremios profesionais relativos a este sector, como o Professional Numismatists Guild, o Numismatic Literary Guild, a Token & Medal Society e a American Numismatic Association.
Ganz formou parte da xunta directiva do Consello da Industria dos Activos Tanxibles (ICTA) desde 1983, e foi director de The Coalition for Equitable Regulation & Taxation.
A súa relación coa American Numismatic Association —na que ingresara xa en 1967, sendo aínda un adolescente apaixonado pola numismática— transcendeu o ámbito profesional. En 1985 foi elixido membro da súa xunta directiva, na que actuou como vicepresidente entre 1991 e 1993, e logo, entre este ano e 1995, exerceu o cargo de presidente da ANA. Esta asociación recoñeceu o seu labor con varios dos seus premios máis destacados.
Na súa condición de numismático, presidiu tamén a Token & Medal Society (2004-2006) e foi membro vitalicio da American Numismatic Society.
A figura de David L. Ganz foi tamén moi relevante como membro de moi diversos consellos e comités consultivos de carácter público. En 1974 formou parte da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos; foi consultor do Subcomité de Preservación Histórica e Cuñaxe de Moedas da Comisión de Banca, Vivenda e Asuntos Urbanos da Cámara de Representantes; foi consultor do Programa Olímpico Canadense de Moedas e, entre outros dos programa de moedas da FAO, das Olimpíadas de Moscova e da Estatua da Liberdade. Igualmente, foi un dos fundadores do Comité Consultivo Cidadán sobre a Moeda, no que prestou servizo entre 1993 e 1996. Como membro deste comité defendeu firmemente o programa de moedas dun cuarto de dólar dos 50 estados.Morgan, C. (2025). Travers, Scott A. (2025).
Outro aspecto destacado da traxectoria de Ganz en relación coa numismática foi o de editor. Non só colaborou con máis de 3.000 artigos en diferentes revistas especializadas, senón que formou parte do consello editorial de moitas delas, como é o caso de The Coin Shopper (1965), Coin Collector (1967), Numismatic News (1969-1975), The Young Numismatist (1971-1974), Coin World (1977), NLG Newsletter (1991-1996), COINage Magazine (1974-2010), entre outras.
Político No ámbito da representación política, Ganz resultou elixido membro do Consello Municipal da súa localidade de residencia, Fair Lawn, en Nova Jersey, e asumiu este cargo en 1998. Pouco despois, entre 1999 e 2006 exerceu como alcalde dese municipio. Ademais foi supervisor do condado de Bergen, Nova Jersey, de 2002 a 2011.
Vida persoal Ganz casou o 3 de novembro de 1974 con Barbara Bondanza, de quen se divorciou en 1978. Logo casou en segundas nupcias con Sharon Ruth Lamnin, o 30 de outubro de 1981, con quen tivo tres fillos. Logo dun segundo divorcio en 1996, casou con Kathleen Ann Gotsch o 28 de decembro dese mesmo ano.
David Lawrence Ganz finou na súa casa de Fair Lawn, Nova Jersey, o de maio de 2025, aos 73 anos,Smith, P. (2025). Páxina 168. afectado polo párkinson.
Recoñecementos
1990: Premio Clemy, do Numismatic Literary Guild.Smith, P. (2025). Páxinas 167-168."The Clemy Award Winners ". Numismatic Literary Guild (Nlgonline.org). 1995: Premio Glenn Smedley Memorial, da American Numismatioc Association."Past ANA Service Awards Recipients". American Numismatic Asociation (Money.org). 2009: Premio James U. Blanchard, do Industry Council for Tangible Assets (ICTA).
Publicacións Esta é unha escolma dos traballos monográficos máis representativos publicados por David L. Ganz ao longo da súa traxectoria: (1976). 14 Bits: The story of America's Bicentennial coinage, 1976. Three Continents Press. ISBN 978-0914478645 (1980). The World of Coins and Coin Collecting. Scribner. ISBN 978-0684166254 (1994). Planning Your Rare Coin Retirement. Taylor Pub. ISBN 978-1566250986 (1999). The Official Guide to U.S. Commemorative Coins. UNKNO. ISBN 978-1566251242 (2000). The Official Guidebook to America's State Quarters. House of Collectibles. ISBN 978-0609807705 (2008). Smithsonian Guide to Coin Collecting. Easton Press. ISBN 978-0061341403 (2008). Profitable Coin Collecting. Krause Publications. ISBN 978-1440225598 (2008). America’s State Quarters. House of Collectibles. ISBN 978-0375722592 (2010). Rare Coin Investing: An Affordable Way to Build Your Portfolio. Krause Publications. ISBN 978-1440213588 (2011). The Essential Guide to Investing in Precious Metals. Krause Publications. ISBN 978-1440223716 (2012). Small Claims Court Defense: How to Formulate a Winning Strategy. Thomson Reuters Westlaw. ISBN 978-0314285829 (2013). The Official National Park Quarters Book. Zyrus Press. ISBN 978-1933990262
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Morgan, C. (2025). "Former ANA President David Ganz Has Died". En Coin Week (Coinweek.com). 21 de maio. Smith, P. (2025). "Ganz, David L(awrence)". En American Numismatic Biographies. Páxinas 167-168. Travers, Scott A. (2025). "David L. Ganz, Lawyer, NJ Politician and Prominent Coin Expert, Dies at 73". En greysheet.com. 22 de maio.
Categoría:Nados en 1944 Categoría:Numismáticos dos Estados Unidos de América Categoría:Membros da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos Categoría:Avogados dos Estados Unidos de América Categoría:Escritores dos Estados Unidos de América Categoría:Galardoados co premio Clemy Categoría:Alumnos da Universidade de Nova York Categoría:Alumnos da Universidade de Georgetown Categoría:Alumnos da St. John's University Categoría:Finados por párkinson