Máximo Ingilde Maceiras, coñecido como Bayeto, nado en Olveiroa (Dumbría) o 11 de maio de 1906 e finado en Rimont (Francia) o 21 de agosto de 1944, foi un combatente galego da Resistencia francesa contra a ocupación alemá, integrante da Agrupación de Guerrilleros Españoles (AGE).

Traxectoria De familia labrega, emigrou a Madrid xunto con seu irmán Tomás. Tralo golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, que deu inicio á guerra civil española, combateu no bando republicano nas Milicias Populares Galegas, ó igual que seu irmán, que pereceu na batalla de Brunete en 1937, namentres Máximo continuou loitando até o final do conflito nas milicias, xa integradas no Exército Popular da República. Consumada a vitoria do bando franquista na guerra civil española fuxiu a Francia, cruzando os Pireneos durante a retirada. Permaneceu primeiro confinado no campo de internamento de Argelès-sur-Mer, pasando deseguido polo campo de Vernet d'Ariège e finalmente polo de Le Barcarès.

Tralo inicio da segunda guerra mundial o campo de internamento de Le Barcarès quedou baixo autoridade militar, utilizándose para a instrución de tres rexementos de soldados formados por voluntarios do propio campo. Probablemente foi neste campo onde entrou en contacto coa Resistencia francesa, integrándose na Agrupación de Guerrilleros Españoles (AGE) para combater contra o exército alemán trala caída de Francia na segunda guerra mundial.

O 21 de agosto de 1944 chegaron a Rimont os batallóns da 1ª e 2ª brigada da AGE procedentes de Foix para apoiar a Resistencia francesa contra o avance alemán –axudados por soldados españois anteriormente integrantes da División Azul–. No decurso do combate Máximo Ingilde, tras permanecer apostado na aldea de Micassou, preto de Rimont, caeu abatido.

Recoñecementos Foi condecorado postumamente coa Cruz de guerra con palmas polo goberno francés.

O concello de Dumbría celebrou no ano 2006 na casa de Cultura de Olveira a primeira homenaxe en recordo dos veciños que pereceron no campo de concentración de Mauthausen-Gusen; Silvestre Albite Miranda, Manuel Piñeiro Agulleiro e Manuel Rodríguez Louro, así como en memoria de Máximo Ingilde Maceiras que perdeu a vida combatendo contra o exército alemán na Resistencia francesa.

Notas

Referencias

Véxase tamén Outros artigos Francisco Ponzán Vidal

Bibliografía

Ligazóns externas 13x13px

Categoría:Nados en Dumbría Categoría:Nados en 1906 Categoría:Finados en 1944 Categoría:Membros galegos da Resistencia francesa Categoría:Galegos de Madrid