miniatura| Portada do almanaque de 1932 da revista satírica La Traca. Publicouse nada máis aprobarse a Constitución de 1931, que declaraba o carácter laico do Estado. A cuestión relixiosa na Segunda República Española é o conflito que xurdiu entre a xerarquía da Igrexa católica en España e os sectores sociais que a apoiaban. Por unha banda, estaban quen defendían o mantemento da posición privilexiada que ostentaba durante a monarquía, mentres que pola outra estaban os gobernos e partidos que defendían a radical separación da Igrexa e o Estado. Así quedou plasmada na constitución de 1931, especialmente no artigo 3 («España non ten relixión oficial») e sobre todo no artigo 26 (que entre outras cousas, prohibía os colexios das ordes relixiosas). Este sería desenvolvido pola Lei de Congregacións Relixiosas de 1933.
A cuestión relixiosa en España A partir da aprobación do Concordato de 1851 (durante o reinado de Isabel II) e da política aplicada pola Restauración, a Igrexa católica recuperou gran parte do poder ideolóxico e social. A Revolución Liberal puxera fin aos seus privilexios, disolvera as ordes relixiosas masculinas e desamortizara a maior parte dos seus bens. Así a presenza da Igrexa católica desde 1875 fíxose sentir en todos os ámbitos da vida social: cárceres, hospitais, cuarteis, cemiterios, sacralización de espazos públicos, moral pública e privada e, sobre todo, colexios de primeiro e segundo ensino. Este peso abafador da Igrexa católica e das súas institucións acentuouse aínda máis a partir de 1923. A ditadura de Primo de Rivera converteu o catolicismo nun dos fundamentos do «novo réxime» que quería construír. O lema do partido único, Unión Patriótica, foi «Patria, Relixión e Monarquía».
Mentres en 1859, había en España 41 conventos de relixiosos (con 719 frades profesos) e 866 conventos de relixiosas (con 12 990 monxas profesas), con data do 31 de decembro de 1930, segundo os datos do Instituto Estadístico, había en España 20 467 relixiosos homes en 1 015 conventos e mosteiros e 60 695 mulleres en 3 871 casas de relixiosas. Durante a ditadura, produciuse un incremento de 3 257 homes e 119 comunidades masculinas e 6 090 mulleres e 277 comunidades femininas.
No eido educativo, a hexemonía que logrou a Igrexa católica foi posíbel grazas á Lei Moyano de 1857. Esta aplicou as concesións que se lle fixeron á Igrexa católica neste campo no Concordato de 1851. Porén, foi sobre todo grazas á permisividade dos gobernos da Restauración para que, mentres se paralizaban as construcións de escolas e institutos para o ensino público, as ordes relixiosas estendesen os seus colexios. Moitos deles foron fundados polas ordes dedicadas ao ensino que foran expulsadas de Francia pola Tercera República, especialmente despois de o goberno de Émile Combes aplicar co máximo rigor a Lei de Asociacións de 1901 e disolver un bo número de ordes e congregacións relixiosas. Ademais, promulgou a Lei de 1904, que lles prohibía o exercicio do ensino. En España, pola contra, a Lei de Asociacións de 1887 non se aplicou ás ordes relixiosas e estas proliferaron englobadas na disposición do Concordato de 1851, que permitía a existencia de dúas ordes relixiosas masculinas e unha terceira «por determinar». O político conservador Antonio Maura confirmouno no Congreso dos Deputados na sesión do 16 de xullo de 1901):
Cando os gobernos da Restauración quixeron reaccionar contra o «clericalismo» fracasaron. A Lei do cadeado de 1911 promovida polo goberno do liberal José Canalejas, que pretendía frear o crecemento das ordes relixiosas, non foi aplicada. A ditadura de Primo de Rivera pechou definitivamente as portas a calquera política que pretendese cambiar o statu quo da Igrexa católica en España. Pola contra, en Francia a República promulgara a Lei de 1905 de separación da Igrexa e o Estado, culminando así a construción do Estado laico. Ese foi o modelo que tiveron presente a maioría dos republicanos e os socialistas españois cando se proclamou a Segunda República. O socialista Luis Jiménez de Asúa, presidente da Comisión de Constitución que redactou o proxecto de Constitución, afirmou nunha das súas intervencións ante o pleno das Cortes Constituíntes:
As propostas republicanas sobre a cuestión relixiosa Os partidos republicanos e o partido socialista, integrados no Goberno Provisional formado tras caer a monarquía o 14 de abril de 1931, concordaban en que un dos principios básicos do novo réxime republicano debía ser a completa separación da Igrexa e o Estado. Era necesario pór fin a máis de cen anos de confesionalidade do Estado. Porén, discrepaban sobre o alcance que debía ter a secularización. A grandes liñas pódese dicir que existían dúas propostas: miniatura|Niceto Alcalá-Zamora
A minoritaria, liderada pola Derecha Liberal Republicana de Niceto Alcalá-Zamora e Miguel Maura (e apoiada desde fóra do goberno polos intelectuais da Agrupación al Servicio de la República), defendía un anticlericalismo ou laicismo moderado. Propugnaba a secularización do Estado mediante un proceso gradual de separación, pero non da sociedade. Seguía así a máxima liberal cuñada polo católico liberal do século XIX, Charles de Montalembert: «A Igrexa libre no Estado libre». Pensaban que proclamando a liberdade de culto e privando á Igrexa dos privilexios que conseguira na Restauración (e sobre todo durante a Ditadura de Primo de Rivera) perdería a hexemonía da que gozaba na España de 1930. Canto ao ensino, non se opuñan á existencia de colexios relixiosos. Defendían, xa que logo, a «liberdade de ensino» e a escola «neutra» respectuosa coas crenzas relixiosas de cadaquén. Así mesmo, confiaban na iniciativa social, seguindo o modelo da Institución Libre de Enseñanza.
A postura maioritaria era a defendida polo resto de partidos republicanos e polo PSOE. Estes pretendían ir moito máis lonxe e propugnar un anticlericalismo radical que non só avogaba pola secularización do Estado, senón tamén da sociedade. Xustificábano polo dano que causara o clericalismo na historia de España, ao converterse no principal obstáculo para o seu progreso e modernización (no que coincidían co movemento librepensador e coa masonaría). Segundo os republicanos de esquerda e o PSOE, había que privar á Igrexa dos medios con que exercía a súa hexemonía social e cultural, sobre todo o ensino. Así, o seu programa incluía a supresión do orzamento do culto e o clero, o matrimonio civil, o divorcio e a secularización dos cemiterios. A medida máis contundente era, con todo, a disolución das ordes relixiosas, especialmente a xesuíta, e a nacionalización dos seus bens, substituíndo os colexios relixiosos por unha escola «única» e laica. Buscaríase o sometemento da Igrexa ao Estado en prol do ben público. Este anticlericalismo radical que tamén defendía o anarquismo viuse acompañado como xustificación dunha certa demagoxia clerófoba que identificaba os eclesiásticos, especialmente os membros do clero regular, como inimigos do pobo. Nesta proposta existían matices importantes entre os partidos que a defendían. Entre as posturas menos intransixentes atopábase o grupo de Acción Republicana de Manuel Azaña (que por exemplo non esixía a disolución das ordes relixiosas aínda que si a prohibición de exerceren o ensino). As máis extremistas estaban representadas polos radical-socialistas de Álvaro de Albornoz (próximo ao anticlericalismo antirrelixioso) e de Marcelino Domingo e polo PSOE (coa excepción do moderado Fernando de los Ríos), que parecía competir co PRRS a ver quen facía propostas aínda máis intransixentes. O Partido Republicano Radical de Alejandro Lerroux mantiña daquela unha postura ambigua respecto da «cuestión relixiosa», malia que no seu programa «oficial» aínda mantiña o anticlericalismo extremo que o definiu desde os seus inicios.
A política relixiosa inicial do Goberno Provisional e a resposta católica miniatura|Antonio Maura Coa proclamación da Segunda República Española, a nova orde constitucional debía amparar a liberdade de culto e desenvolver un proceso de secularización que permitise superar a tradicional identificación entre o Estado e a Igrexa católica, un dos elementos clave de lexitimación da monarquía. Anunciouse a determinación de crear un sistema de escolas laicas, legalizar o divorcio, secularizar os cemiterios e os hospitais e reducir en gran medida, ou mesmo eliminar, o número de ordes relixiosas estabelecidas en España. Con todo, as primeiras decisións do Goberno Provisional sobre a secularización do Estado foron moi moderadas. Foron en sintonía coa decisión de pór á fronte ao católico liberal Niceto Alcalá-Zamora e nomear na cartera clave de Gobernación o seu compañeiro de Derecha Liberal Republicana, o tamén católico Miguel Maura. No artigo 3º do Estatuto xurídico do Goberno Provisional, promulgado o mesmo 14 de abril de 1931 e publicado o día seguinte no diario oficial, a Gaceta de Madrid, proclamouse a liberdade de culto:
En aplicación desta declaración, nas tres semanas seguintes o Goberno aprobou algunhas medidas secularizadoras pouco importantes pero significativas. Entre elas estaban a disolución das ordes militares [22 de abril], a supresión da obriga de asistir a actos relixiosos en cárceres e cuarteis [19 de abril], a prohibición de participación oficial en actos relixiosos [Circular do Ministro da Gobernación do 17 de abril], o fin das exencións tributarias á Igrexa e a privación dos seus dereitos á Confederación Nacional Católico-Agraria. Quizais a medida máis destacada de todas foi o decreto do 6 de maio, que declaraba voluntario o ensino relixioso. O decreto de 5 de maio privou á Igrexa católica da súa representación nos Consellos de Instrución Pública. A xerarquía católica xa non puido intervir na elaboración dos plans de estudos, un dereito do que viña gozando desde había moito tempo. Ademais, prohibiuse a asistencia a actos relixiosos dos militares (non sendo a título persoal) e suspendéronse as festividades dos Patróns de Armas e Corpos do Exército. Por último, modificouse a lei electoral de 1907 para que os sacerdotes puidesen presentarse como candidatos nas eleccións. miniatura|Ángel Herrera Oria Ao mesmo tempo o Goberno Provisional iniciou os contactos co nuncio Federico Tedeschini para asegurarlle que o Goberno respectaría o Concordato de 1851 até que se aprobase a nova Constitución. A cambio, a Igrexa debía dar mostras de que acataba o novo réxime. Así, o 24 de abril o nuncio enviou un telegrama a todos os bispos no que lles transmitía o «desexo da Santa Sé» de que «recomend[asen] aos sacerdotes, aos relixiosos e aos fieis da[s] súa[s] dioceses que respet[ase]n os poderes constituídos e obede[cese]n a eles para o mantemento da orde e para o ben común». Xunto co nuncio, o outro membro da xerarquía eclesiástica cunha actitude conciliadora cara a República foi o cardeal arcebispo de Tarragona Francisco Vidal y Barraquer. Este xa realizara algúns xestos de deferencia cara as novas autoridades, como a súa visita ao presidente da Generalitat de Cataluña Francesc Macià o 18 de abril, ou o envío o día 22 dunha carta de saúdo e felicitación ao Goberno provisional da República por parte da conferencia de bispos cataláns. Outro prelado que estaba na mesma liña era o cardeal arcebispo de Sevilla, Eustaquio Ilundáin y Esteban. O diario católico que a apoiaba era El Debate, dirixido por Ángel Herrera, fundador da Asociación Católica de Propagandistas. O día seguinte da proclamación da República manifestárao no editorial publicado en primeira páxina, aínda que acompañado dun retrato e dunha «homenaxe ao Rei Afonso XIII»: