Saša Jovanović (en serbio cirílico: Саша Јовановић), nado en Lazarevac (Belgrado) o 15 de decembro de 1991, é un futbolista serbio que xoga de dianteiro no TSC, da Superliga de Serbia.

Traxectoria

Comezos en Serbia Nado en Lazarevac, na cidade de Belgrado, comezou a xogar ao fútbol na canteira do Kolubara da súa cidade natal. Debutou co primeiro equipo na Prva Liga en 2009 e militou no club ata 2013, disputando 73 partidos nos que marcou dous goles. Na tempada 2013/14 xogou no Smederevo, da mesma categoría, co que sumou catro goles en 26 encontros.

Entre 2014 e 2017, militou no Mladost Lučani, da Superliga de Serbia. Con 23 goles en 96 partidos, contribuíu á clasificación do equipo para a Europa League 2017/18.

Córdoba En agosto de 2017, foi traspasado ao Córdoba, da Segunda división española. Militou unha campaña e media no club andaluz e disputou 50 partidos oficiais, nos que marcou 6 goles.

Al Fateh O 22 de xaneiro de 2019, o club saudita Al Fateh SC chegou a un acordo co Córdoba para o traspaso do xogador. Disputou 13 partidos na liga saudita, marcando dous goles.

Deportivo da Coruña O 2 de setembro de 2019 regresou á Segunda División española, ao ser cedido polo club saudita ao Deportivo da Coruña. Debutou co club galego na cuarta xornada ante o Albacete en Riazor, substituíndo na segunda parte a Borja Galán. Con todo, apenas entrou nos plans do adestrador Anquela, nin nos do seu sucesor, Luis César, e disputou menos de 400 minutos en liga, logrando marcar un gol ante o Racing de Santander. O seu escaso rendemento fixo que en xaneiro de 2020 o club rescindise o seu contrato para poder incorporar a Uche Agbo.

Regreso a Serbia De regreso en Arabia Saudita, disputou oito partidos máis co Al Fateh, ata que en 2021 volveu ao Mladost Lučani serbio, onde recuperou regularidade. Xogou 54 encontros no club de Lučani, contabilizando 11 goles e 10 asistencias. En 2022 fichou polo TSC, tamén da Superliga de Serbia.

Selección nacional Foi dúas veces internacional coa selección serbia en 2016 e 2017, en senllos amigables contra Qatar e os Estados Unidos.

Notas

Categoría:Nados en 1991 Categoría:Nados en Belgrado Categoría:Futbolistas de Serbia Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Córdoba CF Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Serbia