Higinio Rodríguez Domínguez, nado na Pereira (Entrimo) o 9 de novembro de 1916 e finado en Thiais (Val do Marne, Francia) o 14 de xaneiro de 1947, foi un exiliado galego deportado aos campos de concentración nazis.
Traxectoria Era militante da UGT. De seguro loitou no Exército da República, para ao remate da guerra civil española fuxir a Francia en 1939. Higinio Rodríguez Domínguez e Abilio Álvarez Bernardo foron declarados prófugos polo concello de Entrimo en 1940, sendo ambos da mesma quinta.
En Francia formou parte da 31ª Compañía de traballadores estranxeiros, con destino en Suippes, ao norte de Francia, no departamento de Marne. Esta compañía estaba destinada a dar apoio ao exército do aire. Nesta mesma CTE estaba Magín Pérez, outro deportado ourensán, de Sarreaus.
Higinio foi detido polo exército alemán o 20 de xuño de 1940, e encarcerado no Frontstalag 140, en Belfort.
Chegou a Mauthausen o 27 de xaneiro de 1941, xunto a Abilio Álvarez. O número da súa matrícula foi o 5 719, clasificado como Rotspanier, de profesión labrego ou Steinmetz (albanel). Entrou na temible enfermería (revier) o 27 de xuño de 1942, segundo o 'libro de operacións' do campo. Na enfermaría realizaba os seus terribles experimentos Aribert Heim, alcumado Doctor Morte.
O 11 de marzo de 1944 foi transferido a Gusen, co número 13 493.
Os presos republlicanos españois en Mauthausen, ademais de seren rapados e vestir o traxe de raias, estaban marcados cun triángulo azul, de apátridas, e un número que se gravaba nunha pulseira.
Foi liberado o 5 de maio de 1945 polo exército de Estados Unidos en Gusen.
Na listaxe de liberados, e noutros documentos, consta como lugar de residencia o barrio de Grau, en Castelló de la Plana. Seguramente emigrara a esta cidade antes da Guerra Civil.
Despois da liberación do campo foi repatriado a Francia, vivindo en Montrouge (Altos do Sena), onde faleceu en 1947.
Recoñecementos O Concello de Entrimo e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, organizaron un acto na praza do concello o 8 de maio de 2021 en memoria de Abilio Alvarez Bernardo, Avelino Pérez Rodríguez, Higinio Rodríguez Domínguez e Jaime Vázquez Estévez, no que se inaugurou un monólito no seu honor.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén Bibliografía Deportación. El horror de los campos de concentración (1969). Barcelona: Federación Nacional de Deportados e Internados, Resistentes y patriotas.
Categoría:Nados en Entrimo Categoría:Nados en 1916 Categoría:Galegos sobreviventes dos campos de concentración nazis Categoría:Finados en 1947 Categoría:Galegos finados en Francia Categoría:Membros galegos da Resistencia francesa