Manuel Coto Martínez, nado en Marcón (Pontevedra) o 11 de decembro de 1912 e finado en Gusen o 2 de xuño de 1943, foi un exiliado galego deportado ós campos de concentración nazis.

Traxectoria Canteiro de profesión, ó igual que seu pai, de quen aprendeu o oficio. Tralo golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi alistado polo bando sublevado para combater na guerra civil española, non obstante, pasou decontado ó bando republicano, que concordaba mellor cos seus ideais.

Trala vitoria do bando franquista cruzou a pé a fronteira con Francia, entrando en 1939 no campo de internamento francés de Vernet, no departamento francés de Ariège (Francia). Trala caída de Francia no transcurso da segunda guerra mundial foi detido polo exército alemán en 1940 e confinado no Stalag XI-B, en Fallingbostel (Alemaña).

O 25 de xaneiro de 1941 foi enviado ó campo de concentración de Mauthausen nun convoi que levaba 1 506 españois, entre eles o fotógrafo Francesc Boix, nunha viaxe que durou dous días, ingresando en Mauthausen o 27 de xaneiro de 1941. Coto aparece na listaxe de presos operados polo cirurxián nazi Aribert Heim, coñecido como "o carniceiro de Mauthausen", operándose unicamente os presos que conviña conservar, talvez motivado polas súas habilidades como canteiro. Posteriormente foi destinado a Gusen, onde finou o 2 de xuño de 1943.

Vida persoal Casou con Matilde Villaverde, que estaba embarazada cando Manuel Coto foi alistado polo bando sublevado. A súa filla Milucha foi bautizada como Manuela a petición de seu pai na última carta que mandou. Matilde Villaverde emigrou á Arxentina, onde morreu sen saber que fora do seu esposo. A súa familia tardou décadas en saber que perecera en Gusen. A súa filla Milucha coñeceu as circunstancias da morte de seu pai a partir das investigacións feitas polo concello de Pontevedra para facerlle unha homenaxe os deportados do concello ós campos de concentración nazis.

Recoñecementos O Concello de Pontevedra rendeulle unha homenaxe ós deportados do concello nun acto público celebrado o 6 de abril de 2019 no Teatro Principal, entre eles a Manuel Coto Martínez, xunto con Antonio Gómez Torres, Claudio Tizón Vázquez, Isolino Torres Fernández e Urbano Sanmartín Abilleira, que pereceron nos campos de exterminio, e mais Macario Cortegoso Rodríguez, Manuel Pérez Taboada e Ramón García Martínez, que lograron sobrevivir. Asemade, editouse un libro titulado Homenaxe ás vítimas pontevedresas do nazismo, coordinado pola xornalista e escritora Montse Fajardo, contado coa colaboración do historiador Xosé Álvarez Castro, no que se relata a historia dos deportados e se achegan documentos e fotografías conservadas polas súas familias.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Nados en 1912 Categoría:Finados en 1943 Categoría:Galegos finados en campos de concentración nazis