Agustín Cameselle Fernández, nado en Vigo o 7 de outubro de 1907 e finado en Gusen o 1 de novembro de 1941, foi un exiliado galego deportado ós campos de concentración nazis.

Traxectoria Traballou como axudante de aparellador do arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez.

Tralo golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 combateu nas filas do bando republicano, onde acadou o rango de tenente da Garda de Asalto. Concluída a guerra civil española exiliouse en Francia, quedando recluído nun dos campos de internamento franceses. Coa caída de Francia na segunda guerra mundial foi apresado polo exército alemán e enviado ó Stalag XI-B, en Fallingbostel (Alemaña).

O 27 de xaneiro de 1941 ingresou no campo de concentración de Mauthausen xunto con outros 1 472 deportados republicanos procedentes de Fallingbostel. No campo de Mauthausen a alimentación era exigua e as condicións de traballo extremas. Foi trasladado ó campo de Gusen o 29 de marzo de 1941 onde pereceu segundo o rexistro por mor dunha pleurite exsudativa o 1 de novembro de 1941.

A familia soubo das circunstancias da morte de Agustín Cameselle Fernández mediante unha carta enviada dende o exilio en México por un dos seus compañeiros no campo de concentración.

Vida persoal Estaba casado e tivo tres fillos. Durante os bombardeos aéreos de Barcelona en marzo de 1938, contra o final da guerra civil, a súa vivenda quedou completamente destruída, quedando sen as súas pertenzas.

Recoñecementos O 18 de febreiro de 2018 celebrouse no Parlamento de Galicia unha homenaxe promovida pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica onde se leron os nomes das 193 vítimas galegas que fuxindo da represión franquista acabaron deportados nos campos de concentración nazis, entre eles o de Agustín Cameselle Fernández.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1907 Categoría:Finados en 1941 Categoría:Galegos finados en campos de concentración nazis Categoría:Galegos de Cataluña