Miguel Luis León Portilla, nado na Cidade de México o 22 de febreiro de 1926 e finado na mesma localidade o 1 de outubro de 2019, foi un historiador, filósofo, escritor e académico mexicano, experto na materia do pensamento e a literatura dos náhuatl.
Dende 1988 traballou como investigador emérito da Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM). En 1995 recibiu a medalla Belisario Domínguez e, dende o 23 de marzo de 1971, foi membro do Colexio Nacional, institución na que ingresou co relatorio La historia y los historiadores en el México antiguo, recibido cun discurso de Agustín Yáñez.
Traxectoria Miguel León Portilla foi o fillo máis vello de Miguel León Ortiz e Luisa Portilla Nájera, seguido dos seus irmáns María Luisa e Jorge. Cursou os seus primeiros estudos no Colexio México da capital do seu país, e concluíunos na cidade de Guadalajara. Na Universidade Loyola, nos Ánxeles, obtivo un grao en 1951. Cinco anos despois, doutorouse en Filosofía pola UNAM coa tese La filosofía náhuatl estudiada en sus fuentes, baixo a asesoría de Ángel María Garibay Kintana.
A UNAM publicou este traballo en 1959; posteriormente, saíron tamén edicións revisadas e ampliadas. Ademais, o libro traduciuse ao francés, o ruso, o inglés, o checo e mais o alemán. En 1959 saíu tamén do prelo a súa obra Visión de los vencidos, na que organizou textos escritos en náhuatl e traducidos por Garibay que testemuñaban o punto de vista indíxena sobre a conquista de México. Entre os pobos representados nesta compilación, están os os tenochcas, os tlatelolcas, os texcocanos e os tlaxcaltecas. Visión de los vencidos verteuse a quince idiomas, e creouse tamén unha versión en braille.
León Portilla alcanzou gran sona polas súas traducións, interpretacións e publicacións de varias recompilacións de obras en náhuatl. Encabezou o movemento para entender e reavaliar a literatura náhuatl, non só da era precolombiana, senón tamén da actual, xa que o náhuatl continúa a ser a lingua materna de 1,5 millóns de persoas a data de 2014. O seu traballo contribuíu a establecer a educación bilingüe no México rural. En 1965 casou coa lingüista e académica española Ascensión Hernández Triviño, a quen coñeceu durante o Congreso Internacional de Americanistas celebrado en Barcelona e Sevilla.
Por outra banda, divulgou as obras de Bernardino de Sahagún, fonte primaria sobre a civilización azteca, a quen declarou o primeiro antropólogo dos náhuatl. Sahagún foi autor da Historia general de las cosas de la Nueva España, recollido no Codex Florentinus. Antes da edición de León Portilla, este códice só se traducira ao alemán, nunha versión incompleta.
Como historiador, analizou a figura de Tlacaelel. Orixinalmente unha figura pouco coñecida das crónicas, hoxe é considerado o arquitecto do imperio azteca.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade Carolina de Praga Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade Nacional Autónoma de México Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade Complutense de Madrid Categoría:Escritores en lingua castelá Categoría:Escritores en lingua náhuatl Categoría:Doutores honoris causa pola Pontificia Universidade Católica do Perú Categoría:Antropólogos de México Categoría:Diplomáticos de México Categoría:Nados na Cidade de México