Olivia Arévalo Lomas, nada en Ucayali, no Perú, en febreiro de 1937, e finada na comunidade Victoria Gracia, Coronel Portillo, Ucayali, o Perú, o 19 de abril de 2018, coñecida como "a derradeira meraya" na súa comunidade, foi unha líder, artesá, activista e xamana shipibo-conibo peruana.

Traxectoria Olivia Arévalo Lomas foi unha líder do pobo shipibo-conibo e unha defensora dos dereitos culturais e ambientais do seu pobo. Segundo a resolución ministerial 068-2016-VMPCIC-MC do Ministerio de Cultura do Perú (no que se declaran os cantos íkaros do pobo shipibo-conibo-xetebo como Patrimonio Cultural da Nación) existen dúas categorías de xamáns ou curandeiros na tradición shipibo-conibo: menayas (mestres curandeiros) e onayas (curandeiros de menor rango). As súas curacións estaban baseadas en medicina alternativa-natural, sendo os íkaros e plantas medicinais as súas principais ferramentas. Despois de moitos anos de traballo e acumulación de coñecemento, Arévalo foi considerada unha menaya (ou meraya), é dicir, unha muller co máis alto rango e mestría dentro da súa comunidade, quen de ingresar nos mundos da cosmovisión shipibo-conibo, realizar curacións complexas como a cura de adiccións ou de graves doenzas.

Traballou dende 2009 até 2011 no Templo do Camiño da Luz (centro de medicina tradicional na selva da amazonía do Perú que ofrece a cerimonia de Ayahuasca). Este lugar, co traballo de Arévalo e doutras mulleres curandeiras, rexurdiu co seu propósito e transformouse nun templo con sanadoras ou onayas, case exclusivamente. Arévalo era unha das máis respectadas onayas alí. Segundo a congresista Tania Pariona, Olivia Arévalo Lomas era "un hospital, un repertorio de cantos, unha institución histórica". Matthew Watherston, o fundador do Templo da Luz, describe a Arévalo como unha muller sumamente dulce, xentil, divertida e amorosa.

Asasinato Segundo a páxina web do Templo do Camiño da Luz, deixou de traballar alí porque a súa avanzada idade lle dificultaba o poder chegar dende o seu fogar até o templo dentro da selva. Posteriormente traballou na comunidade intercultural de Victoria Gracia, adicándose á artesanía e á medicina tradicional até os seus últimos días.

O 19 de abril de 2018, Olivia Arévalo Lomas foi asasinada. Segundo testemuñas dos sucesos, dous homes que ían en moto disparáronlle varias veces. Isto sucedeu preto da súa residencia en Victoria Gracia. O xefe de fiscais confirmou o 23 de abril que o asasino fora Sebastian Paul Woodroffe. Crese que o motivo do crime podería ser unha débeda que tiña o fillo de Olivia. As probas feitas sobre as prendas do home confirmaron o uso de pólvora, é dicir, foi el quen disparou a arma. O asasino foi linchado pola poboación, quen sentiu gravemente a morte de Arévalo.

Na cultura popular Olivia Arévalo Lomas fíxose coñecida fóra do Perú após aparecer en 2004 nun documental chamado D'autres mondes de Jan Kounen e en The story of Panshin Beka (2006) do mesmo director.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Pobo shipibo-conibo Bibliografía

Categoría:Nados en 1937 Categoría:Finados en 2018 Categoría:Pobo shipibo-conibo Categoría:Asasinatos no Perú Categoría:Mulleres líderes indíxenas