Henrique Eduardo Passaláqua de Gouveia e Melo, nado en Quelimane (Mozambique) o 21 de novembro de 1960, é un militar e político portugués. Almirante da Mariña portuguesa, foi xefe do Estado Maior da Armada e membro do Estado Maior das Forzas Armadas de Portugal, e é candidato nas eleccións á Presidencia da República Portuguesa do ano 2026.

Traxectoria Carreira militar Ata os 18 anos morou fóra de Portugal. Primeiro na colonia portuguesa de Mozambique ata que, despois da Revolución dos Caraveis, a familia emigrou a São Paulo (Brasil) por mor do temor do pai a que Portugal dese nun estado comunista. No 1979, instalouse en Lisboa para acceder aos estudos da Escola Naval logo de ser rexeitado na Forza Aérea por superar o límite de altura. Acabou os seus estudos no ano 1984 co grao de gardamariña e un ano máis tarde solicitou o ingreso no comando de submarinos.

Como militar serviu en diferentes naves como os submarinos Albacora, Tridente, Barracuda e Delfim, que dirixiu, e na fragata NRP Vasco da Gama. Tamén realizou varios cursos formativos en diferentes institucións especializándose en comunicacións e guerra electrónica. Aínda que a súa carreira estivo vencellada fundamentalmente aos submarinos, sumando máis de 20 000 horas de navegación baixo o mar, entre 2003 e 2006 foi voceiro e relacións públcias da Mariña e entre 2006 e 2008 comandou a fragata NRP Vasco da Gama. Tamén foi xefe do Servizo de Información e Relacións públicas do Gabinete do Almirante Xefe do Estado Maior da Armada, formou parte do proxecto e capacitación da clase de submarinos Tridente. Promovido a contraalmirante en 2014 foi segundo comandante da Flotilla de Navíos, Director dos Faros e Director do Instituto de Socorros a Naufragos e xefe do Gabinete do Almirante Xefe do Estado Maior da Armada ata 2016 e segundo Comandante Naval ata 2017. Ascendeu a vicealmirante e entre 2017 e 2019 foi Comandante da Forza Martíma Europea (EUROMARFOR) que incorpora elementos navais de Italia, España, Francia e Portugal.

Entre xaneiro de 2020 e decembro de 2021 foi Adxunto para o Planeamento e Coordinación do Estado Maior Xeral das Forzas Armadas de Portugal. Ademais, en 2021 foi coordinador do plan portugués de vacinación contra a COVID-19. Esta responsabilidade deulle grande notoriedade pública e recoñecemento: Portugal foi o primeiro país en acadar o 85% da súa poboación vacinada. Foi así que foi ascendido a Almirante Xefe do Estado Maior da Armada e da Autoridade Marítima Nacional o 27 de decembro de 2021, cargo que mantivo ata ese mesmo día do 2024. Candidatura á Presidencia da República

A proxección pública lograda polo seu rol de coordinador da campaña de vacinación da COVID 19 foi reforzada logo pola Guerra de Ucraína, que comezou sendo el Almirante Xefe do Estado Maior da Armada. Dada a súa sona e alta valoración, pronto distintos círculos xornalísticos comezaron a comentar a súa posible candidatura á Presidencia da República. Segundo recoñeceu posteriormente, decidiu presentarse á xefatura do Estado no 2024, cando era xefe da Mariña e ante o triunfo de Donald Trump nos Estados Unidos.

A candidatura concretouse en maio de 2025, presentándose como un candidato centrista e independente ao tempo que reclamou estabilidade fronte a crise política que atravesaba Portugal (caída do goberno de António Costa, perda da moción de confianza do goberno de Luis Montenegro e sucesión de eleccións lexislativas). Na súa primeira entrevista, concedida a TVI e CNN Portugal, distanciouse de Marcelo Rebelo de Sousa, presidente en exercicio, polo seu estilo e cuestionou algunhas decisións como a convocatoria de eleccións en 2023 logo da dimisión de António Costa malia a ter o Partido Socialista maioría absoluta na Asemblea da República. Tamén se recoñeceu contrario á eutanasia e ao aborto, aínda que considera este último un asunto resolto a nivel político. Ademais apuntou á necesidade cambios na Xustiza para garantir a presunción de inocencia e regulación da inmigración, atacou á corrupción e pediu reformas organizativas para mellorar servizos públicos, tamén falou da creación dun sistema de reserva militar remunerada que acolla ao 1% da poboación portuguesa.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Páxina web oficial da súa candidatura á Presidencia da República Portuguesa (en portugués) Categoría:Nados en 1960 Categoría:Militares de Portugal Categoría:Políticos de Portugal