A feira de cans de caza de Arzúa foi un evento que se celebrou entre 1988 e 2009 na vila de Arzúa, dedicado á exposición, venda e promoción de cans de caza. Foi un referente estatal para criadores, cazadores e afeccionados, destacando pola súa orixinalidade e impacto no sector cinexético. Orixes e consolidación O 6 de marzo de 1988, dentro do programa da XIII festa do queixo de Arzúa, celebrouse a I Feira-desfile de cans de caza. Ese mesmo ano, organizáronse dúas feiras adicionais os días 8 e 22 de outubro, coincidindo coas tradicionais feiras quincenais de Arzúa. Estas primeiras edicións contaron coa colaboración do Concello de Arzúa, a Sociedade de Caza Río Iso e diversas firmas comerciais locais.
A organización inicial estivo a cargo de Xan Vidal, Alfonso Carril, Xosé Ramón Mosquera, Moncho Torreiro e Francisco Rego. A feira destacou pola súa orixinalidade, sendo a primeira en España dedicada monograficamente aos cans de caza, a diferenza doutras feiras de gando que incluían estes animais pero sen centrarse exclusivamente neles.
Mecánica As feiras constaban de dúas xornadas anuais, celebradas en dous sábados separados por quince días. Na primeira xornada, as persoas interesadas en adquirir algún dos exemplares á venda podían levalo á casa para probalo. Se lles convencía, pechaban o trato na segunda xornada.
Crecemento e actividades complementarias Co paso dos anos, a feira de cans de caza de Arzúa foi medrando en tamaño e relevancia. Na terceira edición, en 1990, estimouse unha asistencia de 10.000 persoas e máis de 2.000 cans expostos. En 1991, a cifra de visitantes situouse en 15.000, con 3.000 animais presentes.
A feira non só se limitaba á exposición e venda de cans, senón que incorporou diversas actividades complementarias:
Xornadas técnicas con expertos no ámbito da caza. Xornadas gastronómicas centradas en produtos de caza. Feira do Medio Ambiente e Caza (FEMAC), dende 1994 Concurso de fotografía, introducido en 1996. Campionatos de San Huberto e outras competicións cinexéticas. Exhibicións de adestramento e habilidades caninas.
Edicións
Ano Nº edición Data da 1ª feira Data da 2ª feira Nota 1988 1 8 de outubro 22 de outubro Houbo tamén un desfile de cans de caza en marzo, na festa do queixo 1989 2 8 de outubro 22 de outubro 1990 3 7 de outubro 21 de outubro 1991 4 6 de outubro 20 de outubro 1992 5 4 de outubro 18 de outubro 1993 6 3 de outubro 17 de outubro 1994 7 2 de outubro 16 de outubro El Correo Gallego fala erroneamente da 9ª edición 1995 8 1 de outubro 15 de outubro 1996 9 6 de outubro 20 de outubro 1997 10 4 de outubro 11 de outubro 1998 11 4 de outubro 11 de outubro 1999 12 3 de outubro 10 de outubro 2000 13 24 de setembro 1 de outubro 2001 14 30 de setembro 7 de outubro 2002 15 6 de outubro 13 de outubro 2003 16 5 de outubro 12 de outubro 2004 17 3 de outubro 10 de outubro 2005 18 2 de outubro 9 de outubro 2006 19 1 de outubro 8 de outubro 2007 20 7 de outubro 14 de outubro No cartel indícase erroneamente XXII feira 2008 21 5 de outubro 12 de outubro O cartel indicou XXIII feira, foi un erro 2009 22 4 de outubro - O cartel indicou XXV feira, só houbo unha xornada
Relevancia A feira de cans de caza de Arzúa acadou unha notable proxección nos medios, cuberta por televisións e medios especializados. En 1989, TVE destacou a feira como única en España no seu telexornal. A presenza de figuras destacadas, como os ministros Romay Beccaría e Loyola de Palacio en 1997, subliñou a importancia do evento a nivel estatal.
A feira tamén serviu de plataforma para a presentación de exemplares de alto valor, como o can Gus, proclamado campión de Europa e do mundo, que foi o máis galardoado na edición de 1995.
Declive e última edición A partir dos anos 2000, a feira comezou a experimentar un descenso na participación e nas transaccións comerciais, atribuídas á decadencia da caza menor e a problemas organizativos. En 2009, por primeira vez, celebrouse unha única xornada o 4 de outubro, marcando o final dun evento que durante máis de dúas décadas fixo de Arzúa a capital dos cans de caza en España.
Legado A feira de cans de caza de Arzúa deixou unha fonda pegada no ámbito cinexético español, sendo pioneira na organización de eventos dedicados exclusivamente aos cans de caza. A súa influencia propiciou a aparición de feiras similares noutras localidades.
Notas
Categoría:Arzúa Categoría:Feiras Categoría:Cans Categoría:Arzúa sen imaxes