O Arkadag FK (en turcomán: Arkadag Futbol Kluby, Arkadag FK) é un club de fútbol de Arkadag, Turkmenistán. Fundado en 2023 polo expresidente Gurbanguly Berdimuhamedow, domina de xeito absoluto o fútbol turcomán, tendo gañado todos os partidos de competicións nacionais que disputou dende a súa fundación. Conquistou todas as competicións nas que participou, tanto a nivel nacional como internacional, contando entre os títulos do seu palmarés con tres ligas turcomás, dúas Copas de Turkmenistán e a Challenge League da AFC 2024/25.

Xoga os seus partidos como local no estadio de Arkadag.

Historia esquerda|miniatura|224x224px| Gurbangulí Berdimujamédov, segundo presidente de Turkmenistán, fundador do club O Arkadag FK foi fundado na cidade homónima de recente creación no período previo á tempada 2023 polo segundo presidente de Turkmenistán, Gurbanguly Berdimuhamedow, que viña de deixar o poder en mans do seu fillo Serdar, e entrou a competir directamente na máxima categoría, a Ýokary Liga. Moitos dos mellores xogadores do país uníronse ao club nun mercado de fichaxes que foi ampliado especialmente para este fin. En novembro, a lenda da selección turcomá Wladimir Baýramow converteuse no novo adestrador do club e ese mesmo mes presentouse o escudo, coa imaxe dun cabalo Akhal-Teke.

A primeira tempada do Arkadag rematou con 24 vitorias nos 24 partidos de liga, con 83 goles a favor e só 17 en contra, sendo o seu máximo goleador Didar Durdyev, con 27 tantos. O club gañou así o seu primeiro título, ao que sumou tamén a Copa de Turkmenistán, ao derrotar por 3-0 ao Ahal FK na final no estadio de Arkadag. Polo gran rendemento do equipo na tempada 2023, o equipo recibiu como agasallo por parte do presidente da nación un autobús MAN.

Na seguinte tempada, o equipo revalidou ambos títulos nacionais e debutou na Challenge League da AFC, onde quedou encadrado nun grupo xunto ao poderoso Al-Arabi SC de Kuwait, así como o Maziya e o Abdysh-Ata, vixentes campións das Maldivas e Kirguizistán respectivamente. O seu primeiro partido internacional foi unha vitoria por 2-1 contra o Maziya no estadio Al Kuwait Sports Club da cidade de Kuwait. O 29 de outubro de 2024 derrotou tamén ao Abdysh-Ata, por 2-0.

O 1 de novembro de 2024, o club sufriu a primeira derrota da súa historia, contra o Al-Arabi, poñendo fin a unha xeira de 61 vitorias consecutivas en competicións oficiais (50 na Ýokary Liga, 9 na Copa de Turkmenistán e 2 na Challenge League da AFC). Quedou a unha soa vitoria de igualar a histórica xeira de 62 partidos sen perder do Celtic entre 1915 e 1917.

Nos cuartos de final da Challenge League, o Arkadag eliminou ao East Bengal da India, tras gañar tanto na ida en Calcuta como na volta. Nas semifinais volveuse enfrontar ao Al-Arabi, e aínda que perdeu por 2-0 no partido de ida en Kuwait, conseguiu remontar a eliminatoria no partido de volta en Arkadag, grazas a un 3-0, clasificándose así para a final no Estadio Nacional Morodok Techo de Phnom Penh. O seu rival foi o Svay Rieng camboxano, que a pesar de xogar a final no seu país, non puido co club turcomán, que levou a vitoria por 1-2, grazas a un gol de Altymyrat Annadurdyýew na prórroga.

Estadio O principal estadio do Arkadag FK é o estadio de Arkadag, con capacidade para 10.000 espectadores. Tamén xogou no estadio Nusaý algúns partidos da Ýokary Liga.

Símbolos

Escudo O escudo do club amosa un cabalo Akhal-Teke erguido sobre un fondo branco e azul no que se ven as montañas Kopetdag.

Equipamento O equipamento como local do Arkadag está composto principalmente polas cores verde e branca.

Palmarés

Ýokary Liga (3): 2023, 2024, 2025. Copa de Turkmenistán (2): 2023, 2024. Supercopa de Turkmenistán (2): 2024, 2025. Copa da Federación de Fútbol de Turkmenistán (1): 2025. Challenge League da AFC (1): 2024/25.

Notas

Categoría:Equipos de fútbol de Turkmenistán