Azotobacter salinestris é unha especie de bacteria gramnegativa fixadora de nitróxeno; o seu nome específico, salinestris, significa 'que vive no sal', das palabras latinas salinus e estris.Page, and Shivprasad. "ITIS Standard Report Page: Azotobacter Salinestris." ITIS Standard Report Page: Azotobacter Salinestris. N.p., 1991. Web. 8 Feb. 2016. <https://www.itis.gov/servlet/SingleRpt/SingleRpt?search_topic=TSN&search_value=959650> Pode encontrarse vivindo no solo ou en hábitats mariños como célula separada ou formando cadeas de seis a oito células. É un organismo móbil flaxelado nos seus estados iniciais, pero despois perde os seus flaxelos. Coñécese polo seu uso potencial en biorremediación.

Illamento

William J. Page e Shailaja Shivprasad illaron A. salinestris de mostras de solos salinos. As colonias usadas para o seu estudo foron tomadas primeiramente da superficie secada polo aire do solo en Alberta, Canadá. O solo foi inoculado nun medio de crecemento de Burk de sal mineral libre de nitróxeno, que contiña un 1 % de glicosa e 0,25 microgramos de cloruro de cobre(I) por mililitro de solución. O medio foi incubado a 30 °C e almacenado a 4 °C. A formación de colonias podía apreciarse pasados 2 ou 3 días de incubación. As mesmas mostras de solo foron utilizadas para inocular cultivos inclinados, que foron almacenados a temperatura de habitación. A. salinestris perdía a súa viabilidade nos cultivos inclinados cando se almacenaban a 4 °C. Por medio destes cultivos e os tests de caracterización, observouse que A. salinestris compartía moitas das características xerais específicas das especies de Azotobacter. Orixinalmente, as colonias de A. salinestris foron clasificadas como Azotobacter chroococcum, pero posteriormente identificáronse como unha especie separada baseándose no seu crecemento dependente do sal.

Características

Morfoloxía

É unha bacteria gramnegativa, con forma de bacilo. As súas células son de 2 x 4 μm cando teñen 18 horas de idade, pero poden crecer ata os 5 μm de diámetro. As células máis vellas poden formar quistes. As colonias de A. salinestris son de cor negro amarronado porque producen catecol melanina hidrosoluble.

Fisioloxía As bacterias que realizan a fixación de nitróxeno atmosférico máis eficiente procedían de mostras cultivadas en solos cunha concentración salina de 0,05 % a 0,10 %. As taxas de fixación de nitróxeno non eran afectadas pola presenza de oxíxeno. As A. salinestris que crecen en solos son anaerobias facultativas. As colonias que crecían en hábitats acuáticos eran microaerófilas e moi sensibles á presenza de peróxido de hidróxeno, xa que non producen un encima catalase.

Metabolismo

A. salinestris pode usar melibiosa, galactosa, manitol, sacarosa, glicosa e frutosa como fontes de carbono primarias. Prefiren usar ións sodio como aceptor de electróns, mais tamén usan o rubidio. As cepas que non teñen acceso a ións sodio producen ácido como produto do metabolismo do seu substrato de carbono promotor do crecemento.

Ecoloxía

Todas as mostras coñecidas de A. salinestris foron illdas de solos que tiñan un pH neutro ou lixeiramene básico. O pH óptimo para o crecemento desta especie é 7,2–7,5. Os solos deben ter polo menos unha concentación milimolar salina para que este organismo poida crecer. A diferenza doutras especies de Azotobacter, o ferro é absolutamente necesario para o seu crecemento. Aínda que a maioría das especies de Azotobacter se encontran normalmente no solo, A. salinestris é único debido a que se atopa en solos con alto contido de sal e necesita a presenza de ferro para crecer. Estes organismos poden sobrevivir en condicións aerobias e anaerobias. Pode tamén atoparse en ambientes mariños.

A. chroococcum é a especie máis común de Azotobacter para ser illado de mostras de solos. Tamén é un parente estreito de A. salinestris. Todas as condicións de crecemento usadas para illar e determinar as condicións óptimas de vida para A. salinestris estaban baseadas nas condicións óptimas para A. chroococcum. O factor definitorio entre estas dúas especies era a dependencia dos ións sodio para vivir, xa que A. salinestris mostra unha dependencia moito máis forte do sodio que A. chroococcum.

Xenética Aínda que Page e Shivprasad se consideran os descubridores e caracterizadores de A. salinestris, Eydne e Wachter foron os que secuenciaron o ARNr 5S da bacteria en 1987.

Aínda que os resultados nunca se publicaron, os datos de secuenciación sitúan esta cepa bacteriana no xénero Azotobacter. O ADN da bacteria ten un punto de "fusión" de 96,68 a 97,08 °C e o seu contido GC era do 67,73-67,8 %. Outra secuenciación do ARNr 16S realizada por Moore et al. confirmou que A. salinestris era efectivamente unha especie separada dese xénero.

Importancia

A. salinestris foi o primeiro procariota no que se demostrou un efluxo de Na+/ácido succínico. Pode tolerar ata un 5 % de glifosato, o cal é un pesticida usado para matar malas herbas que compiten cos cultivos agrícolas. Como a especie é un fixador de nitroxeno común, é importante para a agricultura porque a especie pode sobrevivir en presenza dese pesticida tan común. Pode degradar o endosulfán, que é un insecticida que é moi perigoso para os humanos, mamíferos e peixes. O uso do endosulfán foi prohibido en 2012 na Unión Europea e os Estados Unidos,Martin, David S. EPA moves to ban DDT cousin. CNN. 10 de xuño de 2010. <> despois de que un estudo demostrase que supoñía riscos para a saúde humana e animal.Cone, M. (10 de xuño de 2010). Endosulfan to Be Banned, Pesticide Poses "Unacceptable Risks," EPA Says. Consultado o 27 de abril de 2016, de http://www.scientificamerican.com/article/endosulfan-banned-epa/ Por tanto, a capacidade de A. salinestris de degradar o endosulfán é importante para a biorremediación nos ambientes en que esta substancia foi usada.

Notas

Ligazóns externas

Cepa tipo de Azotobacter salinestris en BacDive - the Bacterial Diversity Metadatabase

Categoría:Pseudomonadales