A base aérea de Ämari (ICAO: EEEI) é unha base aérea militar en Harjumaa, Estonia, situada a 7 km ao sur do lago Klooga e a 37 km ao suroeste de Talín. A base abriuse no ano 1945.

A base aérea tamén é unha das dúas unidades militares tácticas das Forzas Armadas de Estonia baixo o mando do Comandante da Forza Aérea de Estonia. A unidade foi creada o 15 de maio de 1997 e as súas tarefas principais son as operacións da base aérea e a organización de actividades de aviación nas Forzas Armadas.

En xaneiro de 2014, o aeródromo uniuse ao sistema da OTAN xunto co aeródromo de Siauliai enLituania. As unidades aéreas dos países membros da OTAN levan a cabo tarefas de combate aquí de forma rotativa e tamén se realizan regularmente exercicios da Forza Aérea dos Estados Unidos.

Historia A base aérea de Ämari Air Base construíuse entre 1940 e 1952 en virtude dun acordo asinado pola RSS de Estonia e a Unión Soviética. En 1945 o Ministerio de Defensa da URSS estableceu alí un aeródromo de reserva naval para a súa frota do Báltico, onde comezaron a basearse os hidroavións anfibios Catalina PBY-5A e os cazas de escolta Yak-9P do 69º Rexemento de Recoñecemento de Longo Alcance. Converteuse na base principal das unidades situadas en Ämari en 1952.

En novembro de 1967 formouse no aeródromo o 88º Rexemento de Cazabombardeiros, permanecendo alí ata agosto de 1984,cando foi trasladado ao aeródromo de Kanatovo, en Kirovograd, Ucraína. Dende 1967 ata 1973 o rexemento voou o MiG-17, de 1870 a 1980 o MiG-21PFM, e dende 1980 o MiG-27D (K).

En 1977 creouse en Ämari o 321º Rexemento de Cazabombardeiros. O rexemento operou avións Su-7B. En 1987 recibiu o Su-24 e foi transferido á 132ª División de Bombardeiros. En 1994 o rexemento foi disolto no aeródromo.

Durante a guerra de Vietnam a base foi unha instalación de adestramento para pilotos soviéticos de MiG-15, MiG-15bis, Mig-17 e MiG-19, antes de que fosen despregados en Vietnam do Norte como como "pilotos asesores militares", e en países árabes durante as guerras contra Israel. Despois de 1975 as unidades substituíron os seus MiG obsoletos por avións Sukhoi. Despois, Ämari foi a base dos 321º e 170º Rexemento Naval de Aviación Shturmovik), que voaban avións Sukhoi Su-24.

Base estoniana Tras a disolución da Unión Soviética a Forza Aérea de Rusia continuou administrando a base ata que foi entregada a Estonia en 1996. A unidade da base aérea de Ämari fundouse o 15 de maio de 1997 e ata o ano 2004 a base tamén albergou un centro de adestramento de recrutas.

A Á de Vixianza Aérea da Forza Aérea de Estonia creouse en xaneiro de 1998 e está baseada no aeródromo.

Tras a adhesión de Estonia á Organización do Tratado do Atlántico Norte en 2004, a base converteuse en interoperable coa OTAN, Os avións da Alianza Atlántica levan estacionados en Ämari dende 2014.

Uso no presente Dende abril de 2014, despois da anexión rusa de Crimea, a base acolle patrullas da Policía Aérea do Báltico da OTAN. O 30 de abril de 2014, esta misión comezou coa chegada de catro F-16 da Real Forza Aérea de Dinamarca.

No ano 2015 anunciouse que alí estarían baseados os medios aéreos da operación estadounidense Atlantic Resolve.AirForces Monthly. Stamford, Lincolnshire, Inglaterra: Key Publishing Ltd. Novembro de 2015. p. 15 En setembro dese ano cazas Lockheed Martin F-22 Raptor visitaron Ämari.

Dende abril de 2023 cazas Eurofighter Typhoon do IX Escuadrón da RAF están baseados en Ämari como parte da Forza de Reacción Rápida para a Operación Azotize, a misión de Policía Aérea do Báltico da OTAN, substituíndo ao escuadrón 71 "Richthofen" do Escuadrón Táctico da Luftwaffe tamén equipada con Typhoon.

Notas

Categoría:Aeroportos de Estonia