Karl Ristikivi, nado en Varbla, Estonia occidental, o 16 de outubro de 1912 e finado en Solna (Suecia) o 19 de xullo de 1977, foi un escritor estoniano, coñeceido polas súas súas novelas históricas.
Foi un dos primeiros escritores do seu país en crear un panorama que abranguía a urbanización do seu país. Xa exiliado en Suecia, escribiu a primeira novela surrealista estoniana, un traballo influído pola filosofía existencialista. Orquestrou un ciclo de dezasete novelas e mais outros libros nunha unidade polifónica cunha escala de tempo que abrangue a historia de Europa ao longo de dous milenios. A súa invención e o uso dun complexo sistema de mitos e símbolos podería compararse coa aproximación da escola de literatura semiótica. O humanismo, o cristianismo e a ética tradicional considéranse os legados principais dos seus traballos.
Traxectoria miniatura|As tumbas de Karl Ristikivi e a súa nai en Paadrema, Estonia Karl Ristikivi naceu o 16 de outubro de 1912 en Varbla, Estonia occidental, fillo dunha criada solteira, Liiso Ristikivi, e foi bautizado como Karp Ristikivi na congregación ortodoxa Oriental á cal pertencía a súa nai. Pasou a infancia en varias granxas onde ela atopaba traballo. En 1920 Ristikivi comezou a estudar nunha escola primaria, onde sufriu acoso por mor de ser fillo de solteira e pola súa mente fráxil.
Comezou a familiarizarse coa literatura e historia a través de vellos libros alemáns que atopou no sobrado dunha casa, e se ben nun principio non comprendía a lingua, gozaba coas imaxes e medrou preguntándose sobre o significado dos textos. Desenvolveu un mundo imaxinario propio con cabaleiros medievais e ideais cristiáns.
O seu interese na historia e a facilidade para aprender idiomas fixeron que tivese éxito académico na escola local. En 1927 un parente rico ofreceulle a oportunidade de continuar os seus estudos, e Ristikivi foi á Escola Comercial de Talín e á Universidade de Talín, onde se graduou en 1932. Os residentes máis vellos da cidade de Talín espertaron en Ristikivi o interese polo primeiro período de urbanización en Estonia, a finais do século XIX.
Ristikivi empezou a súa carreira literaria con relatos para revistas familiares, e na década de 1930 publicou unha serie dos libros infantís con personaxes animais: "Lendav maailm" ("O mundo voante", 1935), "Sinine liblikas" ("A bolboreta azul", 1936), "Semud" ("Compañeiros", 1936) e "Sellid" ("Camaradas", 1938).
Cos cartos que gañou con estes relatos, en 1936 matriculouse no Departamento de Xeografía na Facultade de Matemáticas e Ciencias Naturais da Universidade de Tartu, especializándose en socioloxía. Nesta etapa universitaria militou na asociación estudantil de esquerdas Veljesto. Graduouse cum laude en 1941.
Exilio A ocupación do réxime nazi de Estonia en 1941 provocou que o mobilizase o exército alemán. Cando a ocupación alemá se debilitou, os estonianos comezaron a preocuparse polo que sucedería se regresaban os rusos. Os que foran mobilizados polo exército alemán, arriscábanse a unha deportación a un gulag ou a seren executados. Ristikivi pasou a traballar na embaixada do seu país en Helsinqui, mais en 1944 pasou a Suecia. Residiu o resto da súa vida na área de Estocolmo e Uppsala.
Comezou a escribir textos na prensa sueca dos exiliados estonianos, pero para ter estabilidade económica traballou nunha oficina de seguros, co cal non se puido dedicar de xeito exclusivo á literatura.
As primeiras novelas que escribiu no exilio foron as da Triloxía Inacabada, aínda sobre Estonia. A comezos da década de 1950 deixou a triloxía incompleta e dedicouse á que sería a súa novela máis famosa, Hingede öö ("A noite das ánimas", 1953).
Viaxou por Europa para documentarse sobre as súas obras. Ao tempo que escribía unha novela histórica sobre Catarina de Siena foi entrevistado por Vello Salo para Radio Vaticana. Ao tempo, escribiu críticas e recensións de literatura estoniana para a prensa do exilio, e axudou ao seu amigo Bernard Kangro cunha editorial cooperativa de escritores do seu país, con sede en Lund.
Algunhas das súas primeiras novelas foron traducidas ao finés, algúns relatos ao sueco e as súas novelas máis importantes ao ruso.
Crese que faleceu o 19 de xullo de 1977 no seu piso en Östervägen, preto de Estocolmo. Atoparon o seu curpo tempo despois, e crese que puido morrer dunha hemorraxia cerebral. Foi enterrado en Estocolmo uns cantos días máis tarde, na parte ortodoxa do cemiterio de Skogskyrkogården.
En 1987, cadrando co 75 aniversario do seu nacemento, ergueuse un monumento a Karl Ristikivi no seu lugar de nacemento.
En 2017 os seus restos foron levados ao cemiterio de Paadrema.
Obra A triloxía de Tallinn está composta por Tuli ja raud (1938), Õige mehe koda / Võõras majas (1940) e Rohtaed (1942). A triloxía trata o proceso de urbanización e como afectou ás tres clases representativas: obreiros, comerciantes e intelectuais. A primeira obra comeza en 1880 co labrego Jüri Säävel mudándose a Talliin e formando parte da primeira xeración de proletariado urbano do seu país. Vive a Revolución Rusa de 1905, a primeira guerra mundial e a declaración de independencia de Estonia de 1918 e mais a consecuente guerra de Independencia. Mantén os ideais de traballo duro, honradez e caridade. Un fillo morreulle nun accidente, e o outro emigrou aos Estados Unidos de América. Säävel envíou o seu neto orfo á Universidade Técnica de Talín, fundada pouco atrás, e este converteuse en enxeñeiro.
Hingede öö (1953) está considerada a súa mellor obra. Trata a alienación persoal e a crise existencial experimentada por un estranxeiro nunha terra estraña. .
Lohe hambad (1970) foi a segunda novela da súa última triloxía. Está ambientada na España e os Países Baixos do século XVI, e tamén describe a vida dun refuxiado catalán en París en 1949, Joaquim Barrera, cuxo fillo Pablo está a traducir e comentar a triloxía do seu pai. A estrutura é por tanto a dunha novela dentro dunha novela.
Novelas Tuli ja raud (1938) Õige mehe koda (1940) Rohtaed (1942) Kõik mis kunagi oli (1946) Ei juhtunud midagi (1947) Hingede öö (1953) Põlev lipp (1961) Viimne linn (1962) Surma ratsanikud (1963) Imede saar (1964) Mõrsjalinik (1965) Rõõmulaul (1966) Nõiduse õpilane (1967) Õilsad südamed (1970) Lohe hambad (1970) Kahekordne mäng (1972) Rooma päevik (1976)
Relatos Sigtuna väravad (1968) Klaassilmadega Kristus (1980)
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Militares de Alemaña da segunda guerra mundial Categoría:Finados en 1977 Categoría:Nados en 1912 Categoría:Nados en Estonia Categoría:Escritores de Estonia Categoría:Escritores en lingua estoniana Categoría:Exiliados