Seishi Yokomizo (en ), nado o 24 de maio de 1902 e finado o 28 de decembro de 1981, foi un novelista de misterio xaponés, coñecido como o creador do detective de ficción Kosuke Kindaichi.
Traxectoria Yokomizo naceu na cidade de Kōbe, na prefectura de Hyōgo. Afeccionouse ás historias de detectives dende moi novo. En 1921, mentres traballaba no banco Daiichi, publicou o seu primeiro relato na popular revista Shin seinen (en ). Licenciouse en Farmacia pola Facultade Farmacéutica de Ōsaka (actualmente integrada na Universidade de Ōsaka), coa intención de levar as rendas da farmacia da súa familia. Porén, levado polos seus intereses literarios, e polo apoio do célebre escritor Edogawa Rampo, decidiu trasladarse a Tōkyō. Alí, en 1926, foi contratado pola editorial Hakubunkan. En 1932, tras desempeñar o cargo de editor principal de varias revistas, dimitiu para dedicarse por completo á escrita.
Yokomizo tiña especial interese pola ficción histórica, en concreto polas novelas de detectives ambientadas no pasado. En xullo de 1934, mentres se recuperaba da tuberculose nas montañas de Nagano, rematou a súa primeira novela, Onibi, que saíu do prelo en 1935, aínda que algunhas partes foron rapidamente censuradas polas autoridades. Yokomizo aproveitou o éxito do libro para escribir unha segunda novela, Ningyo sashichi torimonocho (1938-9).
Durante a segunda guerra mundial, pasou por grandes dificultades económicas ao non poder publicar con facilidade. Ademais, a falta de estreptomicina e outros antibióticos empeorou a súa enfermidade; Yokomizo adoitaba brincar cos seus amigos dicindo que se trataba dunha carreira entre a enfermidade e a fame por matalo.
Tras o remate do conflito, as súas obras foron moi ben acollidas polo público. Publicou moitas novelas seriadas en revistas como a Shūkan shōnen magajin, da editorial Kodansha, baseándose no formato ortodoxo da literatura de detectives occidental. Destacan Honjin satsujin jiken ("Asasinato no honjin"), na que xoga coa convención do "asasinato nun cuarto pechado", e Chōchō satsujin jiken ("O asasinato da bolboreta"), ambas de 1946. Pola primeira delas recibiu o premio de Escritores de Misterio do Xapón en 1948. A súa obra converteuse no modelo de moitos escritores xaponeses de posguerra. Yokomizo recibiu o sobrenome de "o John Dickson Carr nipón", en honor a un dos seus autores favoritos.
Yokomizo faleceu de cancro de colon en 1981. A súa tumba atópase no cemiterio Shunjuen, na cidade de Kawasaki.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Finados en 1981 Categoría:Nados en 1902 Categoría:Escritores en lingua xaponesa Categoría:Escritores do Xapón