O Instituto de Educación Secundaria Pluriligüe Fontexería é un centro público localizado no concello de Muros (A Coruña). Forma parte da rede escolar da Consellería de Educación da Xunta de Galicia e na actualidade a súa oferta educativa abrangue as seguintes ensinanzas: educación secundaria obrigatoria (ESO), bacharelato (Ciencias e Tecnoloxía, e Humanidades e Ciencias Sociais), formación profesional básica (informática de oficina), formación profesional de grao medio (instalacións electrotécnicas e automáticas), formación profesional de grao superior (mantemento electrónico) e educación secundaria para persoas adultas (ESA). Historia

Primeiros anos O centro nace no ano 1983 con 262 alumnos. Inicialmente, ía ser unicamente un instituto de Formación Profesional no que se impartirían estudos das ramas marítimo-pesqueira e de administrativo, mais, debido á presión popular, a Administración decidiu instaurar no mesmo edificio estudos de bacharelato.

Esta circunstancia xerou importantes problemas de espazo. No curso 1986-1987, varias aulas do colexio de EXG Ramón de Artaza foron utilizadas ante a necesidade de espazo para o alumnado. Por conseguinte, iniciáronse as obras de ampliación, pero non foi posible rematalas cando se tiña previsto, ao acabar o devandito curso. Estes problemas non se solucionaron completamente ata a creación doutros institutos na comarca. Ao rematar a década dos 80, o instituto dispuña de tres edificios: o principal, destinado a aulas, laboratorios e outras estancias; un edificio anexo a carón do aparcadoiro e diante da entrada principal, con obradoiros de formación profesional; e outro anexo, na zona traseira e próximo ás pistas de xogo, destinado a ximnasio.

Outro aspecto que marcou a vida do centro durante a década dos anos 80 foi a loita pola consecución do ciclo completo da rama marítimo-pesqueira. No caso de administrativo, implantáronse os cinco cursos (FP1 e FP2), pero non así no outro, o que obrigaba a continuar os estudos da rama (os tres cursos da FP2) noutras localidades. A pesar da reivindicación, que abrangueu desde manifestacións a convocatorias de folga na bisbarra, a Xunta de Galicia desbotou a idea en setembro de 1990 e, un ano despois, anunciaríase a creación da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

Unificación, nome e LOXSE Desde o punto de vista administrativo, o instituto de FP e o de bacharelato eran centros independentes. O Instituto de BUP de Muros tivo como primeira directora a María Teresa Otero Suárez, e o de FP a Manuel Vázquez Leborán. A unificación de ambos os dous centros daríase o 1 de xullo do ano 1989: Instituto de Educación Secundaria e Profesional de Muros.

A iniciativa de asignarlle un nome ao centro saíra do instituto de bacharelato cando aínda eran dous centros. Nun comezo, baralláronse varias opcións: Raúl Boullosa Crespo, Manuel Antonio, Antón Vilar Ponte, Diego de Muros, Agra de Baño e Fontexería. Porén, a decisión non se tomaría ata anos despois, cando xa era un centro unificado. Para o curso 1992-1993, o nome escollido foi Fontexería.

O número de alumnos creceu na década dos anos 90. No curso 1994-1995 chegou a ter matriculados 945 alumnos, a maior cifra da súa historia. Nesta década, tamén se instaurou a LOXSE, pero os requirimentos da nova lei e as deficiencias espaciais do centro obrigaron a que a introdución da ESO se demorara dous anos con respecto á inicialmente prevista. Así, o alumnado do primeiro ciclo da ESO tivo que realizar os dous primeiros cursos nos centros de EXB de Muros, Esteiro e Louro, e comezaron 3º da ESO no Fontexería no curso 1998-1999. Nese curso tamén se inaugurou o que sería o IES As Insuas, moi próximo ao Fontexería, que acolle ata o día de hoxe alumnado proveniente dos centros de Louro e Esteiro.

Coa introdución da LOXSE fóronse extinguindo estudos dos plans anteriores. No citado 1998-1999, rematou o último curso da rama marítimo-pesqueira; o curso 1999-2000 será o último de 3º de BUP e, un curso despois, o de COU.

O novo milenio tamén trouxo a construción dun novo pavillón que se comezou a usar no curso 2002-2003, o que permitiu destinar o antigo a salón de actos.

Reforma No ano 2021, con María José Lago Fiúza como directora, iníciase a reforma integral do instituto na que se remodelou por completo o aspecto exterior do centro e os edificios anexos, agás o pavillón. O proxecto recaeu no estudo pontevedrés Marmitako Arquitectura.

A día de hoxe, o IES Fontexería continúa a ser un piar educativo na comarca de Muros e busca ampliar a súa oferta educativa.

Vida cultural, compromiso social e premios O instituto ten unha dilatada tradición de actividades culturais e extracurriculares. A primeira Semana Cultural tivo lugar en 1989 e leva celebrándose de maneira interrompida dende aquela. Esta iniciativa inclúe obradoiros, charlas, proxeccións e outros proxectos interdisciplinarios, como aconteceu no 2020. Ese ano, debido á pandemia causada polo COVID-19, optouse por un formato en liña baixo o título Libre_mente, no que se compartiron documentais e monólogos e se homenaxeou a profesora do centro Belén Feliú, falecida anos atrás. No ano 2018, organizou os VI Encontros de Centros por unha Convivencia Positiva "Muros Emocion@".

O centro ten traballado temas como a igualdade de xénero, con actividades como a proxección do documental Contra os elementos, no ano 2018, organizada pola Deputación da Coruña, que tratou as dificultades das mulleres no deporte, e a consecución do terceiro posto no premio Proxecta de Innovación Educativa polos obradoiros e actividades englobadas no título Desaprendendo o sexismo dende as aulas: o dereito á coeducación. Ademais, a súa biblioteca escolar, integrada na rede de Bibliotecas Escolares de Galicia, promove a lectura e a cultura a través de iniciativas como o blog Andel aberto.

De igual maneira, o instituto destacou en concursos educativos. No 2019, o alumnado gañou o primeiro premio na primeira edición do Desafío Gen Tech de Altia, centrado en solucións tecnolóxicas para melloras ambientais e educativas, e o terceiro premio no campionato Energía con conciencia da Fundación Repsol, cun proxecto sobre a eficiencia enerxética.

Notas

Categoría:Muros Fontexeria Categoría:Muros sen imaxes