A travesía de Vigo é unha vía urbana da cidade galega homónima. Con 2,5 km de lonxitude, constitúe un dos viais máis extensos da cidade, e vertebra a parroquia de Teis e o concello limítrofe de Redondela co centro da cidade. Comeza coa confluencia da avenida de Ánxel Lema e remata nas rúas Urzaiz e Pizarro.

É considerada unha rúa-cidade debido a conter máis de 10 000 habitantes censados, o que implica unha maior poboación que 256 municipios galegos.

Toponimia A travesía de Vigo recibe o seu nome da propia cidade, o que constitúe un caso extraordinario, xa que as cidades non adoitan ter o seu nome no seu propio rueiro. A travesía recibiu ese nome por conectar as cidades de Vigo e a parroquia redondelá de Chapela pola N-552, como así consta nun rueiro de 1954, antes aínda de estar poboada. Froito do seu inicial desenvolvemento como estrada interurbana, a travesía de Vigo presenta caracteristicamente numerosas curvas e un trazado irregular. Existen tamén rúas e canellóns perpendiculares á travesía con nomes coma "Primeira Travesía da Travesía de Vigo".

En 1974 a travesía mudou o seu nome polo de avenida Almirante Carrero Blanco, poucos meses despois de que, en decembro de 1973, a banda terrorista ETA asasinase ao militar e por aquel entón presidente do Goberno de España.

Coa chegada da democracia a España tornou ao seu nome orixinal, aínda que en 1993 unha parte da vía mudase de nome. Trátase da parte desde o cruzamento coa avenida de Bos Aires, cara a Chapela, que pasou a se denominar avenida de Ánxel Lema e Marina, o que resultou nun acurtamento na lonxitude.

Historia e urbanismo miniatura|Mural de Elisa Capdevila no número 45 da Travesía de Vigo. A historia da travesía está intimamente ligada ao desenvolvementismo, así como ao crecemento industrial da cidade e a vertebración dos barrios obreiros vigueses. A urbanización do vial comezou na década de 1960, coma necesidade de ampliación urbanística da cidade froito do desenvolvemento das industrias automobilística e naval, a cal atraeu unha forte emigración interna das provincias de Lugo e, sobre todo, Ourense. Na travesía de Vigo tamén se asentaron ducias de familias de emigrantes retornados de América, que investiron os seus aforros no negocio inmobiliario.

Así, comezou a construírse a avenida sobre a que era a antiga N-550, deseñando un vial de catro carrís, dous a cada dirección. Posteriormente comezaron a construírse voluminosos bloques de edificios de até dez andares, tecendo unha rede de construción sen apenas terreos baleiros. Isto faría que aumentase considerabelmente a poboación, pero tamén que se modulase a morfoloxía urbana do barrio: as enormes alturas dos edificios e as paredes verticais daba a impresión de asemellarse a un canón.

O arquitecto e avogado Migel Font definiu así a explosión demográfica e urbanísitica da travesía, no contexto dun importante éxodo rural:

A avenida, sinuosa e de trazado irregular, froito do seu pasado trazado como parte da N-550, consta cunha mediana con plantas e vexetación ornamental, que en 2001 foi minguada nunha das humanizacións que sufriu. A brutalismo dos edificios, a presenza de numerosas rotondas e túneles e a práctica ausencia de parques e outras zonas verdes, son as características máis distintivas deste vial. Exemplo de dito brutalismo foi a construción por parte do promotor Luís Cort das 600 vivendas dos Edificios de Fenosa influídos por Le Corbusier e e popularmente coñecidos coma "grileiras" ou "coelleiras".

Edificios singulares Centro Comercial Travesía. A súa construción data do ano 2003. Edificios de Fenosa. Construídos en 1967, conforman un grupo de 600 vivendas promovidas por Luís Corto, e popularmente coñecidos coma "grileiras" ou "coelleiras" por mor do seu aspecto megalómano, con elevadas alturas e ventás de pequeno tamaño.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Éxodo rural

Categoría:Avenidas de Vigo