Alicia López Bruzos, nada en Lugo o 29 de marzo de 1993, é unha xenetista galega, investigadora en bioloxía mariña e xenética. Dirixe un grupo de investigación no Instituto Max Planck de Microbioloxía Mariña en Bremen, Alemaña. A súa área de investigación céntrase nos cancros transmisibles en bivalvos.

Traxectoria Filla dunha mestra de educación primaria e dun mineiro que faleceu cando ela tiña 4 anos. Durante a súa infancia, viviu en Viveiro onde realizou toda a súa educación obrigatoria en centros públicos, primeiro no CEIP Lois Tobío e logo no IES Vilar Ponte. Ademais, asistiu ao conservatorio de Viveiro, onde obtivo o grao elemental de música coas especializacións de frauta traveseira e piano.

Graduouse en bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela en 2015, seguido dun mestrado en bioinformática pola Universidade Autónoma de Barcelona. En 2022 defendeu a súa tese de doutoramento en medicina molecular na Universidade de Santiago de Compostela, onde estudou as bases xenéticas das metástases contaxiosas no medio mariño.

Despois do seu doutoramento, traballou como posdoutoranda no Francis Crick Institute da University College London no Reino Unido. En 2023, conseguiu un contrato Marie Skłodowska-Curie para continuar a súa investigación na Universidade de Caen Normandía en Francia. Actualmente, dirixe un grupo de investigación no Instituto Max Planck de Microbioloxía Mariña en Bremen, Alemaña.

Investigación esquerda|miniatura|Diagnóstico do cancro transmisíbel na ameixa carneiro. Alicia L. Bruzos estuda os cancros transmisibles en moluscos bivalvos, unha forma rara de cancro onde as células tumorais se espallan ou contaxian entre individuos. O seu traballo pretende comprender os mecanismos evolutivos que permiten a transmisión e persistencia destes cancros, establecendo paralelismos coas metástases humanas.

Contribuíu a varios descubrimentos importantes na xenómica do cancro humano, incluíndo a inestabilidade xenómica causada polos retrotransposóns LINE-1, a inestabilidade cromosómica inducida polo virus da hepatite B no carcinoma hepatocelular e a identificación de xenes de fusión BRAF implicados nos nevos melanocíticos conxénitos.

As súas investigacións sobre cancros transmisibles en bivalvos inclúen o descubrimento dun novo cancro contaxioso que afecta a varias especies de ameixas, o desenvolvemento dun ensaio de PCR múltiple para detectar dúas liñaxes de cancros transmisibles en berberechos e a caracterización dos mecanismos da evolución do cancro contaxioso dos berberechos, incluíndo a transferencia horizontal do ADN mitocondrial completo e a duplicación completa do xenoma .

O seu traballo, na intersección entre a investigación do cancro, a evolución e a ecoloxía mariña, suxire que estes cancros poderían ser máis comúns nos ecosistemas mariños do que se pensaba, con importantes implicacións para a saúde dos ecosistemas costeiros e das poboacións de bivalvos explotadas na acuicultura.

Distincións En 2024, Alicia L. Bruzos recibiu o Premio L'Oréal-UNESCO a Mulleres en Ciencia en recoñecemento ás súas contribucións á investigación sobre os cancros transmisibles en bivalvos. O premio foille concedido en outubro na Academia de Ciencias de París.

Notas

Categoría:Científicos de Galicia Categoría:Nados en Lugo Categoría:Nados en 1993 Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Biólogos de Galicia Categoría:Xenetistas