O corvo do deserto (Corvus ruficollis) é unha ave da familia dos córvidos máis grande (de 52–56 cm de lonxitude) que o corvo viaraz pero non tanto coma o corvo grande. Ten proporcións similares ás do corvo grande pero o bico non é tan grande ou profundo e as ás tenden a ter un perfil un pouco máis afiado. A cabeza e gorxa son dun distintivo negro amarronado, mentres que o resto da plumaxe é negra con brillos púrpuras, azuis ou azuis purpúreos. Igual que o Corvus corax, o Corvus crassirostris e o Corvus albicollis, é unha das especies de corvos máis grandes. A cor das plumas desta especie a miúdo vai desvanecéndose bastante rapidamente a negro amarronado (incluso nas plumas que eran totalmente negras) e a ave pode parecer claramente marrón no momento da muda. Os pés, patas e bico son negros. O Corvus edithae era antes considerado unha subespecie deste corvo (Corvus ruficollis edithae) pero agora parece que está máis próximo ao Corvus albus (corvo pego).

Distribución e hábitat Esta especie ten un amplo rango virtualmente por todo o norte de África, e cara ao sur ata Kenya, ao leste ata a Península Arábiga e o Gran Oriente Medio e sur de Irán. Vive nun ambiente predominantemente desértico visitando os oasis e os bosquetes de palmeiras.

O seu alimento é moi variado, incluíndo prea, serpes, lagostas e outros saltóns, peixes varados (en áreas costeiras), gran roubado, dátiles e outros froitos. É bastante destemido cando non é perseguido, pero rapidamente se fai cauteloso tímido se se lle presta moita atención. Un estudo israelí de 2009 mostrou que esta especie caza cooperativamente lagartos, ao bloquearen algunhas das aves a saída da presa mentres que outras a cazan.

Nidificación O niño é moi similar ao do corvo grande e poden facelo en árbores, cantís ou en edificios vellos e en ruínas. O Corvus edithae parece preferir árbores espiñosas para construír o niño. Poñen usualmente 4–5 ovos e incúbanos durante 20–22 días. Os xoves normalmente abandonan o niño despois de 37-38 días e poden voar aos 42–45 días.

Vocalización A voz é moi similar á do corvo grande e consiste principalmente en axiridos, aínda que de ton alto; e un áspero "karr-karr-karr". En voo profiren unha chamada que soa "kuerk-kuerk". Como todos os córvidos, o corvo do deserto é capaz de imitar vocalizacións; porén, este comportamento é principalmente observado en catividade e só máis raramente na natureza.

Galería

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Categoría:Córvidos Categoría:Animais descritos en 1830