New Shepard é un vehículo espacial suborbital totalmente reutilizable desenvolvido para turismo espacial por Blue Origin. O vehículo foi nomeado en honor a Alan Shepard, o primeiro astronauta estadounidense e quinta persoa en camiñar sobre a Lúa. É capaz de engalar e aterrar verticalmente e pode levar a persoas e carga seguindo unha traxectoria suborbital.

O New Shepard está formado por un foguete lanzador e unha cápsula para tripulación e carga. A cápsula pode configurarse para acomodar ata a seis pasaxeiros, carga ou unha combinación de ambos. O foguete está propulsado por un motor BE-3PM capaz de enviar a cápsula por enriba da liña de Kármán, onde pasaxeiros e carga poden experimentar a microgravidade durante uns minutos antes do regreso á Terra.

O vehículo está deseñado para ser completamente reutilizable, coa cápsula volvendo a terra mediante tres paracaídas e un foguete de propelente sólido. O foguete aterra verticalmente nunha plataforma 3,2 km ao norte da rampla de lanzamento. O vehículo de lanzamento ten unha lonxitude de 19,2 m, un diámetro de 3,8 m e unha masa ao lanzamento de 75 000 kg. O motor BE-3PM produce 490 kN de pulo na engalaxe.

Historia O primeiro vehículo de probas do programa de desenvolvemento do New Shepard foi un vehículo de demostración a subescala denominado Goddard construído en 2006, despois dos primeiros esforzos de Blue Origin en desenvolver motores foguete. Goddard foi ensamblado nas instalacións de Blue Origin en Kent, Washington, e fixo o seu primeiro voo o 13 de novembro de 2006. Había programado un segundo voo para o 2 de decembro, pero nunca tivo lugar.

Segundo os rexistros da Administración Federal de Aviación (FAA), Goddard fixo outros dous voos. Blue Engine 1, ou BE-1, foi o primeiro motor desenvolvido por Blue Origin, sendo usado no Goddard. Para o New Sheppard necesitábase tamén unha cápsula, comezándose o seu deseño a principios dos anos 2000. O 19 de outubro de 2012, Blue Origin levou a cabo unha proba exitosa de simulación de escape dunha cápsula suborbital a tamaño real no seu sitio de lanzamento no oeste de Texas. A cápsula chegou a unha altura de 703 m baixo control propulsado antes de descender de maneira segura en paracaídas e facer unha aterraxe suave a 500 m do sitio de lanzamento.

En abril de 2015 Blue Origin anunciou que completaran as probas de aceptación do motor BE-3PM que propulsaría o New Shepard. Tamén anunciou que tiñan a intención de comezar os voos de proba do New Shepard a finais de 2015 cunha frecuencia de ata un voo por mes cunha "serie de ducias de voos durante toda a extensión do programa de probas de voos suborbitais cunha duración dun par de anos". O mesmo mes a FAA anunciou que a documentación reguladora para o programa de voos xa fora arquivada e aprobada e que se esperaba que os voos de proba comezaran antes de mediados de maio de 2015. En febreiro de 2016 tíñanse construídos tres vehículos New Shepard, o primeiro perdéndose nunha proba en abril de 2015, o segundo tendo voado dúas veces e o terceiro sendo completado na fábrica de Kent, Washington. En 2016 o equipo de Blue Origin foi galardoado co Trofeo Collier por demostrar a reusabilidade dun foguete co New Shepard.

En xullo de 2021 a compañía completou con éxito a súa primeira misión tripulada, a Blue Origin NS-16, con Jezz Bezos, o seu irmán Mark Bezos, Wally Funk e Oliver Daemen a bordo. O voo durou aproximadamente 10 minutos e cruzou a liña Kármán. En posteriores misións voaron turistas e celebridades como William Shatner. En xuño de 2022 cada pasaxe tiña un prezo de 50 millóns de dólares. A segunda e terceira misións tripuladas leváronse a cabo en outubro e decembro de 2021 e a cuarta en marzo de 2022, coa quinta completándose en xuño de 2022 e a sexta en agosto dese mesmo ano. En setembro un voo non tripulado experimentou un problema no seu motor BE-3PM, activándose o sistema de escape e lanzando a cápsula cos experimentos a bordo, que aterrou sen problemas. A investigación desvelou que o fallo foi producido por un fallo térmico-estrutural da tobeira do motor, causando un desaliñamento do vector de propulsión que activou o sistema de escape. Os lanzamentos retomáronse coa misión Blue Origin NS-24 o 19 de decembro de 2023.

Vehículos New Shepard miniatura|246x246px|A cápsula tras un voo suborbital exitoso.

Módulos de propulsión New Shepard Ata 2024 había cinco módulos de propulsión construídos, denominados NS1, NS2, NS3, NS4 e NS5.

New Shepard 1 O primeiro voo dun New Shepard a escala completa foi o de NS1, tamén nomeado como "Tail 1", e foi levado a cabo o 29 de abril de 2015, chegando a 93,5 km de altura. Aínda que o voo se considerou un éxito e a cápsula se recuperou con éxito despois da súa aterraxe con paracaídas, o foguete estrelouse contra o solo debido ao fallo da presión hidráulica no sistema de control durante o descenso. A cápsula foi bautizada como Jules Verne.

New Shepard 2 O New Shepard 2 (NS2), coñecido tamén como "Tail 2", fixo cinco voos exitosos entre 2015 e 2016, sendo retirado despois do quinto voo, en outubro de 2016.

New Shepard 3 O New Shepard 3 (NS3), coñecido tamén como "Tail 3", xunto coa cápsula RSS H. G. Wells,, foi modificado para permitir unha maior reutilización e ter unha mellor protección térmica, incluíndo un módulo de propulsión redeseñado e novos paneis de acceso para un servizo máis rápido. Foi completado e enviado ao sitio de lanzamento en setembro de 2017,Blue Origin enlarges New Glenn’s payload fairing, preparing to debut upgraded New Shepard, Caleb Henry, SpaceNews, accessed 15 September 2017. aínda que algunhas das súas partes foran construídas xa en marzo de 2016. Os voos de proba comezaron en 2017 e continuaron ata 2019. A nova cápsula tripulada, dotada de ventás, foi integrada co NS3, aínda que este so foi pensado para usar en voos de carga, non tripulados.

O voo de proba inicial tivo lugar o 12 de decembro de 2017, sendo o primeiro voo baixo un réxime regulado mediante unha licenza de lanzamento proporcionado pola FAA. Os voos anteriores foron lanzados baixo un permiso experimental, que non permitía a Blue Origin usar carga comercial. Isto converteu a NS3 no primeiro voo con carga a bordo pola que se pagou, levando 12 experimentos, así como unha manequín de probas.

Desde o voo inicial, "Blue Origin fíxolle varias actualizacións ao vehículo... principalmente para mellorar a operabilidade en lugar da eficiencia ou a fiabilidade. Estas actualizacións levaron máis tempo do esperado", causando un baleiro de varios meses entre voos de proba. O segundo voo de proba tivo lugar o 29 de abril de 2018. O décimo voo do programa New Shepard e o cuarto do NS3 foi planificado orixinalmente para decembro de 2018, pero foi atrasado debido a problemas coa infraestrutura de terra. Despois dun diagnóstico do problema inicial, Blue Origin replanificou o lanzamento para principios de 2019, tras descubrir que outros sistemas necesitaban reparacións adicionais. O voo engalou o 23 de xaneiro de 2019 e chegou ao espazo, a unha altura máxima de 106,9 km.New Shepard makes 10th launch as Blue Origin aims to fly humans late in 2019. Eric Berger, Ars Technica. 23 de xaneiro de 2019. Foi usado para probar SPLICE (Safe and Precise Landing – Integrated Capabilities Evolution), un demostrador tecnolóxico para aterraxes lunares da NASA, en dous voos separados, en outubro de 2020 (NS-13) e agosto de 2021 (NS-17).

O foguete New Shepard 3 foi destruído durante a misión NS-23, o noveno voo do vehículo, ao impactar contra o solo o 12 de setembro de 2022 tras unha anomalía do motor que levou á activación do sistema de escape. A cápsula sen tripular aterrou con éxito mediante paracaídas.

New Shepard 4 O New Shepard 4 (NS4), coñecido tamén como "Tail 4", que voa coa cápsula RSS First Step, é o cuarto módulo de propulsión construído e o primeiro en levar pasaxeiros humanos, sendo o propio Bezos un deles. O vehículo foi construído en 2018 e levado ás instalacións de lanzamento de Blue Origin en Texas Oeste en decembro de 2019. O voo inaugural non tripulado tivo lugar o 13 de xaneiro de 2021. NS4 foi lanzada con éxito o 20 de xullo de 2021 con catro pasaxeiros a bordo, Bezos incluído. No voo do 13 de outubro de 2021 voaron outros catro pasaxeiros a bordo, entre eles William Shatner. O 11 de decembro de 2021 foi lanzada na misión NS-19, levando por primeira vez a seis pasaxeiros, o máximo para o que foi deseñado. En outubro de 2024, o Museo Nacional do Aire e do Espazo anunciou que Blue Origin donara a NS4 para ser exposta no museo.https://www.smithsonianmag.com/smart-news/historic-new-shepard-rocket-booster-and-crew-capsule-will-go-on-display-at-the-air-and-space-museum-180985265/

New Shepard 5 O New Shepard 5 (NS5), que voa coa cápsula RSS Kármán Line, é o segundo módulo de propulsión de Blue Origin certificado para ser tripulado. Foi construído debido á maior demanda de voos de New Shepard e engalou por primeira vez, sen tripulación, o 23 de outubro de 2024 tras dous intentos abortados, o 7 e o 13 de outubro.

Historial de lanzamentos