Judith Jarvis Thomson, nada en Nova York o 4 de outubro de 1929 e finada en Cambridge (Massachusetts) o 20 de novembro de 2020, foi unha filósofa estadounidense especializada en ética e metafísica. O seu traballo abarcou múltiples eidos, pero as súas investigacións máis coñecidas versan sobre o experimento mental coñecido como o "dilema do tranvía" e mais sobre o aborto. En concreto, atribúeselle a Thomson o comezo dunha extensa literatura sobre o dilema do tranvía, creado orixinalmente por Philippa Foot (1920-2010). Por outra banda, no seu artigo seminal "A Defense of Abortion" ("Unha defensa do aborto", 1971) defendeu a postura de que o aborto é moralmente permisible aínda cando se considere que o feto é unha persoa con dereito á vida.

Traxectoria Primeiros anos e educación Thomson naceu na cidade de Nova York o 4 de outubro de 1929. A súa nai, Helen (Vostry) Jarvis (1898-1935), era profesora de inglés, e o seu pai, Theodore Richard Jarvis, traballaba como contable. Helen Jarvis morreu a causa dun cancro cando Thomson tiña 6 anos polo que, o 29 de xaneiro de 1938, o pai casou de novo con Gertrude Rubin (1902-1982), unha muller xudía con dous fillos. Así, malia non recibir presión relixiosa por parte dos seus pais, Thomson converteuse ao xudaísmo aos 14 anos no Templo Israel de Manhattan.

Thomson graduouse do Hunter College High School en xaneiro de 1946. Obtivo dous graos de filosofía no Barnard College (1950) e no Newham College (1952), así como un mestrado por Cambridge en 1956. En 1959, doutorouse en Filosofía pola Universidade Columbia.

Carreira profesional En 1960, Thomson comezou a dar clases no Barnard College. En 1962, casou con James Thomson, profesor en Columbia. Ambos pasaron o ano académico de 1962/1963 en Oxford, despois do cal se mudaron a Boston. Judith Thomson ensinou durante un ano na Universidade de Boston e, en 1964, foi contratada no Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT). O seu marido tamén obtivo un posto no MIT. Ambos divorciáronse en 1980, mais continuaron a traballar na mesma institución até o pasamento de James Thomson en 1984.

Thomson foi profesora visitante na Universidade de Pittsburgh (1976), na UC Berkeley School of Law (1983) e na Universidade Yale (1982, 1984, 1985). Recibiu bolsas da Fundación Fullbright (1950-1951), da Asociación Estadounidense de Mulleres Universitarias (1962-1963), do Fondo Nacional para as Humanidades dos Estados Unidos (1978–1979, 1986–1987), da Fundación Guggenheim (1986-1987) e do Centro de Estudos Avanzados de Oslo, Noruega (1996). Entre 1992 e 1993, foi presidenta da Asociación Estadounidense de Filosofía (APA).

Pasamento Faleceu o 20 de novembro de 2020, aos 91 anos. Está enterrada xunto ao seu exmarido no cemiterio Mount Auburn.

Filosofía

Ética e metafísica As principais áreas de investigación de Thomson foron a ética e a metafísica. No primeiro campo, contribuíu ao desenvolvemento da metaética, a ética normativa e mais a ética aplicada. Thomson opúxose ao consecuencialismo, ao hedonismo e as perspectivas subxectivistas, empregando nas súas argumentacións elementos propios da deontoloxía. Tamén fixo achegas sobre o tema da privacidade.

En metafísica, Thomson centrouse en cuestións relativas ás relacións entre accións e sucesos, así como entre o tempo e as partes físicas.

A Defense of Abortion En 1971, publicou o seu célebre artigo "A Defense of Abortion", no que introduciu un coñecido experimento mental: imaxínese que o sistema circulatorio dunha persoa foi conectado, sen o seu consentimento, a un famoso violinista, co gallo de mantelo con vida durante os vindeiros nove meses. A idea de Thomson é mudar o núcleo do debate dos dereitos do feto aos dereitos da persoa embarazada. En concreto, o seu argumento acepta que o feto é unha persoa, sen que iso se antepoña ao dereito da autonomía corporal da persoa embarazada. Este argumento foi obxecto de numerosos debates sobre a cuestión do aborto.

A nivel histórico, o artigo está vinculado ao caso xudicial Roe v. Wade, que asentou xurisprudencia sobre o dereito a abortar nos Estados Unidos.

Premios Membro da Academia Estadounidense das Artes e das Ciencias (1989) Premio Quinn da Asociación Estadounidense de Filosofía (2012). Doutora honoris causa polas universidades de Cambridge (2015) e Harvard (2016). Membro da Academia Británica (2016). Membro da Sociedade Estadounidense de Filosofía (2019).

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos Deontoloxía Dereito ao aborto

Categoría:Alumnos do Barnard College Categoría:Finados en 2020 Categoría:Nados en 1929 Categoría:Filósofos dos Estados Unidos de América Categoría:Escritores en lingua inglesa