miniatura|Detalle da cabeza dun ticotico de papo branco cos seus característicos gorxa branca e loro amarelo. miniatura|O ticotico de papo branco prefire buscar alimento no chan. O ticotico de papo branco (Zonotrichia albicollis) é unha ave paseriforme da familia dos paserélidos. Reprodúcese en América do Norte e pasa o inverno no sur dos Estados Unidos.
Taxonomía En 1760 o naturalista inglés George Edwards incluíu unha ilustración e unha descrición do ticotico de papo branco no segundo volume da obra Gleanings of Natural History. Utilizou o actual nome inglés: white-throated sparrow. Baseou o seu gravado coloreado a man nun "coidado debuxo en cores" enviado polo naturalista estadounidense William Bartram desde Filadelfia, Pennsylvania. Cando o naturalista alemán Johann Friedrich Gmelin revisou e ampliou a obra de Carl Linné Systema Naturae en 1789 incluíu o ticotico de papo branco. Situouno xunto cos pimpíns no xénero Fringilla e acuñou para el o nome binomial Fringilla albicollis. Hoxe, este paxaro é unha das cinco especies situadas no xénero Zonotrichia, que foi introducido por William Swainson en 1832. O nome do xénero vén do grego antigo ζωνη (zōnē), que significa 'banda', e θριξ (thrix), τριχος (trikhos), que significa 'pelo'. O epíteto da especie albicollis combina as palabras latinas albus, 'branco' e -collis 'pescozo'. A especie é monotípica, xa que non se recoñecen subespecies.
Descrición
É un paseriforme que pertence á familia Passerellidae (os pardais no Novo Mundo). Mide de 15 a 19 cm de lonxitude cunha envergadura de 23 cm. O seu peso típico é de 22 a 32 g, cunha media de 26 g. Entre as súas medidas estándar, a corda máxima alar é de 6,3-7,9 cm, a cola é de 6,8-7,7 cm, o bico é de 1-1,2 cm e o tarso é de 2,2-2,4 cm. Son de aspecto similar ao Zonotrichia leucophrys, pero coas marcas brancas na gorxa e os loros (zona entre o ollo e o bico) amarelos.
Hai dúas variacións de plumaxe adultas coñecidas como forma de raia marrón clara e de raia branca. Na forma de raia branca o píleo é negro cunha raia central branca. A lista supraciliar é tamén branca. As auriculares son grises co bordo superior formando unha liña ocular negra.
Na forma de raia marrón clara, o píleo é marrón escuro cunha raia central marrón máis clara. A liña supraciliar é tamén marrón clara. As auriculares son cincentas/marróns claras co bordo superior formando unha liña ocular marrón. Ambas as variedades presentan ollos escuros, papo branco, loros amarelos e bico cincento. Hai variacións nalgúns individuos que poden mostrar raias laterais escuras a cada lado da gorxa.
Case sempre se emparellan co morfo de cor oposta para reproducirse. Os morfos das dúas cores aparecen en cantidades aproximadamente iguais. Tanto o macho coma a femia de raia branca son máis agresivos que os de raia marrón clara durante a tempada reprodutora. A agresión está ligada a un incremento da taxa de expresión do receptor de estróxenos alfa nos exemplares de raia branca.
O peito ten manchas grises/marróns e ditas manchas continúan polos flancos, pero o ventre xeralmente é gris claro. As ás son marróns avermelladas con dúas barras alares brancas ben visibles. Os sexos son morfoloxicamente similares.
Comportamento
Reprodución Reprodúcese no centro do Canadá e Nova Inglaterra. O niño fano no chan baixo arbustos ou na parte baixa de árbores en bosques caducos ou mixtos e poñen de 3 a 5 ovos azuis con marcas marróns ou brancas verdosas.
Os morfos marrón claro e branco usan diferentes estratexias reprodutivas. Os machos marróns claros investen en coidados parentais e vixían as súas parellas por se outros individuos buscan copulacións fóra da parella. Os machos brancos invisten en asegurarse parellas adicionais e copulacións fóra da parella por medio de cancións de anuncio e introducíndose en territorios dos veciños. Os morfos femininos teñen diferenzas similares, e as femias marróns claras invisten en coidados parentais e as brancas solicitan copulacións fóra da parella e realizan parasitismo de posta, deixando os seus ovos nos niños alleos para que sexan outros os que críen e alimenten os pitos. Aparearse cos morfos opostos e usar estratexias reprodutivas alternativas axuda a manter o equilibrio competitivo. Este comportamento foi descrito xeneticamente como producido por unha inversión cromosómica que afecta un superxene que actúa como un par extra de xenes para a determinación do sexo, resultando catro fenotipos que se reproducen seguindo un padrón de heterogamia ou apareamento desagrupado (disassortative mating).
Invernada e migración En inverno esta especie migra ao sur e leste dos Estados Unidos. Son migrantes diferenciais nos que as femias migran máis lonxe, incrementando a proporción de femias en latitudes máis baixas na ruta aérea atlántica. As femias son máis pequenas así que non estarían tan optimamente en latitudes máis altas e frías, e as femias evitan a competición cos machos dominantes das xerarquías de inverno ao migraren máis lonxe. Tampouco sería beneficioso para as femias seren dos primeiros en regresar despois do inverno, así que migraren máis lonxe permite que os machos tornen e establezan o territorio unhas poucas semanas antes da chegada delas. Permanece todo o ano nas provincias atlánticas do Canadá. Esta ave é un ave vagante rara en Europa occidental. Xunto con outras especies como o Cardinalis cardinalis, Junco hyemalis, Melospiza melodia e as do xénero Poecile, esta especie está entre as especies máis abundantes nativas do leste de América do Norte en inverno.
Malia o alto nivel de rivalidade conespecífica entre os ticoticos de papo branco, esta especie adoita estar dominada por outras especies residentes de inverno comedoras de sementes, incluso dos que non son máis grandes ca el, como o Melospiza melodia, e por iso pode soportar altos niveis de predación mentres busca comida, xa que ás veces queda restrinxido a buscar comida a sitios subóptimos pola competición. Numerosos mamíferos carnívoros e polo menos dez aves predadoras a miúdo cazan os ticoticos de papo branco e están entre as presas máis comúns dalgunhas pequenas rapaces, como Accipiter striatus e Megascops asio.
Dieta Estes paxaros comen no chan baixo ou preto de matogueiras ou en vexetación baixa pateando cara a atrás con ambos os pés simultaneamente. Come principalmente sementes, insectos e bagas, e son atraídos polos comedeiros de aves. Algunhas das froitas que come son amoras, uvas e froitos de Rosa. Unha das súas sementes favoritas é o millo miúdo, pero tamén se alimenta de pipas de xirasol negras e diferentes sementes.https://abcbirds.org/bird/white-throated-sparrow/. White-throated-Sparrow. American Bird Conservancy Durante o verán, os insectos e outros pequenos vertebrados constitúen unha gran porción da súa dieta.https://mdc.mo.gov/discover-nature/field-guide/white-throated-sparrow. Missouri Department of Conservation. White-throated Sparrow.
Vocalizacións miniatura|esquerda|150px|Canción do ticotico de papo branco. Canta unha canción polo lado esquerdo da sirinxe, e no control da súa sirinxe interveñen os sistemas nerviosos central e periférico. Despois dunha lesión no control motor do lado esquerdo da sirinxe, aínda poden producir son pero o padrón da súa canción está distorsionado, o que indica que o lado esquerdo é o que controla principalmente a produción do son. Hai polo menos dúas cancións que canta esta especie. Unha consiste nunha nota inicial, seguida dunhas tres notas repetidas a un intervalo dun terzo maior. A segunda canción consiste nunha nota inicial, unha segunda un paso enteiro máis baixo, e unha terceira nota, repetida dúas ou tres veces, aproximadamente un terzo menor por debaixo desa. O ritmo é moi regular e o timbre podería describirse como comprimido. Estes intervalos musicais son só aproximados; para un oído humano a canción a miúdo soa desafinada. A nota repetida cambia a miúdo en ton moi lixeiramente, contribuíndo a este efecto.
Tal como se informou en National Geographic en 2020, descubriuse unha nova canción do ticotico de papo branco. Empeza da mesma maneira que a canción típica, pero cunha diferenza sutil: os tripletes repetidos convértense en dobretes, acabando cun só ton final. Esta nova canción empezou a aparecer na Columbia Británica do Canadá, e espallouse cara ao leste.Sparrows are singing a new song, in a rapid, unprecedented shift. Wetzel, Corryn.National Geographic, 2 de xullo de 2020. Consultdo o 5 de xullo de 2020.
Ademais da canción, o ticotico de papo branco ten polo menos dúas chamadas.
Ameazas Nun estudo de 2019 baseado en monitorizacións feitas no período 1978–2016, atopouse que o ticotico de papo branco era unha das aves máis susceptibles a choques contra edificios, e mesmo foron cualificados como "superchocadores". Mentres que dalgunhas aves comúns da zona de Chicago, como os Vireo gilvus (dos cales só se atoparon dúas vítimas) ou os Empidonax minimus, só se rexistraron unhas ducias de mortes, no caso dos ticoticos de papo branco atopáronse 10.000 vítimas no mesmo período. Isto podería ser causado pola súa atracción polas luces artificiais e polo uso que estas aves fan de chamadas de voo nocturnas, que orixinan un bucle de retroalimentación positiva polo que estas aves son constantemente atraídas pola luz e o son cara a súa morte.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
White-throated sparrow – Smithsonian Migratory Bird Center White-throated sparrow species account – Cornell Lab of Ornithology White-throated sparrow – Zonotrichia albicollis – USGS Patuxent Bird Identification InfoCenter
Categoría:Paserélidos Categoría:Animais descritos en 1789 Categoría:Taxons descritos por Johann Friedrich Gmelin