Calixto Bieito, nado en Miranda de Ebro o 2 de novembro de 1963, é un director de teatro de orixe galega, coñecido polas súas interpretacións radicais e ás veces polémicas de óperas clásicas. Foi nomeado director artístico do Teatro Arriaga de Bilbao e director residente do Teatro de Basilea.
Traxectoria
Primeiros anos Bieito naceu na vila burgalesa de Miranda de Ebro. De rapaz trasladouse a Barcelona coa súa familia, cando tiña 14 anos. A súa nai era unha sevillana afeccionada ao canto que o animou a tocar o piano. O seu pai era un galego ferroviario, que tamén compartía o amor pola música. Moitos dos seus tíos e curmáns tamén eran músicos.
Carreira artística De 1999 a 2011, Bieito foi Director Artístico do Teatre Romea de Barcelona e de 2010 a 2012, Director Convidado do Festival Internacional de Artes de Castela e León. Desde 2017, é Director Artístico do Teatro Arriaga de Bilbao. Ao longo da súa carreira dirixiu numerosas obras de teatro, zarzuelas e óperas, entre elas adaptacións de textos de Bernardo Atxaga, Tennessee Williams, Anton Chekhov, Kurt Weill, Jacques Offenbach, Henrik Ibsen, Bertolt Brecht, Federico García Lorca, o Tirant lo Blanc de Joanot Martorell, o Don Carlos de Friedrich Schiller, varias obras de William Shakespeare (O rei Lear, Macbeth e Hamlet premiado en Edimburgo), La vida es sueño de Calderón de la Barca ou o Parsifal de Richard Wagner.
Galardóns Entre os premios que recibiu atópanse o da Asociación de Directores de España (2000); o premio ao mellor director outorgado por The Irish Times-ESB Iris Adwards (2000); o premio Herald Archangel ao mellor artista do Festival de Edimburgo (2003) por Hamlet; o premio ao mellor director pola Crítica Teatral de Barcelona (2007); premio Tendencias ao creador consolidado polo xornal El Mundo (2008), o premio á mellor adaptación escénica pola Crítica Teatral de Barcelona (2009) e o Premio de Cultura Europeo no mesmo ano, o Premio Campoamor por Pepita Jiménez e o Premio Opera XXI en 2018,https://www.diariodeleon.es/noticias/cultura/calixto-bieto-gana-premio-opera-xxi_1304644.html entre outros.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Ópera Teatro Zarzuela
Categoría:Directores de teatro de España Categoría:Nados en 1963 Categoría:Nados en Miranda de Ebro Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Españois de ascendencia galega