Karoniaktajeh Louis Hall, nado en Kahnawake o 15 de xaneiro de 1918, e finado ibídem o 9 de decembro de 1993, foi un artista, escritor e activista mohawk de Kahnawake. É coñecido por ser o creador da "bandeira guerreira mohawk", tamén coñecida como a "bandeira da unidade", que foi utilizada como símbolo de resistencia pola Sociedade Guerreira Mohawk (en ), na crise de Oka en 1990. Hall era coñecido pola súa forte participación na revitalización das tradicións espirituais haudenosaunee (pobos iroqueses) e da cultura Kanonsiononwe (casa longa). Hall era un experto na Kaianera'kó:wa (Gran Lei da Paz), a constitución da Confederación Iroquesa, e foi unha parte fundamental no estabelecemento do Territorio Mohawk de Ganienkeh.

Traxectoria dereita|300px|miniatura|Bandeira guerreira mohawk deseñada por Karoniaktajeh Louis Hall. Hall foi un dos primeiros artistas indíxenas americanos do século XX que tivo unha práctica artística explicitamente política. Hall foi un pintor autodidacta e un artista notable entre o movemento Poder Vermello. A súa obra tiña elementos de pintura tradicional, propaganda política e deseño gráfico. Ademais da súa práctica visual, Hall tamén publicou boletíns e libros, incluíndo A Tale of One Mohawk, The Warriors' Handbook, Rebuilding the Iroquois Confederacy, e The Mohawk Warrior Society: A Handbook on Sovereignty and Survival. Agás a "bandeira guerreira mohawk" de 1990, o traballo de Hall non se mostrou en ningunha galería ou museo.

Hall uniuse ao American Indian Movement (AIM), e deseñou un cartel para eles en 1973. AIM foi unha organización de dereitos civís formada por persoas das Primeiras Nacións dos Estados Unidos e o Canadá. Este movemento procurou desafiar e loitar contra as forzas opresivas postas sobre os nativos norteamericanos. Hall participou en papeis a todos os niveis en AIM, e é aquí onde loitou para devolver o goberno tradicional e as ideas de Longhouse en Kahnawake.

Antes da crise de Oka, Hall estivo implicado na toma de posesión do territorio tradicional Ganienkeh no estado de Nova York en 1974. Aquí, Hall foi o correspondente secretario e voceiro do Consello de Moss Lake. Os nativos americanos afirmaron que o territorio de Ganienkeh estendíase por máis de 9 millóns de hectáreas desde Nova York ata Vermont, e que a terra lles fora quitada ilegalmente en 1797. Foi nese momento cando Hall creou a primeira versión da "bandeira da unidade". Esta primeira versión amosaba a silueta dun home nativo de pelo longo cun sol vermello e branco detrás del. Hall dixo que a bandeira está "deseñada para todas as nacións indias. Unha única pluma significa 'todo nunha soa mente'. Deganawida quería que todos os indios estivesen baixo a Gran Lei da Paz. Igualdade para todas as nacións indias”. Deganawida, tamén chamado O Gran Pacificador, foi o fundador da Confederación Iroquesa.

Unha nova versión da "bandeira da unidade" foi deseñada por Hall durante a crise de Oka de 1990 e utilizouse como símbolo de resistencia aos bloqueos nos territorios de Kanesatake e Kahnawake. Esta nova bandeira substituíu o home de pelo longo anterior por un guerreiro Kanien’kehá:ka. En contraste coa bandeira anterior, que era un símbolo para todos os indíxenas americanos, esta bandeira foi feita especificamente para a Rotisken'rakéhte ou Sociedade Guerreira Mohawk. Esta bandeira foi descrita por Hall como unha manifestación visual da Kaianera'kó:wa (Gran Lei da Paz).

Pasamento e legado Louis Karoniaktajeh Hall morreu o 9 de decembro de 1993, aos 75 anos. Estaba na súa casa da comunidade mohawk de Kahnawake no momento da morte.

A práctica artística e o activismo político de Hall lémbrase e aínda vive na actualidade. A "Bandeira da Unidade" converteuse nun símbolo emblemático da paz e da resistencia, e produciuse en masa en forma de adhesivos, chaveiros, roupa e pancartas. A "bandeira da unidade" tamén se utilizou en contextos de dereitos civís máis contemporáneos. Durante a "disputa pesqueira" da Esgenoôpetitj entre 1999 e 2002, os micmac ondearon a "bandeira da unidade", defendendo o seu dereito a pescar, recoller e cazar os recursos naturais da súa nación. A bandeira tamén se ondeou nas manifestacións en Standing Rock, concentracións durante as protestas de Idle No More e Black Lives Matter, e en Nablus, Palestina durante a conflito israelí-palestino de 2023.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Crise de Oka

Categoría:Nados en 1918 Categoría:Nados en Kahnawake Categoría:Finados en 1993 Categoría:Membros do American Indian Movement Categoría:Activistas nativos americanos