miniatura|Glóbulo vermello do sangue perdendo auga ao estar inmerso nunha solución hipertónica.
A plasmólise é o proceso no cal as células perden auga ao estaren rodeadas por unha solución hipertónica. Os procesos inversos son a deplasmólise e a citólise, que poden ocorrer se a célula está inmersa nunha solución hipotónica, o que resulta nunha menor presión osmótica externa e un fluxo neto de auga cara ao interior da célula. Observando a plasmólise e deplasmólise é posible determinar a tonicidade do ambiente en que está a célula, así como a velocidade con que as moléculas de soluto cruzan a membrana plasmática.
Etimoloxía O termo plasmólise deriva da palabra latina plasma, que significa ‘matriz’, e a grega lysis, que significa ‘relaxación, afrouxamento’.
Turxidez Unha célula vexetal en solución hipotónica absorbe auga por endosmose, de tal xeito que o aumento do volume da célula creado pola auga, incrementa a presión interior (presión de turxidez), facendo que o protoplasma empurre contra a parede celular, unha condición chamada turxidez ou turxencia. A turxidez fai que as células da planta se empurren unhas a outras e é a principal maneira en que se soportan os tecidos non leñosos das plantas. As paredes celulares das plantas poden resistir a entrada de máis auga ata certo punto, coñecido como turxidez completa, o que impide que as células das plantas estoupen como o faría nesas condicións unha célula animal (a cal non ten parede que a protexa). Esta tamén é a razón de que as plantas herbáceas se manteñan ergueitas. Sen a rixidez das súas células debido á turxidez, a planta derrubaríase sobre si mesma polo seu propio peso ou murcharía. Nunha célula empeza a declinar a presión de turxidez só cando non hai espazos de aire que a rodean e finalmente orixínase unha maior pesión osmótica que a da célula. Os vacúolos xogan un importante papel na presión de turxencia, xa que conteñen moita auga, que sae deles e da célula cando esta está inmersa en solucións hiperosmóticas con solutos como o manitol, sorbitol e sacarosa.
miniatura|Célula vexetal que experimenta plasmólise nunha solución hipertónica (aumentada x400)
Plasmólise
miniatura|300px|Célula vexetal en diferentes medios. Se unha célula vexetal se sitúa nunha solución hipertónica, a célula da planta perde auga e, por tanto, presión de turxidez por plasmólise: a presión diminúe e a membrana plasmática do protoplasma despégase da parede celular, deixando ocos entre a parede e a membrana. Un continuo decrecemento desta presión fará finalmente que se produza a citorrise, que é o colapso completo da parede celular. As plantas cuxas células están nesa condición encollen, murchan e esboróanse. Despois da plasmólise os ocos entre a parede celular e a membrana énchense con solución hipertónica. As plantas teñen algúns mecanismos para impedir unha perda excesiva de auga ou unha absorción excesiva. Durante a plasmólise prodúcese unha reorganización do citoesqueleto. A plasmólise pode ser invertida se a célula é situada nunha solución hipotónica. O proceso equivalente á plasmólise en células animais chámase crenación, na cal toda a célula cambia de forma externamente, ao carecer de parede ríxida.
A plasmólise só ocorre en condicións extremas e é menos frecuente na natureza. Pode inducirse doadamente no laboratorio mergullando as células en solucións fortemente salinas ou con moito azucre (sacarosa) para causar a saída de auga (exosmose). O proceso é facilmente visible usando células de Elodea ou células da epiderme de cebola. O azul de metileno adoita usarse como colorante para observar o proceso.
A plasmólise pode ser de dous tipos: cóncava ou convexa. Durante a plasmólise cóncava, a membrana e o protoplasma encóllense separándose parcialmente da parede celular e o protoplasma encóllese debido á formación de petos semiesféricos que se curvan cara ao interior entre a membrana e a parede. Durante a plasmólise convexa, a membrana e o protoplasma encóllense separándose completamente da parede, e o protoplasma forma un padrón curvado esférico simétrico.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Imaxes de plasmólise en Elodea e epiderme de cebola. Murchamento e plasmólise.
Categoría:Fisioloxía vexetal Categoría:Bioloxía das membranas