Os venres negros son unha serie de protestas levadas a cabo polo persoal da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), agrupados no movemento Defende a Galega, iniciadas para denunciar a manipulación informativa e a falta de independencia editorial nos medios públicos galegos. Estas protestas continuaron ocorrendo todos os venres, durante anos e, polo seu nome simbólico e a roupa de cor negra que visten os manifestantes, fai referencia ao "loito" pola calidade do xornalismo. Os participantes nese movemento denunciaron represalias contra eles.
Historia As mobilizacións dos "Venres negros" iniciáronse en maio de 2018, cando os traballadores da CRTVG, apoiados por sindicatos e colectivos en defensa da lingua galega, comezaron a protestar contra as interferencias políticas, a manipulación informativa e a falta de independencia editorial que percibían nos medios públicos galegos. Reclamaban un xornalismo libre e independente, respectuoso coa pluralidade de opinións e o fomento da cultura e lingua galegas, cumprindo coa finalidade estatutaria da corporación.
En resposta ás presións continuadas e á falta de medidas correctoras por parte da administración, os traballadores decidiron vestir de negro todos os venres, simbolizando o loito pola deterioración da calidade do xornalismo público, converténdose nunha cita semanal para denunciar prácticas de censura e manipulación, reclamando unha maior transparencia e independencia da radio e televisión públicas.
Os grupos de oposición no Parlamento Galego apoiaron as demandas do colectivo.
Folga A situación chegou a un punto crítico en outubro de 2024, cando, despois de seis anos de protestos, se iniciou unha folga indefinida, a raíz da filtración aos medios dunha nova lei que daría á Xunta maior control político sobre a CRTVG e a inclusión de programación en castelán, e a emisión de "O Termómetro", unha externalización da produción que substituíu o programa "A Revista".
O 13 de novembro, as asembleas de persoal da Corporación ratificaron a continuidade da folga e convocaron a cidadanía galega a participar nunha manifestación en defensa dos medios públicos o domingo 1 de decembro de 2024. Desde esa semana, os paros ampliáronse das 11.30 até as 13.45 horas para impedir a emisión do programa "O Termómetro" e a restitución de "A Revista".
Demandas e obxectivos Entre as principais demandas do movemento Defende a Galega encóntranse: A destitución de directivos acusados de manipulación informativa. A reinstauración de servizos informativos locais e desconexións que foran eliminadas. A produción propia fronte ás externalizacións das producións. Ampliación da programación infantil e xuvenil nos medios públicos cunha oferta de calidade que restaure o papel dinamizador da lingua galega. O cumprimento da lei de medios que garantiría a independencia editorial.
Impacto e repercusión As protestas dos Venres Negros tiveron o apoio de diversos sectores da sociedade galega e teñen sido cubertas por varios medios de comunicación, destacando a necesidade de transparencia e independencia nos medios públicos, e de recuperación do papel dinamizador do galego. Ademais, houbo unha resposta significativa nas redes sociais e outras plataformas en liña, onde se compartiron imaxes e mensaxes de apoio aos traballadores da CRTVG, e apoiaron as súas demandas.
A propia a CRTVG nunca informou nin publicou contidos que fixesen referencia aos venres negros nin a Defende a Galega, aínda que outros medios públicos si que teñen publicado protestas ou críticas contra a propia corporación.RTVE cubriu as protestas contra "corrupción" e "clientelismo" en Televisión Española. En 2019 a cantante Sés acudiu ao programa Zig Zag diario cunha camisola de Defende a Galega.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Censura Cultura de Galicia Dereitos laborais Liberdade de prensa
Categoría:CRTVG