Juan Luis Rodríguez Cudeiro, nado na Coruña en 1967, é un xornalista deportivo, escritor e adestrador de fútbol sala galego. Cunha ampla experiencia na prensa deportiva galega, traballou en xornais como La Voz de Galicia, La Opinión A Coruña, El Periódico de Catalunya ou El País. Dende 2024 é o director de DxT Campeón.
Traxectoria Tras un breve paso por La Voz de Galicia e despois dun ano e medio como responsable da sección de Nacional e Internacional de La Voz de Baleares, en outubro de 1998 incorporouse á antiga redacción de DxT Campeón en Pocomaco, onde cubriu o día a día do Deportivo da Coruña no seu camiño cara a conquista da liga de Primeira División. No outono do ano 2000 entrou en La Opinión A Coruña e traballou nas seccións de Sociedade e Cultura antes de reincorporarse á información deportiva. Neste diario puxo en marcha o suplemento Campeones, centrado no deporte base coruñés.
Durante máis de 8 anos foi correspondente de deportes de El Periódico de Catalunya, función que compaxinou coa de redactor e colaborador de Expansión, xornal centrado na Economía no que traballou entre 2001 e 2011, realizando entrevistas e reportaxes en Galicia. Ademais entre 2005 e 2006 traballou no Concello de Lugo como responsable de comunicación do Centro de Empresas e Innovación e en xaneiro de 2007 fundou a consultora de comunicación Ipequeña Comunicación SL. Dende 2008 é o responsable da información deportiva de Galicia do xornal El País. En xuño de 2024 converteuse no novo director de DxT Campeón, relevando no cargo a Alberto Torres.
En 2019 fundou un club de fútbol sala, o Emden, cuxo nome tomou do histórico Emden FC, que existira na Coruña entre 1921 e 1942. Actuando como presidente e adestrador, guiou o equipo ata o ascenso á Preferente.
En 2020 escribiu xunto ao tamén xornalista Rubén Ventureira o libro biográfico Irene y las puertas del fútbol: historia de una pionera, baseado na vida da futbolista coruñesa Irene González.
Notas
Categoría:Nados en 1967 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Xornalistas da Coruña Categoría:Xornalistas deportivos Categoría:Escritores de Galicia Categoría:Adestradores de fútbol sala