Celestina Marrón Llaneza, nada en Lada (Langreu) o 29 de xuño de 1926 e finada en Xixón o 9 de agosto de 2016, foi unha militante comunista española. Xunto a outras compañeiras como Tina Pérez e Anita Sirgo tivo un labor decisivo na Huelgona de 1962.

Traxectoria A súa familia sufriu as consecuencias da represión franquista e tivo que traballar xa desde nena. O seu pai e o seu irmán foron fusilados tras a guerra civil en Pando, e os falanxistas queimaron a súa casa cando Marrón tiña 10 anos.

Casou en 1946 e tivo dous fillos, dos que quedou a cargo tras a súa separación sete anos despois. Ocupouse entón de todo tipo de traballos para poder saír adiante. Ademais, tivo un papel destacado nos inicios na clandestinidade de Comisións Obreiras, sindicato no que ao longo da súa vida ocupou diversos cargos. A súa casa serviu de refuxio a dirixentes históricos do Partido Comunista como Horacio Fernández Inguanzo ou Ángel León Camblor.

En 1962, durante a Huelgona, levou a cabo labores fundamentais para o éxito da folga xunto a outras compañeiras como Anita Sirgo, Tina Pérez ou o resto de mulleres das Concas Mineiras, dende lanzar millo aos crebafolgas até organizar as mulleres e difundir propaganda clandestina do Partido Comunista.​ Por outra parte, tamén exerceu o seu labor político como correspondente para Radio España Independiente baixo o pseudónimo de «Amapola asturiana de pura cepa».

En 1966 comezou a traballar nos comedores do pozo Candín, onde continuou até a súa xubilación en 1991. Después de xubilada, Marrón continuou a súa militancia en Comisións Obreiras. Finou en Xixón o 9 de agosto de 2016, aos 90 anos. Os seus restos mortais foron incinerados.

Homenaxes En marzo de 2016 o PCE de Langreu homenaxeou a Celestina Marrón pola súa «vida de loita», tanto na clandestinidade coma nos cargos que logo ocupou. En 2009 foille concedida, xunto a Rosa María Fernández García, a Medalla ao Mérito no Traballo na categoría de Prata pola súa loita a prol da clase obreira. No acto, Marrón lembrou «a quen loitaron contra o franquismo e a favor da democracia, ás mulleres explotadas, aos traballadores e traballadoras que sofren a crise, e aos sindicalistas que en calquera lugar do mundo arriscan as súas vidas pola liberdade».

Notas

Categoría:Represaliados polo franquismo Categoría:Feministas de Asturias Categoría:Comunistas de España Categoría:Nados en 1926 Categoría:Finados en 2016 Categoría:Nados en Langreu Categoría:Personalidades sen imaxes