Luís de Castro García, nado na Terrachá (Entrimo) o 10 de agosto de 1912 e finado Ibídem o 4 de outubro de 1977, foi un médico e escritor galego. Con 9 anos mudouse a Valladolid coa súa familia por mor do traballo de seu pai. Concluíu o bacharelato superior por ciencias en 1928, licenciouse en medicina e cirurxía pola Universidade de Valladolid en 1934 e doutorouse o ano seguinte pola Universidade Central. Participou na guerra civil no bando sublevado, afiliado á Falanxe, realizou labores médicos como a evacuación de feridos e o coidado de doentes de tuberculose. Dedicouse profesionalmente á tisioloxía. Licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Valladolid en 1960. Colaborou con artigos de divulgación científica nos xornais, principalmente en Libertad, El Norte de Castilla e, durante os últimos anos da súa vida, en La Región. Participou en congresos e conferencias, en campos como antropoloxía, etnografía, arte, historia da medicina ou relixión, realizando numerosas publicacións.

Traxectoria Inicios Nado na Terrachá, capital do concello, de familia acomodada e conservadora, onde viviu ata os 8 anos e comezou a ir á escola. Contra os 9 anos a familia trasladouse a Valladolid por mor do traballo de seu pai, oficial de sala na Audiencia Territorial de Valladolid e inspector do Timbre. Concluíu o bacharelato elemental no Colexio La Providencia e rematou o bacharelato superior por ciencias en 1928 no Colexio Nosa Señora de Lourdes, pertencente ós Irmáns das Escolas Cristiás, fundado por La Salle, onde tamén estudou seu irmán Leopoldo, que estableceu amizade con Onésimo Redondo.

En 1928 ingresou na Facultade de Medicina da Universidade de Valladolid e licenciouse en medicina e cirurxía o 30 de xuño de 1934 con premio extraordinario. Empezou os estudos de doutoramento coincidindo coa súa formación militar de alférez de complemento en 1934. Doutorouse pola Universidade Central coa lectura en 1935 da súa tese de doutoramento Contribución al estudio de la intervención del sistema retículo endotelial en la terapéutica de la tuberculosis: (pruebas de Komuso-Nakamura y Adler y Reimann), dirixida por Teófilo Hernando Ortega. Como estudante de doutoramento solicitou unha pensión da JAE para completar estudos en Alemaña en 1935, que lle foi concedida. Estivo afiliado ó Sindicato Español Universitario (SEU).

Guerra civil En xaneiro de 1936 viaxou a Múnic cunha bolsa da JAE, onde permaneceu oito meses formándose na clínica do doutor Schittenhelm, entre outros. O Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 provocou o seu regreso a España de forma precipitada. Entrou en España a través de Canfranc e continuou ata Jaca, onde se presentou como alférez de complemento perante o comandante militar da praza, quen lle facilitou o desprazamento para presentarse no grupo sanitario de Valladolid o día 23 de agosto, tomando parte polo bando sublevado. Ingresou na Falange en agosto de 1936.

Durante a Guerra civil asumiu o labor de evacuación dos feridos na fronte de Madrid entre os meses de agosto e decembro de 1936, principalmente na Cidade Universitaria e a periferia. Caeu enfermo en decembro de 1936 e foi trasladado a Valladolid para restablecerse. Xa reincorporado, de febreiro a maio de 1937, prestou servizo como xefe de recoñecemento médico na praza de Valladolid para a FET y de las JONS e dende maio ata xullo de 1937, xa como tenente médico, no Hospital Militar de Valladolid, onde coñeceu á que sería a súa dona, Ángeles Sánchez Lon. Regresou á fronte de Madrid en xullo de 1937.

Foi nomeado director do sanatorio antituberculoso da FET y de las JONS Onésimo Redondo de Valladolid en 1938 e en 1939 tamén director do dispensario antituberculoso de Valladolid. Ascendeu a capitán en 1939.

Trala guerra civil Concluída a guerra tomou posesión como membro da comisión xestora que se fixo cargo da Deputación de Valladolid, constituída en decembro de 1939 por persoal de confianza do gobernador civil Jesús Rivero Meneses, cesou voluntariamente o 15 de xuño de 1943.

O funcionamento do sanatorio antituberculoso da FET y de las JONS Onésimo Redondo rematou en 1941, cesando Luís de Castro do seu cargo, pasando en 1946 a ser administrado pola Orde de San Xoán de Deus, non obstante, xa abrira a súa consulta privada en Valladolid, que mantivo ata a súa xubilación en 1972, cando se retirou con 60 anos por problemas de saúde. Trala xubilación pasou longas temporadas en Entrimo.

Conseguiu praza por oposición en 1947 como médico e axudante no Patronato Nacional Antituberculoso (PNA) e en 1949 obtivo novamente praza por oposición no PNA como director de centros. En 1963 foi nomeado director do dispensario antituberculoso de Segovia, labor que compaxinou coa docencia universitaria e a súa consulta privada.

Na década de 1950 matriculouse na Facultade de Filosofía e Letras, rama de Historia, pola Universidade de Valladolid e licenciouse en 1960. Participou na fundación da Casa de Galicia en Valladolid no ano 1954, foi o seu primeiro presidente e colaborou na revista Abrente, publicada pola institución, con numerosos artigos.

Foi nomeado académico correspondente da Real Academia de Medicina y Cirugía de Valladolid en 1963. Entrou no departamento de Historia da Medicina como axudante de Emilio Zapatero Ballesteros; e a partir de 1966, como profesor numerario encargado da cátedra, impartiu clases de Historia da Medicina na Facultade de Medicina da Universidade de Valladolid.

A partir do ano 1939 ata ben avanzada a década de 1950 publicou no xornal Libertad (periódico fundado por Onésimo Redondo, que funcionaba como o órgano oficial do «Movimiento» en Valladolid) unha serie de artigos de divulgación científica, de loita contra a tuberculose e, ó longo do ano 1953, unha serie de 21 artigos centrándose no Sudario de Turín como materia de estudo. Colaborou en El Norte de Castilla, xornal do que Miguel Delibes foi director, a quen coñeceu persoalmente. Durante os últimos anos da súa vida foi colaborador habitual no xornal La Región coa publicación de artigos de carácter divulgativo, etnográfico, histórico e autobiográfico. Publicou artigos noutros xornais como o Diario Regional e na revista do Colexio Nosa Señora de Lourdes Unión. Usou o pseudónimo Carl Tesousdi nalgún dos seus artigos de prensa.

Participou en congresos e conferencias, en campos como antropoloxía, etnografía, arte, historia da medicina ou relixión, como o Colóquio Internacional de Estudos Etnográficos Rocha Peixoto, celebrado no Casino da Póvoa, Póvoa de Varzim (Portugal) entre os días 25 e 30 de outubro de 1966.

Publicou La Cruz y la Medicina en 1951 e Historicismo simbólico y médico en San Juan en 1963, conferencias pronunciadas e posteriormente editadas como libro. El Enigma de Berruguete: la danza y la escultura (1953), ó igual que os anteriores, foi editado a partir dunha conferencia pronunciada en 1952 no salón Luises-Kotskas de Valladolid sobre Alonso Berruguete. En 1954 publicou Un médico en el Museo. Estudio biológico-artístico del Museo Nacional de Escultura de Valladolid, con prólogo de Gregorio Marañón e epílogo de Francisco de Cossío, baseado na observación da arte escultórica do Museo Nacional de Escultura.

Faleceu en Entrimo o 4 de outubro de 1977 ós 65 anos de idade tras sufrir un infarto. Está soterrado no camposanto da igrexa de Santa María a Real de Entrimo.

Vida persoal Foi o fillo máis vello de Luis de Castro Correa (1886-1957), avogado e inspector do Timbre, e de Dolores Modesta García Fernández (1886-1955). Seus irmáns foron Leopoldo (1914-1940) e mais Evencio (1919-1974). Neto de Evencio de Castro García (1857-1918), comerciante e alcalde de Entrimo. Parente do médico José Ramón de Castro Rodríguez (1900-1944), tisiólogo, discípulo de Gil Casares e Nóvoa Santos, con quen publicou varios artigos.

Seu irmán, integrante da Falange xa antes das eleccións de 1936 (camisa vieja), Leopoldo de Castro García, foi tenente piloto do Exercito do Aire e morreu en acto de servizo en 1940, o concello de Entrimo retiroulle unha rúa en cumprimento da Lei de memoria histórica, que lle fora concedida en 1970, renomeandoa en 2021 como rúa Camiño do Campo.

Casou en 1939 con Ángeles Sánchez Lon (1916-2004), nada en Filipinas e coñecida como Ubín, enfermeira no Hospital Militar de Valladolid. Foi pai de Leopoldo de Castro Sánchez (1940-1986), neuropsiquiatra, o seu único fillo.

O seu neto Álvaro de Castro Palomares (1978- ), médico de atención primaria en Celanova, foi autor dunha tese de doutoramento sobre seu avó coa que obtivo unha cualificación de sobresaliente cum laude. Concelleiro de cultura en Entrimo polo PSdeG-PSOE entre os anos 2011 e 2016, propuxo no ano 2018 en nome da súa familia a seu avó para renomear a rúa que lle fóra retirada a Leopoldo de Castro García, porén, a corporación municipal non tivo en consideración a proposta.

Creceu nunha familia católica, era de tendencia conservadora e profundamente relixioso, quedando patente en moitas das conferencias que pronunciou. Afeccionado á escultura, interesouse por esta arte.

Recoñecementos Foi declarado fillo predilecto de Entrimo en 1973. Na Terrachá, Entrimo, está o museo do médico Luís de Castro García.

Obra Ensaio

Novela curta

Literatura médica

Artigos

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Nados en Entrimo Categoría:Nados en 1912 Categoría:Finados en 1977 Categoría:Falanxistas Categoría:Alumnos da Universidade de Valladolid Categoría:Alumnos da Universidade Central de Madrid Categoría:Médicos de Galicia Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá