Esther Goris, nada en Buenos Aires o 5 de marzo de 1960, é unha actriz arxentina, de orixe galega. Comezou a súa carreira cinematográfica en 1983 e participou nuns 50 filmes e series de televisión, sendo o seu papel máis destacado o de Eva Perón no filme homónimo de Juan Carlos Desanzo, traballo polo que foi galardoada co Cóndor de Plata á mellor actriz.
Traxectoria Naceu en Buenos Aires, sendo filla de emigrantes galegos. Seu pai Severino, natural de Riobó (A Estrada), e súa nai Rosalía, nacida en Vila de Cruces, coñecéranse en Galicia e emigraran á Arxentina en 1950 e 1951, respectivamente, comezando a namorar no país suramericano. Vivían en Monte Grande, pero cando Esther tiña tres anos, mudáronse a Banfield, onde pasou o resto da súa infancia. Licenciouse na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Buenos Aires.
Debutou no teatro aos 19 anos, no papel de Salomé, na obra homónima de Oscar Wilde. Ese mesmo ano (1983) foi unha das protagonistas do filme Los Enemigos, de Eduardo Calcagno. Tras aparecer en series e en varias películas máis como Gracias por el fuego, Atrapadas ou El día que Maradona conoció a Gardel, interpretou a Eva Perón en Las cosas del querer 2, de Jaime Chávarri. Un ano despois chegou o seu salto á fama, ao interpretar de novo a "Evita" no filme Eva Perón, de Juan Carlos Desanzo. O seu traballo neste filme valeulle varios premios, entre eles o Cóndor de Prata á mellor actriz, galardón que lle foi entregado ex aequo xunto a Norma Aleandro.
Nos seguintes anos tivo papeis en varios filmes máis e en 2007 escribiu e protagonizou Ni Dios, ni patrón, ni marido. Foi ademais autora de varias obras teatrais como El Otro Sacrificio ou Como te soñé e traballou como guionista en series de televisión, entre as que destaca Cartas de Amor en Casette, protagonizada por Miguel Ángel Solá.
En 2011 debutou como directora coa longametraxe documental Morriña, nostalgia de la tierra natal, no que repasa a historia da súa familia.
Notas
Categoría:Nados en 1963 Categoría:Nados en Buenos Aires Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Arxentinos de ascendencia galega Categoría:Actores da Arxentina Categoría:Alumnos da Universidade de Buenos Aires