Os fibrinopéptidos, que son o fibrinopéptido A (FpA) e o fibrinopéptido B (FpB), son péptidos que formaban parte da rexión central da glicoproteína fibrosa fibrinóxeno (factor I da coagulación do sangue) e que foron cortados e separados de alí polo encima trombina (factor IIa) para converter o fibrinóxeno en monómeros de fibrina (factor IA) unidos covalentemente. O N-terminal do FpA é escindido das cadeas Aα do fibrinóxeno e o FpB das cadeas Bβ do fibrinóxeno, e o FpA libérase antes que o FpB. Despois da súa formación, os monómeros de fibrina son convertidos en polímeros de fibrina con enlaces cruzados ou reticulados pola acción da factor XIII activado pola trombina (factor estabilizante da fibrina), e estes polímeros de fibrina forman o núcleo dun trombo (coágulo sanguíneo). Por tanto, os fibrinopéptidos son marcadores sensibles da fibrinoxénese (xeración de fibrina), da actividade da trombina e da coagulación do sangue.
O FpA é un péptido de 16 aminoácidos. A vida media do FpA é moi curta, de aproximadamente de 3 a 5 minutos. Por tanto, os niveis de FpA proporcionan unha medida relativamente transitoria a activación da coagulación.
Os niveis de FpA increméntanse coa idade. Tamén se incrementan conforme avanza o embarazo. Igualmente, os niveis de FpA increméntanse coas terapias con estróxenos, como a pílula anticonceptiva combinada ou a terapia hormonal menopáusica, aínda que as investigacións sobre os niveis de FpA con esas terapias parecen ser relativamente limitadas.
Notas
Categoría:Análises de sangue Categoría:Coagulación do sangue Categoría:Péptidos