Os retablos da Capela do Santo Cristo de Ourense son dúas obras escultóricas dos séculos XVII e XVIII realizadas por Francisco Castro Canseco. Están situados na Catedral de Ourense. Historia Os retablos fóronlle encargados a Francisco Castro Canseco o 18 de marzo de 1696. Entre 1698 e 1700 realizóuselle unha comisión ao mesmo escultor para que os prolongase cun sobre corpo a base de relevos alusivos ás respectivas titularidades dos retablos. O encargo especificaba ademais que as obras debían ter «doce cuartas de ancho e dezaoito de alto con dúas columnas salomónicas cada unha e cornixamento tallado».

Emprazados a ambos lados do acceso ao camarín do Santo Cristo, xunto coa prolongación encargóuselle tamén a Castro Canseco a elaboración dun corpo que enmarcase o arco de entrada cun relevo da Santa Cruz e o Xuízo Final, todo iso sostido por un anxo acompañado de varios serafíns con trompetas e cartelas chamando aos mortos. Figura a inscrición «HOC SIGNUM CRUCIS ERIT IN COELU CUM DOMINUS AD IUDICANDUM VENERIT. SVRGITE MORTI VENITE AD IVDICIVM» («este signo da cruz aparecerá no Ceo cando o Señor veña xulgar. Levantádevos mortos e vide a Xuízo»).

Descrición Os retablos, dun corpo cun só banco e ático, consisten en nichos de medio punto no corpo con policromía dourada e ornamentadas con casetones no intradorso e rocalla nas paredes. Dispoñen cada unha de seis ménsulas no interior e dúas columnas salomónicas cubertas de acios de uvas enmarcando o espazo. Pola súa banda, no ático, repleto de motivos ornamentais propios do churrigueresco e do barroco portugués, destacan frontóns partidos curvos na cúspide.

Retablo da Nosa Señora a Branca Situado á dereita, a imaxe principal é unha talla en alabastro policromado da Nosa Señora a Branca, copia da Virxe de Trapani, regalo dun devoto en 1697. Garda relación con esta imaxe o relevo da zona superior, o cal mostra a Asunción de María con anxos portando cartelas nas que se mostran as mensaxes «GAUDENT ANGELI» («os anxos alégranse») e «ASSUMPTA EST/MARIA IN COELUM» («María foi levada ao Ceo»). As outras cinco imaxes que completan o conxunto, de menor tamaño, non gardan relación iconográfica entre si. A figura de María Madalena (século XVIII), de escola madrileña, e unha copia a menor escala da obra de Pedro de Mena conservada no Museo Nacional de Escultura. As tallas de Santa Tareixa de Ávila e San Pedro de Alcántara (século XVII) son tamén de escola madrileña. Os bustos de San Xusto e San Pastor, obras de pouca calidade a xeito de falsos relicarios, foron obsequio de Dona Mariana de Boán no século XVII.

Retablo de San Xosé Emprazado á esquerda, a imaxe titular, obra madrileña do século XVII, mostra a San Xosé co Neno Xesús no colo. Como no caso da Nosa Señora a Branca, a talla de San Xosé está vinculada ao relevo da parte superior, o cal representa os Desposorios da Virxe xunto con cartelas explicativas da escena plasmada: «CUN GAUDIO/CELEBREMUS E DESPONSATIONEM VIRGINES MARIAE» («con alegría celebremos os Desposorios da Virxe María»). O conxunto escultórico remátano as tallas de Santa Ana, San Xoaquín e a Virxe Nena, obras de Juan de Ávila (c. 1705); e dous bustos do século XVIII en terracota de gran calidade e posíbel procedencia napolitana, os cales representan os Santos Inocentes.

Notas

Categoría:Catedral de Ourense

Categoría:Retablos Categoría:Escultura relixiosa de Galicia