A Restauración psicolóxica en contornas naturais virtuais As demandas da nosa vida cotiá requiren dunha atención dirixida onde centrarse na tarefa require esforzo e esgota os recursos mentais. Aínda que a natureza favorece a saúde e o benestar ó mitigar os factores ambientais adversos e proporcionar experiencias salutoxénicas, non toda a sociedade ten acceso a contornas naturais, o que dificulta empregar o seu potencial na prevención de problemas de saúde pública .

Marco teórico A teoría de redución do estrés (stress reduction theory, SRT; Ulrich, 1983) e a teoría de restauración da atención (attention restoration theory, ART; Kaplan & Kaplan, 1989) sinalan que o contacto con contornas naturais adoita ser reparador afectiva e cognitivamente.  Por unha banda, a SRT postula que a exposición á natureza diminúe a activación psicofisiolóxica e os pensamentos negativos, facilitando a recuperación do estrés (Ulrich, 1983). O estrés é unha resposta adaptativa a través da cal unha persoa actívase psicofisioloxicamente, e a miúdo con condutas, ante situacións que desafían ou poñen en perigo o seu benestar. Por outra banda, a ART céntrase no papel beneficioso das contornas naturais na restauración da fatiga mental mediante a participación da atención involuntaria (Kaplan & Kaplan, 1989). Segundo esta teoría as contornas naturais presentan catro compoñentes: a) estar lonxe: a contorna permite sentirse afastado da contorna habitual; b) extensión: a contorna presenta elementos que crean “outro mundo” e permiten a plena inmersión; c) fascinación: a contorna capta a atención da persoa de xeito automático; d) compatibilidade: a contorna permite sentirse realizado.

Estas dúas teorías son compatíbeis e, ademais, describen procesos que se complementan. Mentres a ART postula que a exposición a contornas naturais mellora os procesos cognitivos e a atención, a SRT propón que esa exposición tamén reduce os niveis de estrés.

Clasificación das contornas naturais Tradicionalmente a categorización das paisaxes naturais realizábase atendendo á pegada dos seres humanos sobre elas. Así, as contornas ‘totalmente naturais’ son aquelas onde non existe  evidencia visible de presenza humana. As contornos ‘naturais civilizados’ e as ‘totalmente naturais’, caracterízanse pola predominancia de elementos naturais levemente afectados pola presenza humana. As contornas ‘cuasi naturais’, son aquelas nas que a pegada humana é claramente visible. As contornas ‘semi naturais’ caracterízanse pola convivencia de elementos naturais e non naturais. Finalmente, as contornos ‘non naturais’ son aquelas onde a natureza está afectada pola humanidade de xeito notorio .

Actualmente, o estudo das paisaxes terapéuticas orientouse cara a categorización e análise das paisaxes en función da súa cor, coñecidas como 'paletas de lugar' con diversas cores (verde, azul, marrón e gris) .Sábese que os espazos verdes teñen efectos positivos na saúde mental e fomentan a actividade física en persoas de tódalas idades, mentres que os espazos azuis centrados na auga inspiraron o concepto mesmo de paisaxes terapéuticas.

A pesar de que a literatura se centra principalmente en espazos azuis e verdes, tamén se examinaron espazos brancos e grises como montañas ou paisaxes cubertas de neve, praias e desertos, pedras e acantilados. Así, descubriuse que este tipo de contornas provocan unha gran variedade de emocións (p. ex., liberdade, tranquilidade e fascinación).

Beneficios psicolóxicos da simulación de contornas naturais Nos últimos anos, un número crecente de investigacións demostraron que a exposición a contornas naturais virtuais, empregando métodos de realidade virtual, aumentou o afecto positivo, o benestar e a capacidade de restauración, esta última entendida como a reposición de recursos físicos e psicolóxicos esgotados nos esforzos para satisfacer as demandas diarias .

Nas investigacións realizadas simulando contornas naturais mediante realidade virtual, case tódolos estudos consultados empregaron un deseño experimental con tres condicións, unha das cales era un grupo de control . No grupo control visualizábase unha contorna sen elementos naturais (p. ex., unha oficina) mentres que nos grupos experimentais se presentaban imaxes da natureza virtual (espazos verdes, espazos azuis, espazos brancos, espazos marróns). Así mesmo, a maioría de estudos utilizaron fotografías en 360 graos da contorna que se desexaba presentar a través das lentes de realidade virtual. Á súa vez, o tempo medio de visualización desa contorna foi de 5 minutos. Estas investigacións sinalan que a visualización de contornas naturais simuladas a través dun equipo de realidade virtual mellora o estado anímico dos participantes, ao aumentar as emocións positivas e diminuír as negativas. Nesta mesma liña, varios estudos confirmaron o beneficio da exposición á natureza virtual para reducir o estrés. En relación co tipo de contorna, Theodorou et al., 2023, atoparon que o ambiente branco (ártico) foi máis agradable que a visualización dun ambiente verde (parque) e un ambiente azul (lago). Aínda que non atoparon diferenzas significativas entre o ambiente verde e o azul, en canto a agradabilidade, o ambiente urbano foi percibido como o menos agradable. Pola súa banda, Yin et al., 2022 descubriron que a exposición a unha contorna desértica en realidade virtual promovía a recuperación do estrés tanto coma unha contorna verde.

Notas

Categoría:Psicoloxía Categoría:Natureza