O Tractatus theologico-politicus ou Tratado teolóxico-político é un tratado de filosofía do pensador holandés Baruch de Spinoza (1632-1677), publicado orixinalmente en neolatín en 1670. Trátase dun dos textos máis importantes e polémicos da modernidade. O seu obxectivo é "liberar ao individuo do xugo da superstición e da autoridade eclesiástica". No libro, Spinoza expón a súa opinión sobre as relixións xudía e cristiá da súa época, ao tempo que analiza criticamente a Biblia, en particular o Antigo Testamento. Tamén explora a cuestión dos roles da relixión e do estado, concluíndo que o modelo político ideal é unha democracia que garanta a liberdade de expresión e de relixión, como o Amsterdam da súa época.
A obra foi descrita como "un dos sucesos máis significativos da historia intelectual europea", ao sentar as bases do liberalismo, o secularismo e a democracia.
Contexto histórico
A tolerancia relixiosa da que se oufanaba a República dos Países Baixos comezou a poñerse en cuestión cara a mediados do século XVII. A guerra contra Inglaterra polo control das rutas comerciais e os dominios imperiais afectou á economía do norte dos Países Baixos. Os líderes conservadores da Igrexa Reformada Neerlandesa coaccionaron ás autoridades civís para limitar a liberdade de expresión e a circulación de ideas contrarias ao seu dogma. Esta esfera política conservadora aspiraba a recuperar a posición de estatúder ou xefe de estado para a Casa de Orange.
Durante o primeiro período sen estatúder (1650-1672), Johan de Witt exerceu a xefatura do estado, aplicando unha política de tolerancia relixiosa que contribuíu á prosperidade do país. As persoas xudías, que constituían unha parte esencial do sector comercial, podían practicar abertamente a súa relixión. Existían tamén moitas seitas cristiás que contribuíron á base relixiosa e intelectual da República. Algúns disidentes comezaron a contradicir ás autoridades relixiosas e, incluso, á relixión mesma. Entre eles atopábase o propio Spinoza, que acabou por ser expulsado da comunidade xudía de Amsterdam en 1656. Así mesmo, un dos seus amigos, Adriaan Koerbagh (1633-1669), publicou dúas obras criticando a relixión. Estes libros tiveron unha ampla difusión ao estar escritos en holandés e non en latín, o que chamou a atención das autoridades, que ordenaron o seu arresto. Koerbagh faleceu en prisión pouco tempo despois. O seu pasamento foi un duro golpe para Spinoza, que en resposta empezou a redacción do Tractatus theologico-politicus. Comprendendo o perigo de escribir en vernáculo, decidiu empregar o latín. A diferenza da súa obra mestra, a Ética demostrada segundo a orde xeométrica (1677), o Tratado é un texto máis accesible, centrado na relixión e a política e non na metafísica.
Estrutura A obra consta de 20 capítulos e un prefacio. A meirande parte dos capítulos versa sobre temas relixiosos, namentres os derradeiros cinco falan sobre o estado. A seguinte listaxe recolle os seus títulos: +N.ºTítulo0Prefacio1Sobre a profecía2Sobre os profetas3Sobre a vocación dos hebreos4Sobre a lei divina5Sobre as cerimonias e as narrativas6Sobre os milagres7Sobre a interpretación das Escrituras8Pentateuco, Xosué, Xuíces, Rut, Samuel, Reis9Máis cuestións sobre os mesmos libros10O resto dos libros do Antigo Testamento11Apóstolos e profetas12A lei divina e a palabra de Deus13As ensinanzas das escrituras14Fe e filosofía15Teoloxía e razón16Fundamentos do estado17O estado hebreo e o tempo de Moisés18O estado hebreo e a súa historia19Os poderes soberanos e a relixión20O estado libre
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Outros artigos Baruch de Spinoza Ética demostrada segundo a orde xeométrica
Ligazóns externas Texto completo en latín
Categoría:Liberalismo Categoría:Literatura en lingua latina Categoría:Literatura dos Países Baixos Categoría:Obras de Baruch Spinoza