Moha Gerehou, nado en Huesca en 1992, é un xornalista e activista de nacionalidade española e gambiana, militante na loita contra o racismo. En 2020, foi distinguido como European Young Leader polo uso de ferramentas multimedia para transmitir a súa mensaxe contra o racismo e a discriminación.
Traxectoria Gerehou naceu en 1992 en Huesca, fillo de pais orixinarios de Gambia que emigraron a España. Formouse como xornalista na Universidade Complutense de Madrid (UCM), onde se graduou en 2014. Empezou a traballar en ElDiario.es, onde se especializou na xestión de redes sociais e a creación de contido enfocado en temas de racismo e migración. Participou como orador nos campus da Universidade de Siyacusa e da Universidade Stanford en Madrid. Ademais, colabora en medios de prensa escrita, radio e televisión, como Televisión Española, Aragón TV, Vogue ou ElDiario.es.
Paralelamente á súa labor xornalística, Gerehou militou na loita contra o racismo. Participou na organización SOS Racismo Madrid, onde exerceu como presidente dende 2016 até 2018. Durante ese tempo, no que foi un dos impulsores da Marcha Antirracista de 2017, escribiu o monólogo titulado Como sería mi vida se fuese un negro de película. Esta obra, onde utiliza o humor, a ironía e a crítica para desmontar os estereotipos raciais prevalentes en filmes, series, anuncios e fotografías, reflicte o seu enfoque crítico cara ás cuestións de raza e representación nos medios.
En 2019, participou na obra colectiva titulada Lost in Media: Migrant Perspectives and the Public Sphere que reúne nove ensaios críticos sobre a representación dos migrantes nos medios europeos. Publicado en cooperación coa Fundación Cultural Europea, expón que aínda que os migrantes chegaron a Europa, non foron integrados adecuadamente na esfera pública. O libro argumenta que para que os migrantes e refuxiados sexan recoñecidos como verdadeiros cidadáns en Europa, deben participar directamente no debate público.
Gerehou publicou en 2021 o libro Qué hace un negro como tú en un sitio como este, un testemuño persoal sobre o racismo en España a través da súa propia experiencia. Comeza o relato revelando a súa loita persoal coa súa identidade racial e como isto afectou a súa percepción de si mesmo e a súa interacción coa sociedade. Ademais, sitúa as persoas racializadas como suxeitos políticos activos, e ofrece unha visión crítica das estruturas raciais.
En 2023, estreou no Teatro do Barrio o monólogo titulado Infiltrado en VOX, escrito xunto a Anahí Beholí e Claudia Coelho. A obra satírica, que utiliza a técnica de imaxe deepfake con creacións do colectivo artístico United Unknown, permite a Gerehou meterse na pel dun dos militantes do partido de ultradereita Vox liderado por Santiago Abascal, para cuestionar e criticar o racismo e a desinformación.
Obra 2017 – Cómo sería mi vida si fuera un negro de película. Monólogo 2019 – Lost in Media: Migrant Perspectives and the Public Sphere. VVAA. Fundación Cultural Europea. ISBN 978-94-92095-68-8. 2021 – Qué hace un negro como tú en un sitio como éste. Ediciones Península. ISBN 978-84-9942-985-4. 2023 – Infiltrado en VOX. Monólogo escrito xunto a Anahí Beholí e Claudia Coelho
Tradución 2020 – Bebé antirracista. Texto de Ibram X. Kendi, ilustración de Ashley Lukashevsky. Editorial Astronave. ISBN 978-84-679-4324-5. 2021 – Marginados: Un manifiesto personal. Texto de Michaela Coel. Editorial Temas de Hoy. ISBN 978-84-9998-895-5.
Recoñecementos En 2020, Gerehou foi distinguido polo think tank independente Friends of Europe, fundado en Bruxelas en 1999, como European Young Leader, xunto a outras personalidades da política, a arte ou o activismo. A organización salientou o uso que Gerehou fai das ferramentas multimedia para transmitir a súa mensaxe contra o racismo e a discriminación.
Notas
Categoría:Nados en 1992 Categoría:Nados en Huesca Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid Categoría:Xornalistas de España Categoría:Activistas de España