Celia Cortés Rivas, nada en Toledo en 1915 e finada en Monforte de Lemos en 1995, foi unha pintora galega e ilustradora de libros. Desenvolveu a súa vida artística en Monforte de Lemos e unha das súas contribucións máis sinaladas foi o de ser a primeira muller en Galicia que pintou un mural nas paredes dun claustro dun mosteiro.

Traxectoria Naceu en Toledo por estar alí destinado o seu pai, militar de carreira. Desde 1935 fixou a súa residencia en Monforte de Lemos, onde desenvolveu a súa carreira artística até o seu falecemento.

En 1961, trasladouse a París para ampliar a súa formación pictórica cunha bolsa da Deputación Provincial de Lugo. Na capital francesa tivo como mestres a Andrée Lhote e Serge Poliakoff, así como ao escultor italiano Rossi-Rosso. Logo trasladouse a Barcelona, onde estudou e experimentou con técnicas pictóricas modernas así como coa pintura mural ao fresco, a estilización e os esgrafiados.

As súas obras forman parte do patrimonio artístico da Deputación de Lugo, Concello e Liceo de Ourense, casa sindical de Lugo, consulado de Italia en Vigo, Hospital Clínico de Nova York, Maison Hispano Marroquí de París, Centro Galego de Madrid e Escola Massana de Barcelona, entre outros organismos e sociedades, ademais dalgunha colección particular. O seu nome foi incluído nun tomo da Enciclopedia Galega Universal xunto co doutros artistas como Margarida Conde, Carmen Correa, María do Carme Corredoira e Ruiz de Baro, Ana Costas Frade, Magdalena Crespo Lorenzo ou Raúl Comesaña.

Recoñecementos Foi distinguida con diplomas e medallas individuais no Salón de Outono de Madrid nos anos 1960 e 1961. Durante a súa estancia en París, foi premiada na exposición de Foyer des artistas Boulevard de Montparnasse e na de Ville de París.

Obra Foi unha das catro artistas convidadas, xunto con José Luis Rodríguez, Enrique Navarro, e Juan Parés, para crear un mural que substituíse as pinturas queimadas no claustro do mosteiro de San Xulián de Samos baixo a temática da vida de San Bieito. Finalizou o encargo a finais de 1963, creando un mural de 7 metros de largo por 6 de longo polo que recibiu eloxios xa desde os bosquexos do abade da congregación beneditina, o pai Celestino María Gusi i Rosell e do mitrado de Samos, Mauro Gómez Pereira.

Pintou as pendentes da cúpula da igrexa de Seoane en Monforte de Lemos. Ilustrou tres libros de José Ibáñez Fernández: Chacuecadas, O Borio e Andromenas.

Notas

Véxase tamén Bibliografía VV. AA. (1999). Bieito Ledo Cabido, ed. Enciclopedia Galega Universal. Tomo 6º. Vigo: Ir Indo Edicións. p. 518. ISBN 84-7680-294-3.

Categoría:Nados en 1915 Categoría:Finados en 1995 Categoría:Pintores de Galicia Categoría:Nados en Toledo