Zhou Wei Hui (chinés simplificado: 周卫慧; pinyin: Zhōu Wèi Huì), máis coñecida como Wei Hui (chinés simplificado: 卫慧; pinyin: Wèi Huì), nada en Yuyao, Zhejiang, o 4 de xaneiro de 1973, é unha escritora chinesa. Na actualidade, vive entre Shanghai e Nova York.
Traxectoria Weu Hui viaxou moito durante a súa mocidade, xa que o seu pai era un oficial do exército chinés. Estudou Lingua e Literatura Chinesas na Universidade de Fudan. Realizou diversas publicacións antes de consagrarse coa súa novela Shanghai Baobei (上海宝贝, "Shanghai baby", 2000), que a converteu nunha das escritoras máis lidas do país. A obra foi prohibida polas autoridades chinesas, que a consideraron "pornográfica". Posteriormente, traducíuse a numerosas linguas, gozando de grande éxito entre o público occidental. A súa continuación, Wo de chan (我的禅, "O meu zen", 2005) foi tamén censurada.
Estilo e temática Wei Hui forma parte da Nova Xeración de Escritores, xunto con Mian Mian ou Shen Haobo. As súas obras exploran o novo estilo de vida urbano das xeracións máis novas da China, marcado polo hedonismo e os referentes occidentais. Tratou temas como a obsesión polos cartos, o uso de drogas, a homosexualidade ou o consumismo.
Traducións Wei Hui (2002). Shanghai Baby. Tradución directa ao castelán de Liljiana Arsovska e Romer Alejandro Cornejo. Planeta. Wei Hui (2002). Shanghai Baby. Tradución mediada do castelán ao catalán de Víctor Aldea Llorente. Columna. Wei Hui (2005). Casada con Buddha. Tradución directa ao castelán de Ainara Munt e Xu Ying. Planeta/Emecé.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas 卫慧 (La literatura china traducida en España)
Categoría:Escritores en lingua chinesa Categoría:Escritores da China Categoría:Nados en 1973 Categoría:Nados en Zhejiang