Francisco Xosé I de Habsburgo-Lorena (en alemán: Franz Josef Karl von Habsburg), nado no Palacio de Schönbrunn (Viena) o 18 de agosto de 1830 e finado na mesma cidade o 21 de novembro de 1916, foi un emperador austríaco, rei apostólico de Hungría e rei de Bohemia, entre outros títulos Emperador de Austria; rei apostólico de Hungría; rei de Bohemia, de Dalmacia, de Galitzia e Lodomeria, de Croacia e de Iliria; rei de Xerusalén; arquiduque de Austria; Gran Duque de Toscana e de Cracovia; duque de Lorena, de Salzburgo, de Estiria, de Carintia, de Krajina e de Bucovina, da Alta e a Baixa Silesia, de Módena, Parma, Piacenza e Guastalla, de Auschwitz e de Zator, de Ciesyn, Friuli, Ragusa e Zara; conde de Habsburgo e do Tirol, de Kyburg, Gorizia e Gradisca, de Hohenembs, Feldkirch, Bregenz e Sonnenberg; gran príncipe de Siebenbürgen, príncipe de Trento e Bressanona; margrave de Moravia, da Alta e a Baixa Lusacia e de Istria; señor de Trieste e Cattaro, gran voivoda da voivodía de Serbia... (2 de decembro de 1848- 21 de novembro de 1916). O seu reinado de 68 anos foi o terceiro máis prolongado da historia europea, despois de Lois XIV de Francia e Xoán II de Liechtenstein. O seu lema persoal era Viribus Unitis (Coa unión de forzas).
Traxectoria Xuventude Francisco Xosé I naceu ás 9:45 do 18 de agosto de 1830 en Schönbrunn, Viena, como fillo primoxénito do arquiduque Francisco Carlos -o cal á súa vez era o segundo fillo do derradeiro Sacro Emperador Romano e primeiro Emperador de Austria, Francisco I- e Sofía de Baviera.
Dado que trala morte de Francisco, este foi sucedido polo seu fillo Fernando, Francisco Xosé non estaba na liña directa da sucesión ao trono. Porén, xa que o seu tío demostraba sufrir problemas mentais e non tiña fillos, a rexencia secreta dirixida por Metternich ordenou de xeito inmediato comezar a educar o rapaz como posible sucesor á Coroa.
Durante as Revolucións de 1848, Metternich fuxiu do país, e tralo Terceiro Levantamento de Viena, o Príncipe Schwarzenberg clausurou a Dieta Constituínte, instaurou a ditadura e convenceu a Fernando para que abdicase (2 de decembro de 1848) en favor de Francisco Xosé, que deste xeito foi proclamado Emperador aos 18 anos de idade.
Primeiros anos de reinado O reinado de Francisco Xosé desenvolveuse en medio de violentas conmocións internacionais que o perseguiron durante toda a súa vida: comezaron coa revolución austríaca de 1848 e remataron coa primeira guerra mundial (1914-1918). As ideas liberais e o pensamento demócrata gañaban terreo. Nada máis chegado ao trono, Francisco Xosé tivo que loitar con estas dúas forzas disociadoras da súa monarquía centralizada, polo que os primeiros 18 anos do seu goberno estiveron caracterizados por un forte absolutismo, tinguido de violencia pola represión dos opositores.
En 1848, a situación política das monarquías europeas era desesperada. Como outros reis, tivo que facer fronte a tempos de nacionalismo crecente, tendo éxito no seu empeño de manter unido o Imperio Austrohúngaro. Os avances dos demócratas e capitalistas por unha parte, e dos nacionalistas xermanochecos que loitaban pola independencia de Bohemia polo outro, acurralaron a xestión do monarca, que ademais debía conter os belicosos serbios que tamén ansiaban independizarse e abandonar o imperio.
Todos intentaban que o soberano se envorcase no seu favor, pero o Emperador sempre intentou manter unha posición equidistante sen ceder con ningún, coidando con particular interese o mantemento da integridade do imperio. Non alcanzou a ver, empero, a situación de debilidade en que deixaba ao poder central a súa pretendida prescindibilidad nestes graves asuntos.
Para poñer fin á revolución húngara, Francisco Xosé estivo obrigado a aliarse con Rusia. En setembro de 1848 a Dieta húngara non recoñecera a Francisco Xosé como o seu soberano. En marzo de 1849 Francisco Xosé impuxo unha nova constitución centralista e restaurou o absolutismo. Esta constitución, chamada de Olmütz, afirmaba que Hungría é parte do Imperio Austríaco, sen ningún dereito especial. En resposta, ao mes seguinte Luis Kossuth proclamou a república. En maio o tsar Nicolao I e Francisco Xosé reuníronse en Varsovia para concertar a acción militar común antihúngara. Tras a batalla de Temesvar, os húngaros capitulan en Vilagos e Kossuth foxe a Turquía. Instauráronse tribunais especiais para xulgar os rebeldes, impúxose a lingua alemá, e Hungría quedou dividida en 5 provincias baixo administración directa de Austria.
Tras un período de reacción contrarrevolucionaria a constitución absolutista foi abolida en 1851. Impúxose unha burocracia centralista e cedeuse ante o Vaticano a xurisdición sobre as leis civís (especialmente as matrimoniais) e educativas, que a partir de entón pasaron a estar controlada pola Igrexa católica. A insuficiencia dos ingresos botou a perder coa política arancelaria, obrigando o goberno a subilos para poder manter o equilibrio orzamentario, o cal implicou a oposición dos liberais.
A "traizón" a Rusia, ao negarlle Austria o seu apoio durante a guerra de Crimea (1853-56), conduciu ao illamento político do Imperio, que sería incapaz de enfrontarse por si só á sucesión de desastres, que lle sobrevirían.
Guerras constantes e perdas territoriais miniatura|280px|right|O Emperador en 1853, en uniforme de húsar. Aínda que Francisco Xosé logrou dar fin á revolución húngara en 1849 e derrotar o rei Vítor Manuel II de Piamonte-Sardeña, ao cabo de dez anos a alianza de Napoleón III con Savoia suporía o fin da hexemonía austríaca en Italia. Derrotado en Solferino, Francisco Xosé tivo que se avir ao Armisticio de Villafranca (ratificado no Tratado de Zúric o 10 de novembro de 1859) e permitir a unificación italiana. Austria perdeu todas as súas posesións agás o Véneto, deixando Lombardía nas mans de Vítor Manuel e permitindo a anexión dos ducados de Parma, Módena e Toscana. Intentouse entón unha solución federalista para os problemas xerados polas minorías nacionais, o Diploma de Outubro de 1860, que confería o poder lexislativo a un Reichsrat e a unha serie de Dietas rexionais. Non obstante, húngaros e austríacos rexeitaron a proposta, así como a Patente de Febreiro de 1862, que dividía o Reichsrat nunha Cámara de Señores e outra de Deputados, en detrimento das Dietas.
Por outro lado, a preponderancia de Austria dentro da Confederación Xermánica conduciu a tensións entre austríacos e prusianos en torno a unha reforma do Bund que proporcionara maior peso a Prusia. Tras sobrevivir ás Revolucións de 1848, a política de Austria centrábase en preservar a súa hexemonía en Europa Central. A finais da década dos 50 Prusia publicou un plan, o de Olmutz, que avogaba pola integración dos estados alemáns do Norte. Austria considerouno unha humillación e obrigou a Prusia a retirado.
En 1864, Austria e Prusia estiveron aliadas na guerra dos Ducados. De acordo co establecido na Convención de Gastein que puxo fin a esta, o ducado de Holstein quedou baixo dominio de Austria, e os de Schleswig e Lauenburgo baixo o de Prusia, pero ningún dos dous países quedou satisfeito co acordo. Finalmente, Prusia separouse do Bund e invadiu o ducado de Holstein, dando así comezo a guerra austro-prusiana (xuño-agosto de 1866), na que Austria foi derrotada en tan só 7 semanas. A estrepitosa derrota de Königgrätz obrigou a Francisco Xosé a retirarse da Confederación, cedendo a súa hexemonía a Prusia e aceptando a anexión de Hanóver, Hesse-Kassel, Nassau, Fráncfort do Meno e os ducados de Schleswig, Holstein e Lauenburgo (Paz de Praga do 23 de agosto de 1866). O Bund disolveuse, e os prusianos conseguiron deste modo, institucionalizar a Federación Alemá do Norte que tras a súa vitoria na guerra franco-prusiana de 1870-71 permitiu a unificación alemá (a Pequena Alemaña ou Kleindeutschland, coa exclusión de Austria) baixo control de Prusia (liderada por Otto von Bismarck), o que levou ao establecemento do Imperio Alemán en 1871.
Simultaneamente atacado por Italia, o imperio víase obrigado a ceder Venecia a Francia quen, á súa vez, a cedeu a Italia polo Tratado de Viena do 12 de outubro de 1866.
Desgrazas familiares A súa vida familiar foi amarga, principalmente polo choque entre a súa mentalidade retrógrada e reaccionaria e o carácter e as ideas liberais dos seus familiares. Francisco Xosé perdeu violentamente o seu fillo, o arquiduque Rodolfo, que aparentemente se suicidou por un desengano pasional no medio dunha crise depresiva (30 de xaneiro de 1889), e á súa esposa, a emperatriz Isabel, asasinada en Suíza o (10 de setembro de 1898). Ao coñecer a noticia, o Emperador musitou: no meu imperio a desgraza non coñece o ocaso.
Francisco Xosé tivo tres irmáns, o primeiro deles foi Maximiliano (1832-1867), co cal tiña escasa diferenza de idade. En 1863, unha xunta de notables ofreceulle o trono do Imperio Mexicano, e co apoio de Napoleón III, instaurouse como cabeza do segundo proxecto monárquico do México independente. O curto reinado de Maximiliano estivo constantemente ameazado polas tropas do despois presidente Benito Juárez. Tras a crise militar francesa (que ocasionou o retiro das tropas de Napoleón III do territorio mexicano), Benito Juárez apresou e fusilou a Maximiliano, xunto cos seus dous xenerais máis próximos, o 19 de xuño de 1867. A traxedia do rexicidio conmoveu Europa, culpándose a Napoleón III do abandono do seu aliado ás mans dos guerrilleiros (como se evidencia na obra O fusilamento de Maximiliano de Édouard Manet). Certamente, entre os que máis lamentaron a súa morte estivo Francisco Xosé, irmán e amigo de quen fora asasinado.
O segundo Carlos Lois morreu de tifo (19 de maio de 1896). Con respecto ao irmán máis novo Lois Vítor, foi condenado ao exilio en circunstancias pouco claras, presuntamente abuso sexual dun menor de idade nun baño público.
O Ausgleich 280px|miniatura|Escudo do Imperio en 1867. Con respecto ao Imperio, Francisco Xosé sufriu as permanentes demandas de Hungría para separarse legalmente de Austria baixo a forma dunha monarquía dual: Austrohungría. Polo Ausgleich ou compromiso de febreiro de 1867, Austria e Hungría convertíanse en dúas entidades con gobernos e axudas propios, unidas baixo unha mesma monarquía, cunha común política exterior, financeira (cubrindo Austria o 70% dos gastos) e militar. Creáronse dúas milicias territoriais, unha húngara (Honved) e outra austríaca (Landwehr). Francisco Xosé aceptou a nova ordenación constitucional e mantivo celosamente as súas prerrogativas militares (era comandante en xefe do exército e tiña potestade para declarar a guerra e asinar tratados de paz) e de política exterior.Sutter-Fichtner, Paula: "The Habsburg Empire in World War I, a final Episode in dynastic History", East European Quarterly', 11:4 (1977)
A propia Austria (a chamada Cisleitania) constaba de 8 nacións diferentes, con 15 Estados e 17 parlamentos. O sufraxio estamental en 4 curias (5 dende 1897) sería substituído en 1907 polo sufraxio universal directo. A Transleitania, Hungría, tiña unha Dieta propia elixida por sufraxio censitario.
Derrotado en Italia e Alemaña, o imperio de Francisco José decidiu comezar a intervir asiduamente nos Balcáns. Co estalido da guerra ruso-turca de 1877, Rusia (Príncipe Gorchakov) e Austrohungría (Conde Andrássy) asinaron o acordo secreto de Reichstadt o 8 de xullo, polo que se dividía a Península Balcánica dependendo do resultado da guerra. A oposición directa dos intereses rusos nos Balcáns levou a Francisco Xosé a aliarse con Alemaña para intentar lograr un equilibrio político e militar que era vital para os seus intereses.