Carme Giralt i Rosés, nada en El Masnou o 4 de setembro de 1940 e finada o 3 de setembro de 2022, foi unha mestra catalá que traballou pola coeducación, o scoutismo laico e a política local.
Traxectoria Naceu no seo dunha familia progresista e catalanista. A súa nai era modista e o seu pai que era pintor, loitou xunto aos republicanos ata o fin da guerra civil española. Ela medrou nun ambiente familiar de ideas republicanas e coñecemento do que supuxo o golpe de estado do 36, pero na escola os valores non eran os mesmos. Estudou nas Escolàpies do Masnou, onde tivo unha educación relixiosa e con 16 anos iniciouse nun grupo de mozas scout chamado Santa Xoaquina Vedruna e que despois xurdirá como Foc nou. Foi entón cando se decatou de como normalizara esa vida, sen ser consciente do que era vivir nunha ditadura.
En outubro de 1968, con algunhas amizades que eran tres matrimonios e as súas familias, fundaron no Masnou a Escola Bergantí, un centro educativo catalanista, plural, laico e baseado na coeducación. Como curiosidades, o nome do centro foi unha homenaxe ao Masnou, onde entón se fabricaban este tipo de barco, bergantín. O sistema educativo que construíron estaba baseado en proxectos, facendo que o alumnado experimentase o que ten que aprender e deste xeito interiorizase a materia. Daquela as referencias pedagóxicas foran: Célestin Freinet e Maria Montessori, populares nos anos 60.
Xa en en 1974 formou parte da unificación do scoutismo secular co nacemento de Escoltes Catalans, organización que presidiu durante seis anos. Para Giralt, o scoutismo deulle a oportunidade de ver outros lugares, viaxar fóra de Cataluña, coñecer outras culturas e tipos de educación e empaparse delas. Deste xeito, foi como comezaron as gañas de ensinar e transmitir esas pedagoxías, especialmente a danesa, sustituindo o ensino franquista. Nas súas palabras reivindicativas: "Toda a parte educativa ía de cara ao peche de mentalidades; nós pretendíamos o contrario: abrílas".
En 1979, encabezou a lista política do PSC no Masnou e foi elixida tenenta de alcalde. Foi a primeira muller en entrar no concello masnoví formado ata entón por homes e para ela "foi moi difícil porque tivo unha dobre loita por cousas distintas". Estivo durante catro anos á fronte dos departamentos de Educación, Cultura e Deportes do concello, e despois volveu a educacíón.
En 1984, foi nomeada vicepresidenta de Guiatge Català (guidismo en Cataluña) e do CEGE a escala internacional, representación do scoutismo catalá. Máis tarde, creou os Amigos e Antigos Scouts do Masnou.
Aínda que non volveu á primeira liña política, Giralt colaborou en moitas comisión informativas municipais e participou sempre que puido nas de temas sociais. Ela defendía a vida en comunidade e o respecto de todas as opinións e culturas, de aí a reivindicación dos valores de fortalecemento da personalidade desde a Escola Bergantí e o legado que deixou: "Carme sempre nos dixo: manipulación, experiencia e movemento. Se o metes na aula, e tes unha contorna privilexiada como a nosa, dáslle ao alumnado a posibilidade de escoller a mellor forma de interiorizar o coñecemento”.
Recoñecementos Giralt foi sempre unha defensora da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. No ano 2019 recibiu a Cruz de San Xurxo "polo seu traballo a prol da coeducación, así como pola súa contribución á unificación do scoutismo laico coa creación de Escoltes Catalans e a fundación da Escola Bergantí, todo un referente pedagóxico en Cataluña".
En 2022 foi nomeada filla predilecta do Masnou pola súa traxectoria profesional como mestra e por ser a primeira muller concelleira dese concello.
Notas
Categoría:Profesores de Cataluña Categoría:Educadores de Cataluña Categoría:Políticos de Cataluña Categoría:Nados en 1940 Categoría:Finados en 2022 Categoría:Nados en El Masnou