Lanzarote é unha illa española que fai parte do arquipélago das Illas Canarias, situado no océano Atlántico fronte das costas africanas. Pertence á provincia das Palmas. A capital da illa e a cidade máis poboada é Arrecife.

O nome Lanzarote pode vir do mariño xenovés Lanceloto Malocello, quen visitou a illa no século XIV.

Descrición miniatura|dereita|250px|Charco Verde, Yaiza. É a máis setentrional e oriental das illas do arquipélago canario. É coñecida habitualmente como "illa dos volcáns" e identifícase co manto volcánico que se estende ao longo de toda a superficie debido á grande actividade volcánica de principios do século XVIII.

Atópanse a unha distancia de 1.000 km da Península Ibérica e a 140 da costa africana. Ten unha superficie de 845,93 km² e unha poboación de 147.023 habitantes (2017), sendo os nativos da illa case a metade dos chegados desde outros lugares. Xunto á illa atópanse os illotes ou illas menores de Alegranza, La Graciosa, Montaña Clara, Roque del Este e Roque del Oeste, que forman o arquipélago Chinijo, administrativamente dependente de Lanzarote.

O pico máis elevado da illa é Peñas del Chache, no concello de Haría, con 671 m de altitude.

Natureza Lanzarote foi declarada en 1993 Reserva da Biosfera pola UNESCO, converténdose na segunda do arquipélago canario, mais por primeira vez un territorio no seu conxunto foi considerado Reserva da Biosfera pola Unesco, incluíndo todos os núcleos de poboación. Ademais, a Rede Canaria de Espazos Naturais Protexidos recolle nesta illa un total de 13 medios naturais, que representa máis do 40% do territorio insular, entre os que destaca o Parque Nacional de Timanfaya. Os espazos naturais protexidos da illa son:

Parques Nacionais Parque Nacional de Timanfaya

Parques Naturais Parque Natural do Arquipélago Chinijo Parque Natural dos Volcáns

Reservas Naturais Integrais Reserva Natural Integral dos Illotes

Monumentos Naturais Monumento Natural de La Corona Monumento Natural de Los Ajaches Monumento Natural da Cova dos Naturalistas Monumento Natural do Illote dos Falcóns Monumento Natural das Montañas de Lume

Paisaxes Protexidas Paisaxe Protexida de Tenegüime Paisaxe Protexida de La Geria

Sitios de Interese Científico Sitio de Interese Científico de Los Jameos Sitio de Interese Científico do Janubio

Etimoloxía A explicación do nome da illa de Lanzarote é das máis claras e aceptadas de todos os topónimos do arquipélago canario. Existe consenso entre os historiadores en que o nome procede do navegante xenovés Lanceloto Malocello, quen a visitou por primeira vez no primeiro terzo do século XIV e de cuxa presenza, aparentemente, atoparon algunha pegada os primeiros conquistadores normandos: o castelo de Guanapay, o máis antigo de Lanzarote, construído sobre unha antiga torre edificada en 1312 por Malocello. A illa denomínase "Insula de Lançarotus Marocelus" no primeiro portolano que recolle ás Illas Canarias máis ou menos na súa forma actual, o do mallorquino Angelino Dulcert, de 1339. Noutras cartas e mapas posteriores esta denominación sofre alteracións fonéticas, pero non cabe dúbida de que o nome actual deriva do ilustre visitante italiano que no seu día se detivo nela.

O vocábulo aborixe Titerogakaet parece que foi o empregado polos maxos para se referir á illa antes da súa conquista. Trátase dun termo de orixe bérber que foi emparentado co tuareg tetergaget, "a que está queimada", ou ben cos vocábulos titerok e akaet, que significarían "Montaña Colorada". Do mesmo xeito, a toponimia insular está infestada de voces de orixe indíxena, como Yaiza, Tinajo, Teguise, Timanfaya ou Guatiza, que comparten protagonismo con lugares de nome hispánico como San Bartolomé ou Puerto del Carmen.

Clima miniatura|dereita|Climograma de Lanzarote. As temperaturas máximas en Lanzarote oscilan entre 22º e 25º, as mínimas non descenden de 12º no inverno e a media de precipitacións é duns 200 mm anuais. As precipitacións varían dos 250 mm en Famara a tan só 50 mm na zona da Costa do Rubicón. O clima é moito máis amornado do que correspondería pola súa latitude xeográfica. Hai dous elementos climáticos que determinan a benignidade atmosférica: os alisios e a corrente fría das Canarias. O vento é practicamente permanente na illa. Nos meses de verán poden presentarse tormentas de vento con area procedentes do deserto ou siroco (tamén chamado calixe), con temperaturas de ata 46º (2004) e visibilidade moi reducida.

Lanzarote está inmersa na zona climática cálida e seca que se corresponde coa súa latitude, incluída no cinto de altas presións subtropicais. O seu clima é subdesértico, caracterízase por ter un réxime pluviométrico escaso (pluviosidade <200 mm anuais), atribuíble fundamentalmente á especial orografía da illa, xa que a súa escasa altura impide a retención da humidade que conteñen os ventos alisios, exceptuando as zonas máis altas (Os Ajaches e os Riscos de Famara). Esta característica impide a existencia de choivas orográficas, tan abundantes nas illas occidentais, xa que non existen obstáculos montañosos de envergadura que poidan deter o chamado «mar de nubes».

Historia Poboación aborixe de Lanzarote miniatura|300px|A chamada "quesera de Zonzamas", conxunto de canles elaboradas polos maxos. A illa de Lanzarote era coñecida xa na antigüidade polos fenicios e os romanos. Calcúlase que a illa está poboada desde hai polo menos dous milenios. Antes da conquista castelá, a illa estivo poboada por un grupo aborixe denominada maxos (en castelán majos ou mahos), un pobo bérber que vivía do pastoreo, a pesca e dunha agricultura moi limitada. A hipótese máis probable sobre o poboamento da illa apunta a ondas migratorias sucesivas desde o norte de África. O nome orixinal da illa é Tyterogakat ou "Tytheroygatra", que se traduciu como a queimada empregando un topónimo xeográfico bérber tuareg de Alxeria central.

Fontes Pouco se coñece dos primeiros poboadores da illa debido á escaseza de achados arqueolóxicos e de enterramentos prehistóricos. Esta case ausencia de restos arqueolóxicos pode deberse á propia natureza volcánica da illa, sepultando as erupcións volcánicas vivendas, utensilios etc dos primeiros poboadores. Outra causa pode ser tamén o saqueo a que foi sometida a illa por parte dos primeiros conquistadores.

As descricións que fixeron os primeiros europeos que visitaron a illa na Baixa Idade Media falan de homes de raza branca, altos, musculosos, de gran beleza, e había moitos louros entre eles...., nunha visión bastante idealizada dos habitantes da illa. Os datos que se coñecen dos aborixes da illa son indirectos e pouco fiables. A fonte documental máis importante é -Le Canarien-, un relato escrito polos capeláns domésticos dos franconormandos Jean de Béthencourt e Gadifer de la Salle durante a invasión da illa en 1402. Malia existiren algunhas inscricións aborixes nunha escrita tifinagh, non se puideron traducir, polo que as fontes arqueolóxicas son imprescindibles para lograr un maior coñecemento a respecto destas sociedades.

Economía e sociedade Os antigos maxos vivían do pastoreo, o marisqueo de ribeira, a recolección de froitos e tiñan unha agricultura moi limitada, que se centraba principalmente cultivo do trigo mourisco. Non coñecían os metais e perderan os coñecementos sobre a navegación oceánica. Vivían en covas ou chozas de pedra semienterradas (casas fondas), vestían peles de cabra sen curtir e alimentábanse de gofio, carne de cabra e peixe. Case todas as crónicas recollen o seu carácter apracible e hospitalario e a súa afección á música e o baile.

A organización social estaba adaptada ás condicións da illa, pobre en recursos de todo tipo. A xerarquía era patriarcal e hereditaria, exercida por reis que eran elixidos polos nobres, e a xustiza extremadamente dura segundo os primeiros visitantes europeos, administrábase na praza pública ou "tagoror". Outros datos a respecto da estrutura social indican unha adaptación á escaseza permanente de recursos. A procreación estaba limitada polo infanticidio feminino, práctica utilizada para lograr un control de poboación nunha illa de recursos escasos. Probablemente froito da práctica do infanticidio feminino, en determinado momento a poboación feminina chega a ser menor que a masculina, o cal levaría a que se desen casos de poliandría nos que cada muller tiña tres maridos que alternaban mes por mes (triandria), isto podería supor, doutra banda, unhas normas de residencia matrilocais.

A conquista de Lanzarote Primeiras expedicións As illa de Lanzarote era coñecida no mundo antigo. Foi visitada polos fenicios, que buscaban a orchilla, a prezada tinguidura vermella que crece nas rocas orientadas ao norte da illa. O único testemuño documental da época medieval, moi dubidoso, é a famosa viaxe de San Borondón. En 1312 o navegante xenovés Lanceloto Malocello redescubriu a illa de Lanzarote para Europa e deulle o seu actual nome, que aparece por primeira vez no mapa portolano de Angelino Dulcert en 1339. Durante os seguintes cincuenta anos organízanse varias expedicións, máis ben razzias, que buscan escravos, peles e tinguiduras. Comeza con isto o declive da poboación aborixe. En 1377 o biscaíño Ruiz de Avendaño, comandante corsario da frota castelá, naufraga tras unha tormenta na illa de Lanzarote, onde é recibido polo rei Zonzamas, que lle ofrece a hospitalidade de leito coa raíña Fayna. Desta relación nace a princesa Ico, branca e loura, nai do último rei de Lanzarote, Guardafia. En 1393, o nobre castelán Almonáster chega a Lanzarote. Cando regresa á península leva consigo nativos e algúns produtos agrícolas.

As primeiras expedicións europeas de saqueo á busca de escravos paraban primeiro en Lanzarote e La Graciosa, por ser as illas máis próximas á Península Ibérica. Isto contribuíu a unha diminución demográfica durante o século XIV, de maneira que cando chegaron as primeiras expedicións de conquista a poboación estaba en claro retroceso.

Conquista castelá miniatura|Gravado da expedición de Jean de Béthencourt e Gadifer de la Salle á Illa de Lanzarote. A conquista definitiva da illa prodúcese coa expedición dos mercenarios e aventureiros normandos Jean de Béthencourt e Gadifer de la Salle. Béthencourt, dono de varios señoríos, concibiu a idea de conquistar as Illas Canarias, para o cal obtivo o dereito de conquista por parte do rei Henrique III de Castela, en cuxa corte tiña influencias, conseguindo así o patrocinio da Coroa de Castela. Para emprender a conquista das illas, Béthencourt reuniu fondos propios e algúns alleos que puido recadar para armar varios barcos.

A expedición partiu do porto francés de La Rochelle en 1402 con aproximadamente 250 homes, a maior parte deles franconormandos. Despois de pasar polos portos da Coruña e Cádiz, a expedición chegou ao illote de Alegranza, aínda que coa tripulación xa reducida a menos da metade. Poucos días despois os expedicionarios chegaron a Lanzarote, onde non atoparon resistencia dos nativos e o mesmo rei Guadarfía ofreceu a Béthencourt os seus servizos e respectos, pasando así a illa a estar baixo a protección do nobre normando. Posteriormente, os expedicionarios establecéronse na Costa do Rubicón, no sur da illa, onde se establecería tamén a diocese Rubicense.