O Yuejing ou Clásico da música (chinés tradicional: 樂經; chinés simplificado: 乐经; pinyin: Yuèjīng; Wade-Giles: Yüeh4-ching1) foi un dos libros clásicos do confucianismo, perdido contra a dinastía Han. Autores coma Sima Qian considerárono o "Sexto Clásico", e pénsase que sería importante nas interpretacións tradicionais do Shijing 詩經 ou Clásico da poesía.

Historia Sobreviven trazas da obra noutros textos, coma o Zuo zhuan 左傳 ou Os anais de Zuo, o Zhou li 周禮 ou Os ritos dos Zhou, e no Yueji 樂記 ("Rexistro da Música"), décimo noveno volume do Liji 禮記 ou Clásico dos Ritos. Segundo o Han shu 漢書 ("Libro dos Han"), o músico Dou Gong 竇公, do reino de Wei, entregou unha copia do Yuejing ao emperador Wen dos Han.

O erudito da dinastía Qing Shao Yichen 邵懿辰 (1810-1861) propuxo a hipótese de que o libro nunca existiu. Esta tese foi recuperada recentemente por algúns estudosos contemporáneos, como Luke Waring. Porén, a versión máis aceptada é que todas as copias se destruíron durante a queima dos libros e o enterramento dos eruditos promovida polo emperador Qin Shihuang, tal e como se recolle na historia dinástica dos Song. A poética de Liu Xie 劉勰 (465-522), o Wenxin diaolong 文心雕龍, comparte a mesma idea.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Confucianismo Os Catro Libros e os Cinco Clásicos

Categoría:Confucianismo Categoría:Literatura en lingua chinesa