O pazo de Tarrío é unha construción civil situada no lugar de Tarrío, parroquia de Laíño, no concello de Dodro, de titularidade privada.
Descrición Iniciouse a construción en 1567 polo fidalgo Antonio Ballesteros del Mazo e a súa dona María Cardama, con posesións en Santiago de Compostela e en San Xián de Laíño. A planta ten disposición angular, conta cunha torre cuadrangular de amplas xanelas e posúe unha cheminea monumental. Na fachada principal hai unha escaleira que culmina nun patín e dá acceso á planta nobre. Ten unha fonte de dous canos que acubilla unha imaxe de Santo Antón e a capela do Corpus Christi.
O escudo, do século XVIII, está composto por dúas béstas cruzadas (armas dos Ballesteros), unhas vieiras e cinco estrelas dispostas en cruz.
Historia Erixido no século XVI, a súa construción foise desenvolvendo conforme medrou a fortuna da familia. En 1666, Antonio Ballesteros, consultor do Santo Oficio e rexedor da cidade de Santiago, causou un incendio que lle afectou á casa e no que arderon os papeis da facenda. A finais do século XVII comezaron os litixios entre os propietarios do pazo e a Igrexa.
Durante a guerra de independencia española os franceses entraron no pazo e arramplaron co que puideron. En 1819 o arcebispo Rafael Muzquiz, pouco despois do paso das tropas francesas, visitou o pazo. Entre os decendentes máis sobranceiros da familia Ballesteros destaca Luís López Ballesteros, ministro de facenda durante o reinado de Fernando VII.
A finais do século XIX, tralos prolongados e custosos preitos coa Igrexa pola titularidade, os Ballesteros perderon a capacidade económica para poder continuar co litixio e en consecuencia quedaron sen a propiedade do pazo no ano 1898, que pasou a pertencer deseguido á familia fidalga dos Romay. Dende entón o pazo comezou a deteriorarse, ata quedar en estado ruinoso a mediados do século XX.
Juan Ramón Quintás, economista, catedrático e un dos políticos que participou na aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1981, adquiriu a propiedade e rehabilitou o pazo.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Outros artigos Luís López Ballesteros
Ligazóns externas Turismo.gal Xunta de Galicia.
Tarrio Tarrio