EspazoCoop, formalmente coñecida como Unión de Cooperativas Galegas, é unha entidade multisectorial de carácter empresarial en Galiza, configurada como asociación sen ánimo de lucro. Integrada por cooperativas de distintas clases, EspazoCoop está inspirada nos principios cooperativos e os seus valores, e ten como obxectivo agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen. Ademais, busca a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico no marco da economía social e solidaria.

Historia EspazoCoop naceu en 2017 da fusión de tres entidades cooperativas preexistentes: a Federación de Cooperativas Sinerxia, a Unión de Cooperativas de Traballo Asociado (UGACOTA) e a Unión de Cooperativas de Ensino de Traballo Asociado (UCETAG). Esta fusión, que concluíu coa primeira asemblea ordinaria e o voto unánime dos asistentes en xuño, foi o resultado dun proceso colaborativo onde estas entidades decidiron unirse para crear economías de escala, mellorar a súa posición no mercado e gañar máis peso social. A integración de EspazoCoop, que tardou tres anos en completarse, foi un fito significativo no cooperativismo galego, sendo a primeira vez que se crea unha asociación "multiclase" en Galicia, permitindo a asociación de calquera tipo de cooperativa.

O resultado desta fusión é unha unión de cooperativas con nove traballadores distribuídos en tres sedes do eixo atlántico galego: A Coruña, Santiago e Vigo. EspazoCoop agrupaba a 181 cooperativas, das cales 152 eran de traballo, 28 de ensino e unha de consumo, con 1.120 socios traballadores e 570 empregados, cunha facturación conxunta de 45 millóns de euros. A data de 2023 no directorio de cooperativas de EspazoCoop hai 261 cooperativas.

A misión de EspazoCoop é agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias, así como promover o cooperativismo como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico. EspazoCoop aspira a ser unha entidade de referencia no ámbito do cooperativismo galego, con vocación de influencia na sociedade e de transformación social.

Valores e obxectivos Entre os valores de EspazoCoop están a apertura e non discriminación, autonomía e independencia, proactividade e participación, interese pola comunidade, responsabilidade social e sostibilidade, entre outros.

Os fins específicos de EspazoCoop inclúen a representación e defensa dos intereses colectivos das cooperativas asociadas, fomentar o cooperativismo, informar e asesorar sobre disposicións que afecten ás empresas cooperativas, promover a colaboración con entidades e institucións, e fomentar a igualdade de oportunidades e a integración social.

Organigrama O órgano de representación e decisión de EspazoCoop é a asemblea xeral de socios, que delega as responsabilidades de goberno nun consello reitor. Este consello reitor está integrado por persoas pertencentes ás cooperativas socias, elixidas en asemblea polos socios.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Cooperativa Coop57

Categoría:Asociacións de Galicia Categoría:Cooperativas