Jannick Buyla Sam, nado en Zaragoza o 6 de outubro de 1998, é un futbolista hispano-ecuatoguineano que xoga de centrocampista na Tarazona, da Primeira División RFEF. É internacional absoluto coa selección de Guinea Ecuatorial.

Traxectoria Formouse nas canteiras do Amistad e do Club Deportivo Oliver, antes de pasar polo equipo xuvenil do Real Zaragoza. Na tempada 2017/18 foi cedido ao Tudelano, co que debutou na Segunda División B. No mercado invernal volveu á disciplina zaragocista para se integrar no filial, o Deportivo Aragón, co que acabou descendendo á Terceira División.

Asentado na titularidade do filial, adestrador por Javier Garcés, na segunda parte da tempada 2018/19 foi convocado polo técnico do primeiro equipo, Víctor Fernández, que o fixo debutar en Segunda División nun encontro ante o Extremadura no Estadio Francisco de la Hera de Almendralejo, onde disputou os últimos cinco minutos de máis o desconto tras substituír a James Igbekeme nun partido que o Zaragoza gañou por 0-3.

Continuou no filial unha campaña máis, ata que foi subido definitivamente ao primeiro equipo para a tempada 2020/21. Con todo, contou con poucos minutos e en xaneiro saíu cedido ao UCAM Murcia, de Segunda B. Para a tempada seguinte foi cedido de novo, desta vez ao Gimnàstic de Tarragona, da Primeira División RFEF, onde disputou 24 partidos ás ordes de Raül Agné, 9 deles como titular. Tras esta segunda cesión, rescindiu o seu contrato co Zaragoza e despois duns meses sen equipo, nos que estivo adestrando co Teruel, fichou polo Badajoz en xaneiro de 2023.

Na tempada 2023/24 militou na SD Logroñés, ata que foi despedido en xaneiro de 2024 pola súa presunta participación no amaño dun partido na época na que era xogador do Badajoz. Ao mes seguinte foi detido pola policía, como sospeitoso de se poñer en contacto cos xogadores do Pontevedra Pablo Cacharrón e David Soto para tentar convencelos de amañar un partido.

Selección nacional En marzo de 2016, aínda en idade xuvenil, foi convocado por primeira vez pola selección sub-20 de Guinea Ecuatorial.

O 9 de setembro de 2019 debutou coa selección absoluta do seu país en partido oficial, na primeira rolda de clasificación para o Mundial de 2022, ante Sudán do Sur, que rematou con vitoria ecuatoguineana.

Notas

Categoría:Nados en Zaragoza Categoría:Nados en 1998 Categoría:Futbolistas de Aragón Categoría:Futbolistas de Guinea Ecuatorial Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Real Zaragoza B Categoría:Xogadores do Real Zaragoza Categoría:Xogadores do UCAM Murcia Categoría:Xogadores do Gimnàstic de Tarragona Categoría:Xogadores do SD Logroñés Categoría:Xogadores do Linares Deportivo Categoría:Xogadores da SD Tarazona Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Guinea Ecuatorial