miniatura|Dous Audi R8 da categoría LMP1 de sport prototipos en competición no Gran Premio de Atlanta de 2005 das American Le Mans Series. O automobilismo é o deporte consistente en todo tipo de probas de vehículos con motor de catro rodas ou máis, normalmente modificados ou construídos especialmente co fin de competir. É regulado principalmente a nivel mundial pola Federación Internacional do Automóbil como unión das Federacións Automobilísticas membros, no caso de España, a RFEDA, que á súa vez está formada polas Federacións Autonómicas, estando Galiza representada pola Federación Galega de Automobilismo.

Tipos de competicións A FIA ten a súa base fundamental no Apéndice J do Código Internacional dos Deportes de Motor, que define tres categorías principais divididas en grupos, e por outra banda, presenta tamén unha división por cilindrada(en inglés e francés) Artigo 251, sección 1 do Apéndice J do Código Internacional de Deportes de Motor . Estas tres categorías son as de automóbiles manufacturados (aqueles fabricados baixo a definición de coches de rúa, modificados especialmente ou non), automóbiles de competición (aqueles construídos especificamente para competir nunha categoría) e camións.

Este deporte pódese dividir en dúas ramas, a organizada directamente pola FIA e as súas federacións membros, sendo os seus máximos expoñentes a Fórmula 1, o World Touring Car Championship e o World Rally Championship, e as organizadas polas asociacións norteamericanas subordinadas ó Automobil Competition Committee for the United States (ACCUS) e ás súas asociacións membro, que á súa vez tamén están subordinadas á FIA Páxina 2 da solicitude de licenza de condución da FIA para o ACCUS de 2007 . Porén, nas categorías estadounidenses aínda que a FIA é a encargada de regula-lo deporte mediante o seu código, deriva as responsabilidades de organización ás nove asociacións membros da ACCUS. As tres máis importantes son a National Association for Stock Car Automobile Racing (NASCAR), que organiza as competicións de autos stock e de camións, e conta á súa vez con diferentes niveis de competición en varios países; a Champ Car, que organiza un campionato de monoprazas open-wheel; e a Indy Racing League, unha escisión da Champ Car que regula outra competición de características semellantes e que ten como proba estrela as 500 Millas de Indianápolis.

Tamén existen outras competicións automobilísticas fóra destas dúas ramas principais e da xurisdición da FIA, tendo a súa máxima representación no Rally Dakar, organizada pola Amaury Sport Organization, ou que a Federación Internacional do Automóbil non recoñece como competicións profesionais, como o drifting.

Historia

O cambio de século (1894-1918): o comezo dun deporte miniatura|Marcel Renault durante a París-Madrid de 1903. Nesa carreira sufriu un grave accidente que rematou coa súa vida e coa de 8 espectadores.

Os inicios do automobilismo pódense situar a finais do século XIX, pouco despois da construción dos primeiros vehículos alimentados con gasolina. En 1894, a revista parisiense Le Petit Journal organizou unha proba de rendemento, que resultou se-la primeira competición automobilística da Historia: a Paris-Rouen de 1894, na que o Conde Jules de Dion levaría a vitoria co seu De Dion-Bouton, aínda que logo sería descualificado.

Un ano despois tería lugar a primeira carreira real, de París a Bordeos. Saíu vitorioso Émile Levassor, que tamén sería descualificado por non correr cun vehículo de catro prazas como establecían as normas.

No ano 1900, James Gordon Bennet Jr. estableceu a primeira competición regular de automóbiles, a Copa Gordon Bennet. Era unha competición internacional na que cada país podía inscribir até tres vehículos manufacturados totalmente no seu territorio. Esta competición sería tamén a primeira en utiliza-las cores identificativas para cada país. A semellanza desta competición, naceu tamén nos Estados Unidos a Copa Vanderbilt en 1904.

En 1906, disputouse por primeira vez a primeira carreira que levaría dunha forma regular o termo Grand Prix: o Grand Prix do Automobile Club de France. Nun circuíto situado preto de Le Mans, o húngaro Ferenc Szisz gañou a proba a bordo dun Renault.

En 1911, celebráronse por primeira vez as 500 millas de Indianápolis, e a primeira proba baixo a denominación de rally, o Rally de Montecarlo, aínda que varias probas deste tipo foron disputadas en anos precedentes en Italia (Targa Florio), Alemaña (Prinze Heinrich Fahre) ou Gran Bretaña (Thounsand Mile Trial), e varias carreiras de longa distancia, como a Pequín - París de 1907 ou a Nova York - París de 1908.

Os anos de entreguerras (1918-1939): internacionalización e primeiras organizacións miniatura|O Conde Louis Zborowski a bordo do Chitty Bang Bang 1 en Brooklands en 1921. Nesta época pódense salientar tres evolucións principais no deporte: a internacionalización dos Grandes Premios, a organización nunha federación internacional e a diferenciación entre os coches de rúa e vehículos deseñados e preparados para a competición.

En 1922, Italia importou o termo Grand Prix, procedente de Francia, para unha carreira precisamente en Monza. Após dous anos, Bélxica e España farían o mesmo, e axiña se estendería a outros países. En 1933 celebrouse por primeira vez o Gran Premio de Mónaco, no que se introduciu por primeira vez a clasificación para determina-los postos de saída na carreira, substituíndo ó sorteo. Cada tempada o número de probas consideradas con status de Grandes Premios aumentou, chegándose a disputar 18 en 1934. Outra competición importante que xorde nesta época é as 24 horas de Le Mans, organizadas por primeira vez en 1923, amosando que fóra dos Grandes Premios non eran as únicas competicións existentes.

En 1924, os clubs automobilísticos de varios países organizáronse nunha federación internacional: a Association Internationale des Automobile Clubs Reconnus (AIACR), que logo mudaría o seu nome polo de Fédération Internationale de l'Automobile (FIA), cuxo órgano interno, a Commision Sportive Internationale (CSI) foi a encargada de regula-la competición de Grandes Premios e outras modalidades internacionais, que até o momento se regulaban por potencia e peso dos vehículos. Porén, en 1928 estas normas foron abandonadas e instaurouse a chamada Fórmula Libre, na que cada Gran Premio poñía as súas propias normas en canto á configuración dos coches. De 1925 data o primeiro Campionato de Mundo de Construtores, consistente en 4 probas en Europa e Estados Unidos. Xa en 1931, instaurouse o Campionato de Europa de Automobilismo para pilotos, estando vixentes ámbolos dous até o comezo da segunda guerra mundial en 1939.

Nestes anos, comezaron a xurdi-los primeiros coches preparados especificamente para a competición, utilizándose até daquela coches de rúa. Nomes como Enzo Ferrari, Ettore Bugatti, Ferdinand Porsche ou Alfieri Maserati, e fabricantes como Mercedes-Benz implicáronse no deporte, fabricando coches con novas tecnoloxías da época. Por outro lado, nos Estados Unidos, comezan a organizarse os primeiros eventos procedentes dos retos que se facían os contrabandistas de alcohol durante a Lei seca. Para escapar da policía, tiñan que modifica-los seus coches para aumenta-la potencia, a velocidade punta, e diminuí-lo peso, costumes que foron adoptadas polos que despois competirían nestes eventos organizados, que máis tarde darían lugar ás competicións de autos stock.

Dende a segunda guerra mundial á guerra fría (1939-1980): a diversificación en categorías

Co comezo da segunda guerra mundial, en 1939, e durante toda a súa duración, o deporte do automobilismo ficou reducido a eventos menores xeralmente disputados no continente americano, sobre todo nos Estados Unidos, a Arxentina e o Brasil. Pero nada máis remata-la contenda, a competición volveu a Europa, disputándose a primeira proba en París en 1945. Nestes anos, aparecen as primeiras competicións de drag racing en Norteamérica, fundándose a National Hot Rod Association, o meirande órgano regulador, en 1951 da man de Wally Parks.

En 1946, a Commision Sportive Internationale da FIA instaurou as regras para unha categoría nova, con comezo en 1950, baixo o nome de Fórmula A, e que serviría como máxima categoría do deporte. Na actualidade, coñecémola baixo o nome de Fórmula 1, categoría cumio do deporte e na que máis cartos se invisten con diferenza. O primeiro GP disputado foi o de Inglaterra, e sería o primeiro Campión Mundial de Pilotos o italiano Giuseppe Farina.

Por outro lado, en 1947, Bill France Sr. coa axuda doutros pilotos e promotores de autos stock da época, fundou a National Association for Stock Car Auto Racing (NASCAR), nunha reunión nun hotel de Daytona Beach, Florida. A NASCAR serviría como órgano regulador de tódalas categorías norteamericanas de autos stock, e dende aquela a súa importancia non pararía de medrar. O 15 de febreiro de 1948 disputouse a primeira carreira en Daytona, gañada por Red Byron a bordo dun Ford modificado. O propio Byron gañaría o Campionato Nacional dese ano. En 1958 disputaríase por primeira vez a Daytona 500.

En 1953, a FIA crea o World Sportscar Championship para coches sport prototipos. Sería nunha das probas desta categoría na tempada de 1955 cando se produce o peor accidente da historia do automobilismo nas 24 horas de Le Mans, no que morreu o piloto francés Pierre Levegh e 82 espectadores máis.

No que ó rally se refire, a década dos 50 foi a etapa de ouro das probas de longa distancia. Viuse o nacemento de probas como o Rally dos 1000 Lagos en Finlandia (1951) ou o Rally da Acrópolis en Grecia (1956), o que levou á FIA a crea-lo Campionato de Europa de Rallies. Xa en 1973 nace o World Rally Championship, considerado o segundo maior evento da FIA após a F1.

Tamén en 1956 naceu o karting, cando o empregado de Kurtis Kraft Art Ingels construíu o primeiro kart en California. Ó ano seguinte, xa aparecera a International Kart Federation para leva-las funcións de corpo regulador da categoría nos Estados Unidos, e en 1962 a FIA toma o mando na categoría e crea a Commission Internationale de Karting, establecendo o Karting World Championship en 1964.

En 1958 nace o British Saloon Car Championship, que agora coñecemos como British Touring Car Championship, a primeira competición regular de turismos, que sería seguida en 1963 polo European Touring Car Championship e en 1987 polo World Touring Car Championship, reanudado en 2005.

Xa en 1979, aparece nos Estados Unidos a primeira competición de monoprazas open-wheel autóctona, a CART, actualmente nomeada como Champ Car. No mesmo ano tamén se disputa a primeira edición do rally Dakar.

Dende 1980 á actualidade: de deporte a negocio Dende 1980 até a actualidade, o deporte pouco a pouco medrou en importancia así como en impacto social e económico. Isto comezouse a notar cando a finais da década dos 70 e a comezos dos 80, unha serie de desacordos entre a Fédération Internationale du Sport Automobile e a Formula One Constructors Association polos dereitos das retransmisións por televisión, coñecidos como a guerra FISA-FOCA, e que levaron incluso á cancelación de varias carreiras de Fórmula 1, tiveron que ser resoltos tras arduas e longas negociacións coa sinatura do primeiro Pacto da Concordia, que lle daba a Bernie Ecclestone o control económico da categoría.