Budapest Honvéd FC é un club polideportivo húngaro con sede en Budapest.
Historia En 1909 fundouse coma o Kispest AC. Kispest é o barrio de Budapest onde xurdiu o club. En 1926 pasou a se-lo Kispest FC, mais en 1944 volvería ao seu nome orixinal. En 1949 O Ministerio de Defensa fíxose co control do club e converteuse na escuadra do Exército Húngaro. Asismesmo, Kispest comezou a formar parte do Distrito XIX de Budapest así que o club rebautizouse coma o Budapest Honvéd SE. Este nome provén da verba húngara Honvédség, que é o nome do exército do país. honvéd quere dicir literalmente defensor da patria.
Antes de converterse na escuadra do exército, o único título que conseguira o equipo foi unha Copa de Hungría de Fútbol no ano 1926.
Copa de Europa En 1956 Honvéd participou na Copa de Europa, e tocoulle enfrontarse na primeira rolda co Athletic de Bilbao. Perderon por 3-2 en Bilbao e antes de que puidera xogarse o encontro de volta estoupou a Revolución Húngara de 1956 en Budapest. Os xogadores negáronse a volver a Hungría e conseguiron que a volta se xogara en Bruxelas. De calquera xeito o gardameta do Honvéd mancouse nos primeiros minutos do encontro e o extremo esquerdo Zoltán Czibor tivo que ocupa-lo seu posto. O resultado foi de 3-3, cun total na eliminatoria favorable ós bilbaínos por 6-5.
Xira mundial A eliminación da Copa de Europa deixou á escuadra no limbo. Os xogadores negábanse a retornar a Hungría e incluso trouxeron ás súas familias dende Budapest. En contra da FIFA e da Federación Húngara de Fútbol organizaron unha xira por Italia, Portugal e España, pola sinxela razón, segundo declararía anos despois o propio Ferenc Puskás, de que non tiñan cartos nin para xantar. Algúns destes encontros foron un empate 5-5 contra un combinado de Madrid e unha vitoria 4-3 contra o FC Barcelona.
Dende México chegou unha oferta de asilo político e unha invitación para que o club se unira á liga nacional. Decidiron rexeitala, mais aceptaron acudir a un torneo no Brasil co CR Flamengo e o Botafogo.
Despois disto a FIFA declarou ilegal o equipo e desautorizounos para emprega-lo nome do Hónved. Á volta a Europa, separáronse. Algúns coma József Bozsik regresarían a Hungría mentres que outros coma Zoltán Czibor, Sándor Kocsis ou Ferenc Puskás marcharían para España. Os dous primeiros para o FC Barcelona e Puskas para o Real Madrid.
En 1991 mudou de novo o seu nome a Kispest Honvéd FC. O seu nome actual adoptárono en 2003.
Títulos Fútbol Liga húngara de fútbol: 13 1949/50, 1950, 1952, 1954, 1955, 1980, 1984, 1985, 1986, 1988, 1989, 1991 1993 Copa de Hungría de fútbol: 7 1926, 1964, 1985, 1989, 1996, 2007, 2009 Copa Mitropa: 1 1959 Trofeo Cidade de Vigo: 1 1974
Balonmán Campionato de Europa: 1 1982
Wáter-polo Euroliga LEN:1
Xogadores
Xogadores clásicos József Bozsik Zoltán Czibor Gyula Grosics Sándor Kocsis Ferenc Puskás Lajos Tichy Lajos Détári Béla Illés Vasile Miriuţă Sándor Torghelle
Véxase tamén Ligazóns externas Páxina web oficial do club
Categoría:Budapest Honvéd FC Categoría:Equipos de wáter-polo