Lunar Orbiter 1 foi unha sonda espacial da NASA lanzada o 10 de agosto de 1966 mediante un foguete Atlas SLV-3 Agena D desde Cabo Cañaveral cara a Lúa.

Características Lunar Orbiter 1 foi unha sonda do programa Lunar Orbiter para fotografar a maior parte da superficie lunar cunha resolución de ata 1 metro de cara a facilitar o camiño para as alunizaxes do proxecto Apollo. Tamén levaba a bordo medidores de intensidade da radiación e de impacto de micrometeoritos.

Lunar Orbiter 1 foi posta nunha órbita de aparcamento terrestre o 10 de agosto de 1966 para ser inxectada nunha órbita de transferencia cisluar pouco despois. Durante a súa viaxe á Lúa experimentou a perda temporal do sensor estelar que apuntaba a Canopus e problemas de quecemento. A sonda foi inxectada nunha órbita elíptica case ecuatorial cun período de 3 horas e 37 minutos ás 92,1 horas despois do lanzamento. O periapse inicial era de 189,1 km (baixado ata os 40,5 km o 25 de agosto) e o apoapse inicial era de 1866,8 km.

A nave tomou 42 imaxes de alta resolución e 187 de media resolución, cubrindo 5 millóns de km2 de superficie lunar e obtendo as dúas primeiras fotografías da Terra desde a distancia da Lúa. Tamén recolleu datos sobre a radiación, non detectando ningún impacto de micrometeoritos. Tras cumprir a súa misión a nave foi estrelada contra a superficie da Lúa o 29 de outubro de 1966, tras 577 órbitas.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Programa Lunar Orbiter Atlas SLV-3 Agena D Lunar Orbiter 2 Lunar Orbiter 3 Lunar Orbiter 4 Lunar Orbiter 5

Categoría:Programa Lunar Orbiter