Kanopus-V-IK ou Kanopus-Vulkan-IK é un satélite artificial para observación terrestre de Rusia.
Características Kanopus-V-IK é realmente un satélite Kanopus-V modificado para poder observar tamén no infravermello. Ten unha masa de aproximadamente 600 kg e foi construído por NPP VNIIEM con cámaras de OAO Peleng para a axencia espacial rusa Roskosmos. A súa misión é monitorizar e controlar desastres naturais e humanos, levantar cartografía, detectar contaminación, estudar fenómenos físicos relacionados coa predición de terremotos e controlar o uso de terras para agricultura e os recursos hídricos e costeiros. Grazas á súa capacidade infravermella é capaz de detectar focos de incendios forestais dun tamaño de cinco por cinco metros en franxas de 2000 km de longo.
Kanopus-V-IK leva tres instrumentos a bordo:
Unha cámara pancromática (PSS, Panchromatic Imaging System) para monitorización medioambiental, da agricultura e dos bosques. Proporciona unha resolución de 2,5 m nunha banda de 20 km de longo para lonxitudes de onda entre 500 e 800 nanómetros. Unha cámara multiespectral (MSS, Multispectral Imaging System) para monitorizar superficies costeiras e terrestres e cubertas de xeo. Ten unha resolución de 12 m nunha banda de 20 km de longo en catro bandas espectrais: 500 a 600 nm, 600 a 700 nm, 700 a 800 nm e 800 a 900 nm. Unha cámara infravermella (MSU-IR-SRM, Multichannel radiometer for medium and far infrared ranges) para observar bandas de 2000 km de longo cunha resolución espacial de 200 m e sensibilidade suficiente para detectar focos de incendios de 5x5 m.
O satélite foi lanzado o 14 de xullo de 2017 mediante un foguete Soiuz 2-1a Fregat desde o cosmódromo de Baikonur.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Kanopus-V Soiuz 2-1a Fregat
Categoría:Satélites artificiais